Temas: FRASEOLOXíA

“A pouca saúde, ningunha”, unha das equivalencias do castelán “de perdidos, al río”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 31/08/2025 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

Naqueles casos en que alguén se atopa nunha situación que se considera extrema ou cuxa solución se figura realmente complicada, de xeito tal que, faga o que faga para lle pór remedio, pouco lle queda xa que perder, de se querer indicar que se vai adoptar unha postura tamén extrema, radical ou desesperada, en castelán é habitual escoitar aquilo de de perdidos, al río.

Arquivo - Un enfermeiro coa vacina da gripe no centro de Saúde de Habana-Cuba, a 18 de outubro de 2021, en Vitoria, País Vasco, (España). O Servizo Vasco de Saúde Osakidetza ofrece a maiores de 70 anos coa segunda dose da vacina contra a. Iñaki Berasaluce - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Un enfermeiro coa vacina da gripe no centro de Saúde de Habana-Cuba, a 18 de outubro de 2021, en Vitoria, País Vasco, (España). O Servizo Vasco de Saúde Osakidetza ofrece a maiores de 70 anos coa segunda dose da vacina contra a. Iñaki Berasaluce - Europa Press - Arquivo

En galego dispomos, amais da correspondente literal do castelán, de fórmulas ou secuencias expresivas que dan conta do mesmo contido, algunhas das cales imos ver a seguir:

De perdidos, al río

{= Fórmula con que se manifesta que alguén vai adoptar unha postura extrema, radical ou desesperada ante unha situación extrema cuxa solución barrunta ou venta como realmente complicada.}

A pouca saúde, ningunha

Para pouca saúde, ningunha

Para pouca saúde vale máis ningunha

De perdidos, ó río

[E MAIS]:

A perdido, perdido de todo

Ex.: En ese momento me dije: chaval, peor de lo que estás ya no puedes estar, así que de perdidos, al río.

Nese momento dixen para min: veciño, peor do que estás xa non podes estar, así que a pouca saúde, ningunha así que para pouca saúde, ningunha así que para pouca saúde vale máis ningunha así que de perdidos, ó río así que a perdido, perdido de todo.

● E mais tamén:

A morrer, morrer farto && A morrer, morrer a gusto  

Ex.: Nese momento dixen para min: veciño, peor do que estás xa non podes estar, así que a morrer, morrer farto así que a morrer, morrer a gusto.

● E inda tamén, en bastantes contextos:

(Desta) Ou rompe ou racha

Ex.: Nese momento dixen para min: veciño, peor do que estás xa non podes estar, así que desta ou rompe ou racha.

● Incluso tamén, así mesmo en bastantes contextos e posiblemente asociadas a ámbitos de uso máis formais e estilo máis culto:

Muera # Perezca Sansón con todos os filisteos

Morra # Pereza Sansón con todos os filisteos && [E MAIS TAMÉN, COMO VARIANTE MÁIS POPULAR]: Morra Sansón e cantos con el son

● Igualmente, só en contextos, dando a entender que se vai tentar facer algo inda sendo consciente de que a empresa é difícil e de que as posibilidades de fracaso non son precisamente residuais:

Chopo, non chopo, rede ó mar && [E CUNHAS PREMISAS SEMELLANTES]: Morra a marta e morra farta && Morra o gato e morra farto

Ex.: Nese momento dixen para min: veciño, peor do que estás xa non podes estar, así que chopo, non chopo, rede ó mar así que morra a marta e morra farta así que morra o gato e morra farto.

● Tamén, nesta liña, só en certos contextos, zumegando un ton caralleiro e pándego, e posiblemente asociada a ámbitos de uso máis coloquiais e familiares:

(Eu,) Coma o corcovado: “como non me empreñen, non creo que moito máis me poidan foder # me poidan facer”

Ex.: Nese momento dixen para min: veciño, peor do que estás xa non podes estar, así que eu, coma o corcovado, que como non me empreñen, non creo que moito máis me poidan foder facer.

