A resaca do 26X

Analizadas as eleccións do pasado 26 de Xuño na súa dimensión galega, hai unha constatación pouco discutíbel:os dirixentes do PPdG e do PSdG teñen motivos para amosar satisfacción polos resultados acadados e as demais forzas concorrentes non están para botar foguetes.

Por Xesús Veiga | Compostela | 08/07/2016

Comparte esta noticia

Despois de perder 5 deputados e acadar o 37% dos votos o 20 de Decembro, Feijoo estaba moi preocupado pola repetición electoral:manter os 10 escanos sería un mal comezo para a carreira ao Parlamento do Hórreo.No PSdG tamén había unha notábel inquedanza:a maioría dos inquéritos indicaban que o “sorpasso” da Marea ía medrar e nin sequera estaban asegurados os 6 escanos obtidos en Decembro.

Para uns e outros, as cifras do 26-X representaron un alivio.O presidente da Xunta recupera a esperanza da maioría absoluta na vindeira cita de outono.Leiceaga ve mais verosímil a expectativa de encabezar unha hipotética alternativa gobernamental ao PP.A pesar de que o nivel de incertidume segue sendo superior ao que había no ano 2012, os dous referentes do bipartidismo na Galiza teñen un mellor estado anímico que hai un mes.

Nas Mareas e no BNG as dúbidas son moito maiores.Os milleiros de votos e o deputado perdidos pola coalición requiren un diagnóstico acertado e urxente para enfrontar con mais garantías os comicios galegos.Qué causas motivaron o devalo sufrido o 26-X?A secundarización do compoñente nacionalista (renuncia ao partido instrumental para forzar a consecución do grupo parlamentar propio, excesiva presenza dos referentes estatais na dinámica da campaña…)?A reiterada exhibición dunha forte conflitividade interna vinculada a loitas pola consecución de espazos de poder para as distintas partes integrantes da confluencia?A desmobilización provocada pola constatación da inviabilidade dun goberno de coalición co Partido Socialista?O maior ou menor peso de cada un destes factores –ou de outros adicionais- pode resultar determinante para fixar con mais precisión a identidade da oferta política ao corpo electoral galego.

No caso do BNG, a erosión notábel padecida nesta consulta certifica o desacerto e a incapacidade dos seus dirixentes á hora de promover a credibilidade social da organización nacionalista.Pensar que o motivo fundamental do resultado obtido o 20 de Decembro foi a desaparición da sigla na propaganda electoral revela un descoñecemento tan relevante da realidade que cuestiona a viabilidade futura da propia forza política.Resulta evidente que se o BNG fica fora do Parlamento galego habería que falar –mais alá do ámbito municipal- do punto final desta histórica formación política.

A diferenza do que sucedía hai catro anos, Feijoo non ten asegurada a maioría absoluta da futura Cámara galega aínda que, se cadra, dispón da “válvula de seguridade” dos hipotéticos deputados que obteña C’s.Na outra banda do escenario, o desenlace final dependerá de dúas circunstancias:do maior ou menor acerto das Mareas na preparación e presentación da súa alternativa e do impacto que poda ter sobre o electorado do PSdG a decisión que adopte a equipa de Pedro Sánchez a respecto da investidura de Rajoy.Faltan poucas semanas pero serán decisivas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.