Por gcdeportes | Vigo | 30/07/2016 | Actualizada ás 09:51
Hai dúas campañas foi elexido mellor xogador da Liga danesa, e o Celta xa buscou a súa fichaxe o pasado verán, pero non alcanzou as pretensións económicas do seu club. Agora, trala saída de Nolito cara ao Manchester City e tras fallar a opción de Adem Llajic, o club celeste pechou a contratación de Pione Sisto, de 21 anos e procedente do Midtjylland, nado en Uganda cando os seus pais fuxían da guerra en Sudán, pero afincado en Dinamarca dende que tiña dous meses.
É unha das peticións do Toto Berizzo, un xogador rápido e vertical para a banda, que pode xogar tanto na esquerda como na dereita, e a cuarta fichaxe celeste deste verán tras José Naranjo, Álvaro Lemos e Facundo Roncaglia. O internacional xa está en Vigo, onde hoxe pasará recoñecemento médico e podería xa viaxar co equipo á concentración en Italia, onde o Celta xoga este domingo coa Fiorentina.
O Celta, como no caso de Michael Khron-Delhi e Daniel Wass (este proviña do Evian francés), volve pescar no fútbol dinamarqués que tan bo resultados lle dá nos últimos anos. Aínda que as cifras oficiais non se coñecen, o club vigués pagaría entre 5 e 6 millóns de euros polo habilidoso extremo, convertíndose deste xeitro na fichaxe máis cara do Celta este verán.
Toto Berizzo, que este venres rexeitou a opción de adestrar a selección Arxentina e confirmou que cumprirá o seu contrato dun ano co Celta, conta agora mesmo con 24 xogadores no primeiro equipo: os porteiros Sergio Álvarez e Rubén Blanco, máis Hugo Mallo, Andreu Fontás, Cabral, Jonny, Roncaglia, Sergi Gómez, Carles Planas, David Costas, Álvaro Lemos, Radoja, Daniel Wass, Josep Señé, Drazic, José Naranjo, Iago Aspas, Theo Bongonda, Beauvue, John Guidetti e os chilenos Marcelo Díaz, Tucu Hernández e Orellana. Con Pione Sisto serían 24, e aínda faltaría o mediapunta pedido polo técnico arxentino para reforzar o ataque.
Mentres, o central Andreu Fontás recibiu este venres a alta médica cinco meses despois de pasar polo quirófano por mor dunha tenosinovitis no tendón de Aquiles da súa perna esquerda. Os médicos do club confirmaron a boa nova despois de que o defensa catalán completase con normalidade a sesión de traballo co resto do plantel. Fontás levaba lonxe dos terreos de xogo dende novembro do 2015, cuando recaeu da súa lesión no derbi co Dépor en Riazor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.