● Mesmo tamén, igualmente só certos contextos, como fraseoloxismos que se tamén empregan para indicar que, unha vez feito un traballo ou un esforzo que non deu para acadar o resultado desexado e que nos deixou nunha situación negativa ou comprometida, por un pouco máis que non quede:

Perdido por ciento, perdido por mil y quinientos && Preso por uno, preso por ciento && Preso por mil, preso por mil y quinientos

(De) Empeñados por cen, empeñados por cento e medio && (De) Empeñados por cinco, empeñados por cincuenta && (De) Empeñados en cen, empeñados en cento un && (De) Perdidos por un cento, perdidos por cento e medio && (De) Perdidos por un, perdidos por cento && (De) Presos por un, presos por un cento && (De) Presos por mil, presos por mil e millenta && (De) A Roma por cento, a Roma por cento e un

Ex.: Nese momento dixen para min: veciño, peor do que estás xa non podes estar, así que de empeñados por cen, empeñados por cento e medio así que de empeñados por cinco, empeñados por cincuenta así que de perdidos por un cento, perdidos por cento e medio así que perdidos por un, perdidos por cento así que de presos por un, presos por un cento.

NOTAS:

1. A secuencia de perdidos, ó río, que se pode empregar en todos os contextos, é susceptible, á vontade do emisor, de sufrir variacións de xénero e número no seu participio en función de quen sexa a persoa de referencia (ou sexa, en función de quen sexa a persoa que opta, ou vai optar, pola solución extrema ou desesperada):

Ex.: A rapaza viuse nunha situación tan límite que dixo ela: “de perdidos, ó río” “de perdida, ó río”..., así que se tirou desde unha altura de máis de dez metros.

Ex.: O rapaz viuse nunha situación tan límite que dixo el: “de perdidos, ó río” “de perdido, ó río”..., así que se tirou desde unha altura de máis de dez metros.

Este tipo de alteración tamén se dá, baixo ese mesmo criterio de quen é, ou de quen son, as persoas de referencia, nos participios dalgunhas outras secuencias reflectidas:

Ex.: Os rapaces víronse nunha situación tan límite que dixeron eles: “a perdidos, perdidos de todo” “a morrer, morrer fartos “de empeñados por cen, empeñados por cento e medio”.

Ex.: As rapazas víronse nunha situación tan límite que dixeron elas: “a perdidas, perdidas de todo” “a morrer, morrer fartas “de empeñadas por cen, empeñadas por cento e medio”.

2. Gardando relación co último tamén, é de facer notar que en certos contextos estas expresións poden confluír coas que no seu día veremos cando abordemos secuencias expresivas galegas equivalentes ás castelás por un poco más que no sea # que no quede:

Ex.: El tribunal nos desestimó el recurso, pero ahora vamos a ir hasta el Supremo, porque después de tantos años, de perdidos, al río porque después de tantos años, por un poco más que no quede.

O tribunal desacolleunos o recurso, pero agora imos ir ata o Supremo, porque despois de tantos anos, a pouca saúde, ningunha porque despois de tantos anos, para pouca saúde, ningunha porque despois de tantos anos, para pouca saúde vale máis ningunha porque despois de tantos anos, de perdidos, ó río porque despois de tantos anos, a perdidos, perdidos de todo porque despois de tantos anos, a onde vai a fouce, que vaia o mango porque despois de tantos anos, onde vai o saco, que vaia a baraza porque despois de tantos anos, onde vai a ola, que vaia a tapadeira porque despois de tantos anos, onde vai a anga, que vaia o caldeiro etc.

3. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html

- Ferro Ruibal, Xesús (coord.): “Diccionario de Fraseoloxía Galega. Estado actual dos fondos e dos traballos”. Nas Actas do I Coloquio galego de Fraseoloxía (1997), páxs. 289-311. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Vidal Castiñeira, Ana: “Aproximación ó ‘mínimo paremiolóxico’ galego. Unha proposta didáctica”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 79-116. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta