TURISMO.- A busca de novas experiencias e "gozar da paisaxe", motivación para realizar o Camiño

A semana previa ao 25 de xullo, Santiago recibiu 8.235 peregrinos, mentres que o mesmo período do ano pasado rexistraba 7.735 persoas

Santiago de Compostela | 25/07/2016 | Actualizada ás 18:26 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os peregrinos que chegaron a Compostela no día da celebración do Apóstolo aseguran que a motivación para facer o Camiño nestas datas foi a busca de novas experiencias e "gozar da paisaxe", pero en varios casos consultados, ningún fixo coincidir a propósito a súa chegada ante a Catedral compostelana co Día do Apóstolo.

Así o asegurou a Europa Press unha familia valenciana que chegou a Santiago dende Sarria este domingo. "Sabiamos que era o día do Apóstolo, pero escollémolo por casualidade", sinalaron. A decisión de facer o Camiño tomárona durante a celebración das Fallas valencianas. "Ao chegar aquí atopámonos con máis fogos", bromearon.

Pola súa parte, Cristina e Patricia son dúas mozas cataláns que decidiron filmar a súa experiencia camiñando dende Sarria durante cinco días. Cristina está a facer o seu proxecto final de Bacharelato quixo recolectar as historias do Camiño Francés.

Realizouno coa axuda da súa irmá pequena, de 14 anos, e as dúas resaltaron a seguridade do Camiño "a pesar de ser menores". "Tan só nun albergue tivemos problemas para durmir porque non nos deixaban quedar a dúas menores soas", puntualizaron. Non obstante, grazas á axuda de máis peregrinos, conseguiron solucionar "tódolos obstáculos", polo que destacaron que "os amigos do Camiño son, sen dúbida, a mellor parte".

APÓSTOLO MULTITUDINARIO

Durante a semana previa ao 25 de xullo, Santiago recibiu un total de 8.235 peregrinos, un dato que supera ao mesmo período do ano anterior, cando chegaron á cidade 7.735 persoas, e ao do último Ano Santo (2010), que contabilizou 8.080 visitas.

Segundo sinalou a Oficina do Peregrino a Europa Press, na xornada do sábado 23 chegaron 1.833 peregrinos, fronte aos 1.725 rexistrados en 2015 e os 2.352 que o fixeron no mesmo día de 2010.

Pola súa banda, os peregrinos lamentaron que durante a mañá deste luns non puideron chegar camiñando coas súas mochilas ás inmediacións da praza do Obradoiro, debido ao equipo de seguridade despregado con motivo da ofrenda ao Apóstolo Santiago.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta