“É raro o ano que non sacamos algún premio polo mundo adiante”, Ángel Ramil, Secretario do CRDOP San Simón da Costa

Os días 6 e 7 de abril celébrase en Vilalba a XXVIII Festa do Queixo de San Simón da Costa. Damos a coñecer o programa e falamos co responsable da D.O.

Por X.M. Fernández | Vilalba | 05/04/2024 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

Esta fin de semana Vilalba exalta o seu queixo máis representativo, o de San Simón da Costa, e faino coa celebración da XXVIII Festa do Queixo e un amplo programa de actividades que se desenvolverán os días 6 e 7 de abril.

Recinto feiral festa do queixo San Simón. Foto: D.O. San Simón da costa.
Recinto feiral festa do queixo San Simón. Foto: D.O. San Simón da costa.

O sábado 6 abrirase ao público o recinto feiral ás 11:00 h. cos postos das queixerías e outros de produtos agroalimentarios. De 11:30 a 15:00 h. amenizará o grupo tradicional Buxos Verdes e ás 12:00 h. haberá unha Cata maridaxe de queixos San Simón con viños galegos a cargo de Mercedes González e Salomé Beiroa na Praza da Constitución.

Xa pola tarde, dous obradoiros infantís, un de elaboración de queixo ás 16:30 h. e outro de cociña co San Simón tamén como protagonista. Este último ás 17:30 h. e os dous na Praza da Constitución.

O pregón será ás 19:00 h. e o encargado do mesmo Sergio Pazos, coñecido actor e humorista galego. A continuación entregaranse os premios da competición de BTT e ás 21:00 h. comezará un concerto do grupo The Rapants na Praza de Santa María.

O domingo 7, o recinto abrirá de 10 a 15:00 h. e a música correrá a cargo do grupo Cerna de Árbol entre as 11:30 e as 15:00 h.

Queixos. Fonte: CRDOP San Simón da Costa
Queixos. Fonte: CRDOP San Simón da Costa

Actualmente hai 9 queixerías na D.O. San Simón da Costa, e 7 delas estarán presentes na XXVIII Festa do Queixo deste ano. Son as seguintes: Crisanto SAT, Don Gabino, As Fontelas, Prestes S.L., Catadoiro, Daniberto SAT e Cas Leiras S.L.

Aproveitamos a ocasión para chamar a Ángel Ramil Castelo, Secretario do C.R.D.O.P. San Simón da Costa, e facerlle unhas preguntas.

Como vai a comercialización dos queixos superados os anos da pandemia?

Estes dous últimos anos moi ben por ser anos xacobeos. No 2021 houbo unha baixada importante e no 2022 e 2023 recuperouse o perdido na pandemia. No 2022 especialmente e despois, o ano pasado, estabilizouse a cousa recuperando a liña normal.

Por que son tan bos os anos xacobeos?

Porque Santiago tira moito da venda, hai moita máis xente de fóra.

Como se segue desenvolvendo o San Simón da Costa nos concursos?

Falando de presente, comentarvos que no Salón Gourmets que se fará en Madrid este mes de abril, temos 3 queixos que optan a premio. E a nivel xeral é raro o ano que non sacamos algún premio polo mundo adiante.

O noso queixo está presente en concursos a nivel mundial que se celebran en diferentes puntos do mundo pero dámoslle especial valor aos premios que convoca o Ministerio e á Cata que fai a Consellería de Medio Rural no último trimestre de ano. Esta última é moi rigorosa, cun xeito de facela moi serio.

"É raro o ano que non sacamos algún premio polo mundo adiante"

Un clásico, como se debe cortar o queixo San Simón para que se conserve mellor?

Anos atrás, cando non había como conservalo, os vellos cortaban a parte de abaixo e empregábana como prato ou base sobre a cal apoiaban a outra parte a medida que a ían consumindo. Para min a mellor é a “de arriba abaixo” de xeito que quede como unha media lúa.

A temperatura, importante para servilo, verdade?

Se se garda ao frío, na neveira por exemplo, sácalo antes de consumir para que saiba ben… as graxas teñen que estar quentes.

Que tempo de curación é recomendable para ter un queixo a xeito?

O estipulado é 45 días para un grande e 30 para un pequeno. Para min un de 90-100 días é espectacular, dálle outros sabores, e algunha vez atopamos queixos de 2 anos e están bos, consérvanse ben. Non é o normal porque se consumen sempre antes.

Como van as vendas fóra, no estranxeiro?

A exportación evoluciona ben, pouco a pouco porque é moi complicada e temos competidores moi potentes como son os queixos italianos e franceses. No ano 2022 exportáronse 48.000 quilos e no 2023 igual chegamos aos 49.000, o que representa case un 10% da produción. Creo que está moi ben.

"No ano 2022 exportáronse 48.000 quilos e no 2023 igual chegamos aos 49.000"

Algún país que saia da media como consumidor de San Simón?

Australia é un gran consumidor, para alí poden ir tranquilamente uns 3.000 quilos ao ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta