Sacristán afea a Caballero estar "todo o día a dar a vara" e Santos Héctor arremete contra el e esixe "respecto"

O líder socialista coruñés lamenta que hai "demasiada indisciplina" no seu partido e o pontevedrés rexeita "submisión" do sur de Galicia

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2016 | Actualizada ás 21:30 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

"Os tempos en que A Coruña decidía e Pontevedra calaba rematáronse, rematáronse para sempre". Son palabras do secretario provincial do PSOE pontevedrés, Santos Héctor, en resposta ao seu homólogo coruñés, Julio Sacristán, quen afeou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que estea "todo o día a dar a vara" coas súas críticas ás listas para o 25S.

Nunha entrevista concedida a Onda Cero, recollida por Europa Press, Sacristán reflexionou sobre que o seu partido permitiu "demasiada indisciplina" e iso xerou "monstros, non militantes" que, como Abel Caballero ou no seu día Paco Vázquez (exrexedor da cidade herculina), "cren que poden botar un pulso" á dirección.

Así mesmo, censurou que "cargos importantes" do PSOE como Caballero "traten de enganar a xente" sobre o que "poñen os estatutos" do partido acerca de como se aproban as candidaturas. Máxime, proseguiu, cando en procesos electorais anteriores tamén houbo "cambios" que "favoreceron" ao vigués.

E, antes de realizar "unha chamada á responsabilidade", Sacristán atribuíu esta serie de críticas do ámbito do rexedor a "outros intereses", relacionados con "gobernar o partido" despois dos comicios. "Non asumen que perderon as primarias", afondou, para advertir de que este tipo de prácticas "van acabar co partido".

"¡DE NINGÚN XEITO!"

Tras escoitar estas palabras, o vigués Santos Héctor --nun arquivo de audio remitido aos medios-- esixiu "respecto" ao líder socialista nunha provincia na que "se perderon as alcaldías máis importantes". "A ver se conseguen os resultados (electorais do PSOE) de Vigo", sentenciou.

A continuación, insistiu en que a proposta de lista referendada polo comité provincial "foi apoiada por todos os militantes" e censurou que a súa voz non se teña en conta. "Xa vemos de que vai todo isto... agora os da Coruña fan as listas de Pontevedra. ¡De ningún xeito!", exclamou.

Na mesma liña, rexeitou calquera tipo de "submisión" e recomendou ao alcalde de Culleredo que, en lugar da lista de Pontevedra, elabore "unha estratexia para recuperar" o goberno en Santiago, A Coruña e Ferrol.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O problema real é meter nas listas a Gonzalo Caballero... iso é o que Abel non traga !!! As liortas de familia sonche para toda a vida... neso Abel é galego, pero só neso en todo o demáis é un Fachendoso de M.erda