Primeira gran feira de produtos ecolóxicos

Monforte acolle a I Feira Ágora Verde de Produtos Ecolóxicos. Haberá uns vinte postos con alimentos moi variados, obradoiros para os nenos e degustacións de balde para o público asistente.

Por X.M. Fernández | Monforte | 18/08/2016 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

A rúa Cardeal de Monforte acolle dende este venres, 19 de agosto, e ata o domingo, día 21, a primeira edición da Feira Ágora Verde de Produtos Ecolóxicos Certificados de Galicia. O Concello organiza este evento en colaboración co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e coa Deputación Provincial de Lugo.

Presentación da primeira edición da Feira Ágora Verde de Produtos Ecolóxicos Certificados de Galicia
Presentación da primeira edición da Feira Ágora Verde de Produtos Ecolóxicos Certificados de Galicia

“Queremos apostar, apoiar e dinamizar a actividade dos emprendedores no ámbito da agricultura ecolóxica. Por ese motivo, coa celebración de feiras coma esta damos un paso para poder conseguilo, ademais o evento servirá para potenciar un consumo saudable entre a poboación”, explicou o Alcalde, José Tomé Roca. O mandatario local engadiu tamén durante a presentación que “o que se pretende con esta feira é sacar á rúa e poñer en contacto a operadores, empresas e cidadáns, ó tempo que concienciar de hábitos e consumos saudables”.

Durante a presentación, o rexedor estivo acompañado da deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, que fixo fincapé en que “actividades coma esta son moi positivas para poder loitar contra o despoboamento que está vivindo o medio rural”. 

Estímase que na Feira Ágora Verde daranse cita un total de 20 produtores ecolóxicos, boa parte deles da comarca de Lemos. Os expositores serán moi variados, dende carnes e mel, ata castañas, fariñas e queixos. A inauguración oficial do evento será este venres, 19 de agosto, ás 18 horas. Así e todo, os postos estarán abertos dende as 11 horas durante as tres xornadas. Os organizadores non teñen prevista unha hora de peche posto que dependerá da afluencia de público.

Obradoiros e degustacións

Está previsto que durante a feira haxa obradoiros para nenos, entre outras actividades, os máis pequenos van poder facer xogos tradicionais e debuxos. Doutra banda, o público que se achegue á Feira Ágora Verde poderá gozar de degustacións que serán de balde. Será posible probar licores galegos e cócteles variados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta