Por gcdeportes | Vigo | 18/08/2016 | Actualizada ás 09:35
Celta e Deportivo compartirán patrocinador principal. O mesmo tamén que Club Deportivo Lugo. Trala marcha de Citroën despois de máis de 30 anos, Estrella Galicia será o patrocinador principal do Celta alomenos as dúas vindeiras campañas.
Tralo acordo alcanzado, presentado este mércores na cervexaría da empresa na viguesa praza de Compostela, a empresa con sede na Coruña lucirá o seu logotipo de Estrella Galicia 0,0 tanto nas camisolas do primeiro equipo, coincidindo co regreso do Celta a Europa, como nas dos equipos das categorías inferiores.
Ante a ausencia do presidente Carlos Mouriño, o acordo foi presentado polo conselleiro celeste Antonio Rosendo e por José Cabanas, director de mercadotecnia de Hijos de Rivera. Ambos os dous amosaron a súa satisfacción. “Grazas pola confianza depositada en nós. Estamos moi contentos polo acordo, que foi doado pola predisposición das dúas partes”, apuntou o representante celeste malia a tardanza en presentar o novo patrocinador, coa Liga a piques de principiar e as novas camisolas á venda dende hai tempo.
“Levamos moitos anos de relación co Celta, dende 2009. Este acordo referenda o noso compromiso co deporte e co fútbol galego, xa que temos acordos de patrocinio con distintos clubs”, apuntou José Cabanas. Estrella Galicia xa era un dos patrocinadores principais do club celeste, e agora convírtese no primeiro trala marcha de Citroën. “O Celta sempre rescpetou a Citroën e nós estivemos na retagarda, agardando por se abría esa porta”.
Será a primeira vez que Celta e Dépor leven a mesma empresa no lugar máis visíbel das camisolas. “O patrocinio é por dúas tempadas e agardemos que máis”, avisa Estrella Galicia. Nin club nin empresa quixeron desvelar a cantidade que aportará a empresa galega aos orzamentos celestes, aludindo as clásulas de confidencialidade do acordo, pero varios medios falan de arredor de 2 millóns de euros por cada unha das tempadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.