Por Galicia Confidencial | Galicia | 19/10/2006 | Actualizada ás 17:18
Elimina a figura do Delegado/a, responsable da TVG nas Delegacións, e substitúe esa figura pola dun Coordinador contratado directamente polas Productoras.
O primeiro paso tralo coñecemento oficial das denuncias foi eliminar a figura do Delegado, que era un traballador contratado pola propia compañía, que traballaba en cada Delegación e que era vínculo directo entre a Televisión de Galicia e os traballadores das Delegacións.
Decidiron ordenar ás productoras que puxeran en funcionamento a figura do Coordinador coas mesmas funcións que o que ata este momento era delegado/a, pero que estará contratado directamente pola productora o que elimina a figura dun traballador da Galega no que eles consideran que non é a súa Delegación..
Así pretenden acabar cun baleiro legal mantido ata o de agora e dar a imaxe de que entre Delegacións e Compañía non existe ningún tipo de vínculo laboral. O que é rotundamente FALSO.
Se ata o de agora as ordes chegaban ós traballadores das Delegacións a través dos responsables da TVG, agora será a través dun traballador contratado pola productora.
Pensan que así rompen calquera vínculo real entre os traballadores de San Marcos e os das diferentes provincias.
Dáranse situacións tan esperpénticas como a da Delegación de Vigo, onde os traballadores quedan nun piso e a Delegada marcha para o piso de arriba prohibíndoselle todo contacto directo cos traballadores.
Os delegados de Lugo e Ourense, por exemplo, foron desprazados dos seus postos..
A orde, aínda que saíu directamente de San Marcos, chegou ós traballadores da man das propias productoras.
Desta orde chegaron unidas ameazas veladas para que tódolos traballadores retirasen as súas demandas. Pero o certo é que agora está en xogo tamén a nosa dignidade como traballadores dunha empresa que de súpeto nos rexeita.
Os traballadores das Delegacións da CRTVG, cremos que é indigno o tratamento que estamos a recibir de San Marcos. De repente, tratan de dar unha imaxe de desvinculación total con nós cando é completamente FALSA.
Traballamos exclusivamente para eles, aínda que é posible que a partir de agora tamén provoquen un cambio nesa situación; recibimos ordes directament dos nosos xefes de informativos de Santiago; aínda que está claro que agora pretenden que a situación, polo menos aparentemente, cambie; somos a súa imaxe e facemos un producto exclusivo para os informativos da compañía e deso non hai NINGUNHA DÚBIDA.
Non entendemos esta actitude da Compañía que, despois de coñecer a existencia de denuncias dos seus traballadores que só reclaman os seus dereitos, deciden modificar substancialmente as súas condicións de traballo.
Algúns traballadores levan anos cumprindo coa Galega e agora só reclaman ese cambio tan prometido pola nova dirección do Ente.
Non queremos nada que non nos corresponda, pero non entendemos como poden tratarnos como a traballadores externos á casa cando SEMPRE traballamos ó seu servizo.
Agora o que máis nos chama a atención é que a súa actitude sexa disfrazar unha situación insostible dándolle a apariencia de normalidade.
Crear novas figuras de forma repentina e eliminar os lazos de unión entre Delegacións e Central en San Marcos, só nos da a razón e confirma a xustiza das nosas reivindicacións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.