Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2025 | Actualizada ás 12:04
A Fiscalía rebaixou a petición de pena solicitada para un xestor acusado do delito de estafa, e que recoñeceu quedarse con máis de 110.000 euros de devolucións do IRPF utilizando os datos tributarios de varios contribuíntes cos que tiña relación profesional. O ministerio público solicitaba inicialmente a pena de 4 anos e 6 meses de cárcere, pero este martes, nunha vista celebrada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, modificou as súas conclusións para introducir as circunstancias atenuantes de confesión e de reparación do dano.
Así, o Fiscal explicou no xuízo que o acusado "recoñeceu os feitos desde o primeiro momento" e que xa empezou a devolver o diñeiro estafado (pagou algo máis de 4.000 euros). Por iso, reclamou que se apliquen esas atenuantes e que se lle impoña unha pena de 1 ano de cárcere, e multa de 480 euros. O Fiscal tamén trasladou ao tribunal que non se oporá á suspensión da execución da pena de cárcere por un período de 5 anos, sempre que o acusado cumpra a súa promesa de seguir devolvendo o diñeiro estafado, a razón de 500 euros ao mes.
Pola súa banda, a Avogacía do Estado mantivo a súa petición de penas que suman 3 anos e medio de prisión, e multa de 1.800 euros, ao entender que, aínda que pode haber unha atenuante de confesión, o procesado non reparou totalmente o prexuízo causado á Administración Tributaria. A defensa adheriuse ás teses do ministerio fiscal e remarcou que o home está "sumamente arrepentido" do que fixo, que confesou desde o primeiro momento, á vez que apuntou que se atopa en "situación precaria" e, aínda así, comprometeuse a devolver o diñeiro. As partes renunciaron á práctica da proba, tendo en conta de que o acusado recoñeceu os feitos. A preguntas do Fiscal, o home aseverou que o recolleito no escrito de acusación pública "é certo, de principio a fin".
FEITOS
Os feitos polos que é acusado ocorreron entre 2017 e 2022, cando o home traballaba como xestor e asesor tributario. Nese tempo, solicitou da Axencia Española de Administración Tributaria (AEAT) en nome de distintos contribuíntes (que ignoraban o que estaba a facer), dos que tiña os datos fiscais, decenas devolucións en relación co IRPF. O acusado presentaba telematicamente as declaracións tributarias usando os datos deses contribuíntes, e puña como contacto o seu propio mail. Cando se acordaban as devolucións, o home achegaba a súa propia conta bancaria, ou contas dos seus familiares, para recibir o diñeiro. En total, a cantidade estafada ascendeu a 110.553,73 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.