Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 31/08/2025 | Actualizada ás 14:00
Na maleta non só levaban roupa. Moitos galegos e galegas que emigraron a Nova York nas últimas décadas cargaron tamén coa lingua e as lembranzas. Alí, entre avenidas xigantes e edificios que tapan o ceo, o galego seguiu soando en cociñas, salas e patios. Ás veces, como lingua íntima e familiar; outras, como un vínculo que os fillos e netos tentan conservar dende o corazón, aínda que o inglés se impuxera fóra das portas. Esta é a historia de tres mulleres que viviron a emigración, dende a experiencia directa ou herdada, e que tiveron claro que, pasase o que pasase, a lingua galega non quedaría atrás.
MANOLA: UNHA CASA ENTEIRA EN GALEGO, ENTRE PAPEIS E VERÁNS DE VOLTA
A historia de Manola e a súa familia comeza con barcos. O seu sogro chegou a América nos anos 70 traballando nun, e quedou alí tras recibir o consello dun coñecido: “baixa do barco e non volvas subir”. Era un tempo no que moita xente ficaba de xeito irregular, simplemente quedando en terra. Anos despois, na década dos 80, ela tamén cruzaría o Atlántico para reunirse co seu home, nunha vaga migratoria que levou a medio Esteiro, Muros e Louro para Nova York.
Durante os primeiros anos, Manola non puido volver a Galicia por mor da documentación. Mais a conexión coa terra mantívose viva, sobre todo a través da lingua: “entre o meu marido e mais eu falamos todo en galego, e aos nosos fillos tamén lles falamos sempre en galego. Non sei cando aprenderon inglés, sinceramente”. A sorpresa foi maiúscula cando, despois do seu primeiro día de escola, a profesora asegurou que os nenos falaban inglés perfectamente.
O segredo estaba no fogar: “alí os nenos pasan moito tempo na casa, e na nosa casa falábase só galego”. A súa foi unha crianza familiar, intensa e en galego, mesmo a milleiros de quilómetros de Galicia. Agora, os netos, especialmente os máis pequenos, teñen máis contacto co inglés. O seu fillo está casado cunha estadounidense, e a súa filla cun portorriqueño. “O idioma que escoitan entre pai e nai é o que queren falar. Logo, cando medran, moitos arregríntense”, explica Manola, quen foi tamén profesora nun High School americano.
Para ela, Nova York foi un lugar de oportunidades, pero tamén un espazo que desgasta: “vivín a metade da miña vida alí, pero non volvería. A cidade cómete unha vez te retiras”. E aínda que non volva a vivir alí, leva consigo o mellor que deixou alí: unha familia criada na súa lingua, no galego.
ISABEL: IDA E VOLTA NO TEMPO DO PASAPORTE
A historia migratoria de Isabel está marcada pola figura do seu pai, un mariñeiro de Esteiro que alternaba campañas nos barcos noruegueses con longas estadías na casa, grazas aos bos soldos que gañaba no estranxeiro. Pero a partir dos anos 80, cando o traballo nos barcos escaseou, decidiu marchar definitivamente a Nova York.
Ao contrario doutras persoas, o seu pai nunca quixo vivir permanentemente lonxe de Galicia. “Botaba moitísimo de menos Esteiro, por iso sempre volvía”, conta Isabel. Moitos dos que emigraron daquela época ían á construción ou á pintura, e non sempre con visado. O truco, conta entre risas, era sinxelo: “ibas como turista, e ao volver tirabas co pasaporte e facías un novo. Non había tecnoloxía, nin pegadas, só selos”.
Unha das anécdotas máis repetidas en Esteiro é a dun rapaz ao que deportaron nada máis chegar. “Preguntáronlle para que viña e el respondeu: 'Veño a traballar, a que vou vir?'. Deportárono no acto, porque tiñas que dicir que ias de turista”, explica. A historia acabou derivando en broma local: “dicían que lle abriron a maleta e que viña coa pala para traballar. Pero iso xa era cachondeo aquí no pobo”.
Malia que Isabel non viviu en Nova York como as demais testemuñas, o relato do seu pai é tamén o dun vínculo co lugar e coa cultura propia. Nunca deixou de volver, nunca quixo perder o contacto. A súa historia representa a emigración temporal, rotativa, esa que se mantén a cabalo entre dous mundos.
INÉS: TRILINGÜISMO EMOCIONAL E LINGUA HERDADA
Cando Inés tiña 15 anos, a súa vida mudou radicalmente: en 1991 emigrou con súa nai e os seus irmáns a Nova York, tras o paso previo do pai, que chegara en 1985 tras traballar anos na mariña mercante galega. Marcharon como familia, pero levaron o idioma na pel: “na casa falabamos o galego de Esteiro, con gheada, con seseo, como se fala aquí, non o normativo”.
A pesar da nova vida americana, o galego nunca desapareceu do seu día a día. Ela mesma intentou retornar cando tivo ao seu fillo, pero acabaron volvendo a Nova York cando o neno tiña catro anos. “A súa lingua materna é o galego, de feito ao principio só falaba iso”, lembra. “Cando comezou a mesturar co inglés, eu facíalle ver que non o entendía, para forzalo a manter o galego. Logo, ao crecer, decatouse de que si entendía o inglés, e empezou a mesturar”. Hoxe o seu fillo fala galego, castelán e inglés.
Inés conta que "teño a sorte de que xa soño nos tres idiomas, e falo no que me sae primeiro”, di entre risas. O galego segue presente tamén nos fillos dos seus irmáns. “O meu irmán só lles fala en galego aos seus fillos, por iso o entenden aínda que non o falen. A miña sobriña fala máis en castelán, pero entende o galego perfectamente”.
Inés defende con forza a transmisión do idioma como acto de identidade: “penso que os fillos deben aprender primeiro o idioma dos seus pais antes que o dos demais”. Para ela, falar máis linguas non só abre portas laborais, é trilingüe e traballa con estudantes que aprenden inglés como segunda lingua, senón tamén emocionais.
LINGUA E RAÍZ, O GALEGO QUE RESISTE
As historias de Manola, Isabel e Inés amosan que a emigración non foi só un movemento físico, senón tamén cultural e lingüístico. En moitos casos, o galego foi a única constante, o fío que mantivo unida a identidade nun país novo. Aprender inglés foi necesario para sobrevivir; conservar o galego, para non esquecer.
Nova York puido dar traballo, estabilidade ou oportunidades. Pero foron elas quen decidiron que tamén podía haber un fogar con acento galego e risos con gheada. A verdadeira herdanza non está nos papeis, senón nas palabras que se pronuncian ao volver, cada verán, a unha casa que nunca deixou de falar galego.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- (Vídeo) O galego en EE.UU.: historias de lingua e memoria dende Nova York
- “A pouca saúde, ningunha”, unha das equivalencias do castelán “de perdidos, al río”
- Guido Guía, 10 anos como guía turístico en lingua galega
- “De moca” ou “de clocló”, equivalentes ó castelán “de gorra”
- Como se ensina o galego?, así percibe a aprendizaxe da lingua un profesor de galego de Ourense
- “A min, contos # cantares # gaitas # plin”, varias das secuencias expresivas galegas equivalentes á castelá “a mí, plin”