Temas: CELANOVA CINEMA

Estréase ‘Relax & Siesta: Terra de Celanova’

Arxuína Producións, en colaboración coa Mancomunidade Terra de Celanova, estrean na Internet a nova entrega desta serie de imaxes e música suxerentes para a hora da soneca. Vídeo no interior.

Por GC Tendencias | Santiago | 06/07/2016 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

Relax & Siesta é un proxecto audiovisual da videoartista Xudit Casas e do compositor Adrián Saavedra. A peza dedicada á Terra de Celanova gravouse durante a época estival e mostra paisaxes de Galicia atípicas do imaxinario popular, lonxe da choiva e dos ceos grises. Aínda así, destaca o contraste coa anterior obra, realizada na illa de Mallorca.

Xudit Casas e Adrián Saavedra.
Xudit Casas e Adrián Saavedra.

A videoartista celanovense experimenta para darlle unha volta aos vídeos de relaxación e, usando as imaxes a modo de postais en movemento, introduce neste volume, fermosas paisaxes propias dos documentais de natureza cun concepto artístico. Este traballo caracterízase por usar o plano subxectivo para trasladar ao público a distintos enclaves, xunto cunha fermosa composición para piano do músico pontevedrés Adrián Saavedra, fará que esta obra sexa unha delicia sonora e visual para o público, a non ser que o sono llo impida.

A rodaxe levouse a cabo nos concellos de Verea, Quintela de Leirado, Gomesende, Ramirás, Cartelle, Pontedeva, A Merca e Celanova. Non obstante, tampouco se ven os enclaves históricos máis famosos. Casas e Saavedra presentan unha obra que mostra e reivindica o valor do noso patrimonio natural. “Esta zona é formidable para facer sendeirismo e outros deportes, e moitos planos rodáronse en diferentes rutas”, engade a directora celanovesa. Afincada en Madrid, manifesta o bo e o malo de rodar na casa, xa que “coñecín un pouco máis o meu fogar, algúns currunchos marabillosos, pero tamén me presionei por xogar na casa. Anque leda, estou algo nervosa, espero que lle guste á xente da miña terra.”

A obra foi posible grazas á cooperación coa Mancomunidade. “É fundamental que a nosa cultura sexa apoiada polas institucións, e máis na actualidade. A Mancomunidade é un exemplo de que é posible. Agradecemos a confianza que depositaron no noso traballo e desexamos que o resultado sexa do agrado do público", explican os autores.

Pola súa parte, José Antonio Pérez, presidente da Mancomunidade Terra de Celanova, considera que “esta colaboración ten tres pilares fundamentais: o fomento do turismo e dar a coñecer a riqueza paixasística da Mancomunidade; a promoción do patrimonio e cultura audiovisual, tan potente na nosa zona; e o recoñecemento ao traballo dunha muller. Unha artista oriúnda e moi prolífica que xa puxo estas terras no mapa en numerosas ocasións pese a súa xuventude.”

UNHA OBRA PARA BOTAR UNHA SONECA

Relax & Siesta é a primera serie adicada exclusivamente a durmir a sesta, cuxo primeiro volume foi Mallorca. Os vídeos teñen unha duración de entre 20 e 30 minutos, o tempo aconsellado científicamente para esta costume tan arraigada. “Ademáis, a maioría destes vídeos de relaxación só se centra na música e non coida a imaxe,” afirma Casas, quen “quería unha obra que pensase tamén nos que non durmimos a sesta pero que nos apetece relaxarnos uns intres e deixarnos levar a través de imaxes suxerentes.”

Atendendo a composición musical, Adrián Saavedra explica que “a música de Terra de Celanova xorde coma unha extensión da propia imaxe. Traza unha liña que vai evolucionando dende un minimalismo, por definición estático, ata unha sonoridade máis colorística que se nutre da imaxe para crear unha paisaxe evocadora. Sen chegar a ser densa en ningún momento, o principal obxectivo segue sendo o Relax & Siesta”.

Temas: CELANOVA CINEMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta