“A lingua de signos galega está condenada a desaparecer”

Cristina González Abelaira, profesora da Universidade de Santiago, alerta de que "a variedade galega de lingua de signos non contou co apoio necesario para o seu recoñecemento" e explica o proceso de imposición do sistema en español. Pola contra, en Cataluña gozan da súa propia lingua de signos, recoñecida oficialmente.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 12/08/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

No Estado español só existen dúas linguas de signos recoñecidas oficialmente: a castelá e a catalá. Logo dunha reivindicación histórica por parte do colectivo xordo, a lexislación admitiu a existencia destas linguas de signos. A Lei 27/2007, do 23 de outubro, recoñece estas dúas linguas e regula os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva ou xordo-cegas, así como o dereito a aprendelas e usalas xunto con outros medios de comunicación orais. Porén, o galego segue inédito no sistema de linguas de signos recoñecidas oficialmente. Por isto, Cristina González Abelaira, profesora do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pregúntase se é posible o recoñecemento oficial dunha lingua de signos galega (LSG) e alerta de que esta variedade "está condenada a desaparecer" pola falla de apoio.

Himno galego en lingua de signos
Himno galego en lingua de signos | Fonte: Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra.

Nun artigo publicado no novo número da revista Estudos de Lingüística Galega da USC, a profesora alerta de que "nin a administración, nin o movemento asociativo [...] desenvolveron, ata agora, ningunha política revitalizadora encamiñada á recuperación da variedade galega", que foi reducida por unha política que deu a oficialidade en exclusiva en Galicia á lingua de signos española (LSE). 

"Tras unha primeira fase na que a política lingüística nacional se caracterizou polo monolingüismo en castelán, ó redor da cal xirou a educación lingüística das persoas xordas; parece que se aplicou, con respecto ás linguas de signos, unha política de asimilación lingüística", explica no seu artigo Cristina González Abelaira, quen prosegue: "Así, en Galicia, a día de hoxe, está estendida a LSE, que é a que se utiliza de maneira oficial en todos os ámbitos, a que transmiten as asociacións de xordos galegas e a que adoptou a FAXPG [Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia] de maneira oficial". 

A situación de case inexistencia dunha lingua de signos galega ten difícil solución mentres, por exemplo, os intérpretes de lingua de signos formados nas aulas galegas, a través do ciclo superior de Técnico en Interpretación de lingua de signos, sigan empregando "exclusivamente a variedade española", argúe a profesora da USC.

SIMILITUDE COAS LINGUAS ORAIS

González Abelaira sentenza que se pode afirmar que "o que sucedeu en Galicia coas linguas orais, entre o castelán e o galego, reproduciuse coas linguas de signos, xerando así unha relación asimétrica entre a lingua de signos maioritaria, a española, e as outras variedades, neste caso, a galega".

"A lingua de signos galega considérase inferior e é relegada ó seu uso en asociacións de xordos locais ou en contextos illados".

Segundo a profesora, na situación de contacto lingüístico entre estas dúas variedades, "formúlase un proceso xeral de substitución lingüística, posto que unha das variedades, a LSE, está recoñecida legalmente e goza de maior prestixio a nivel social, mentres que a outra, a LSG, considérase inferior e é relegada ó seu uso en asociacións de xordos locais ou en contextos illados".

Esta situación diglósica conduce, segundo explica González Abelaira, á desaparición da variedade inferior.

Para a autora, o papel dos intérpretes tamén foi "decisivo" no influxo da lingua oral sobre a lingua signada, "ó contribuír a acercarlles ás persoas xordas os contidos (conceptos e estruturas) partindo da lingua oral".

Por último, "a necesidade de incorporar as linguas de signos ó mundo cultural, educativo, científico ou político esixiu unha adaptación urxente que se deu de maneira global e non como froito reflexivo de cada comunidade lingüística autonómica", xerándose unha "profunda renovación do léxico da lingua de signos" nun "proceso planificador" no que "non se respecta a diversidade lingüística, xa invisible anteriormente froito do oralismo imperante", comenta a profesora.

"Os signos propios da lingua de signos galega foron considerados signos antigos e foron desprezados".

De xeito similar ao que ocorre na linguaxe oral e escrita, "os signos propios da lingua de signos galega ou LSG foron considerados signos antigos e foron desprezados fronte a outros máis innovadores chegados da capital", describe a profesora.

"A oralización en castelán foi froito dunha planificación que tiña como eixo principal o monolingüismo e como protagonistas os educadores e outros profesionais, na súa maioría oíntes. Nunha segunda fase, é o colectivo xordo o que se erixe como protagonista do proceso, pero en Galicia séguese a proposta que a CNSE [Confederación Estatal de Personas Sordas] lidera en Madrid", explica a autora do artigo.

Entre os criterios que conducen á recesión da variedade galega, sitúa en primeiro lugar o cambio de modelo educativo que se desenvolveu en Galicia, ó igual que no resto de España, a partir da publicación da LOXSE en 1990. "A inclusión do alumnado xordo en centros ordinarios supuxo a súa dispersión en diferentes colexios e, polo tanto, a desmembración da comunidade signante formada ó redor das escolas. Este factor e, en xeral, o proceso planificador descrito foi o que ocasionou a súa recesión", relata a autora.

COMPARACIÓN CO CASO CATALÁ

González Abelaira sitúa o xurdimento dunha nova lingua de signos galega arredor de 1864, cando se fundou o colexio de xordos santiagués, o primeiro en Galicia no ano 1864. E salienta o labor da revista As nosas mans —creada pola Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela e subvencionada pola Xunta de Galicia— e do Centro de Formación e Recursos do Profesorado (CFR) de Ferrol, formado na súa maioría por especialistas de audición e linguaxe, e que elaborou diferentes materiais para traballar con persoas xordas no ámbito educativo, entre o que destaca o Dicionario de Lingua de Signos Galega ou DILISGA.

Porén, "a variedade galega de lingua de signos non contou co apoio necesario para o seu recoñecemento e hoxe en día está condenada a desaparecer; de feito, unha parte importante da comunidade segue cuestionado a súa existencia", escribe Cristina González Abelaira.

A lingua de signos catalá é oficial en Cataluña dende o ano 2006, a partir do Estatuto de Autonomía.

O caso galego contrasta coa boa saúde da que goza a lingua de signos catalá, oficial en Cataluña dende o ano 2006, a partir da publicación do seu Estatuto de Autonomía. Ademais, foi reforzada coa Lei 17/2010, de 3 de xuño, da lingua de signos catalá (LSC). "Porén, nin no ámbito autonómico, nin no estatal se recoñeceu oficialmente unha lingua de signos galega", advirte Cristina González Abelaira.

"Todo apunta a que a diferenciación soamente de dúas linguas de signos no Estado español non atende a criterios lingüísticos internos, senón máis ben políticos e sociais", denuncia a profesora de Lingüística, baseándose nunha análise histórica e émica do proceso de planificación lingüística en Galicia a través dunha metodoloxía etnográfica, o cal "permite observar como se organizou a diversidade lingüística na comunidade e lévanos a concluír que tras a oralización en castelán do colectivo xordo, buscouse unha uniformización lingüística que conduciu á falta de recoñecemento das diferentes variedades lingüísticas, entre elas a galega.

Segundo esta experta, a oficialidade que a Lei 27/2007 outorga á LSE en Galicia e no resto de España, agás en Cataluña, "deu lugar á asimilación lingüística das variedades minoritarias, entre elas a galega, á variedade lingüística española, a cal acadou un novo status e maior prestixio".

"SITUACIÓN DE RECESIÓN"

Pero a situación de involución da lingua de signos galega non debería sorprender agora a ninguén. González Abelaira lembra que xa "no ano 2008, no que se edita a revista As nosas mans, un ano despois do recoñecemento oficial de dúas linguas de signos españolas, a LSE e a LSC, xa se considera a situación de recesión á que está condenada a LSG, pola crecente presenza da LSE en todo o ámbito estatal e dentro da comunidade xorda e polo seu recoñecemento por parte da comunidade oínte".

Ademais, o asociacionismo dende Galicia con outros colectivos xordos de España determinou "unha maior uniformidade lingüística, en detrimento das formas de cada territorio", aporta a profesora da USC.

En Galicia existiu unha lingua de signos diferente a outras na Península Ibérica e aínda que todavía é unha lingua viva, pódese considerar en perigo de extinción. O certo é que nós, tras facer unha busca en Google sobre "lingua de signos galega" só recibimos 702 resultados no maior motor de busca de información que existe; unha proba máis da precaria saúde da LSG.

-----------------------------------------------------------------------

González Abelaira, C. (2016). Unha lingua de signos galega? Estud. lingüíst. galega, 8, pp. 89-106. DOI: http://dx.doi.org/10.15304/elg.8.3065

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta