Galicia lidera un proxecto europeo para impulsar a agricultura sustentable adaptada ao clima

O Campus Terra, da Universidade de Santiago, encabeza o programa Afinet, que conta con tres millóns de euros de financiamento e implica a universidades e centros de investigación de nove países.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/08/2016 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) lidera o proxecto europeo Afinet, orientado a impulsar en Europa a agricultura sustentable adaptada ao clima, tamén chamada agricultura climaticamente intelixente, a través do fomento e da posta en marcha de prácticas agrícolas e forestais innovadoras adaptadas e acaídas aos distintos contextos locais.

Gandeiría inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)
Gandeiría inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) | Fonte: GC.

Este innovador proxecto europeo, coordinado pola profesora do Departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica superior do Campus Terra da USC María Rosa Mosquera Losada e cuxo prazo de execución vai de 2017 a 2020, conta con tres millóns de euros de financiamento e implica a participación de universidades e centros de investigación de nove países europeos (España, Portugal, Reino Unido, Finlandia, Polonia, Francia, Italia, Hungría e Bélxica), ademais do respaldo da Federación Agroforestal Europea (Euraf), un órgano asesor da Unión Europa presidido na actualidade pola profesora Rosa Mosquera e integrado por 250 membros de 20 países, informa a USC.

O obxectivo que pretenden os promotores deste ambicioso programa continental non é outro que o de contribuír á realización e ao conseguinte cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible indicados pola FAO en 2015, a través da integración da dimensión económica, ambiental e social que depara o desenvolvemento sostible, ademais de abordar así e de xeito conxunto os retos da seguridade alimentaria, así como outros requirimentos ambientais e climáticos.

O potencial de agricultura climaticamente intelixente para contribuír ao desenvolvemento sostible está xa recoñecido na política internacional, como o proba a súa inclusión nas conclusións e recomendacións finais da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Clima Change (UNFCCC) e na Convención sobre a Diversidade Biolóxica (CBD). Este respaldo da comunidade internacional xustifica o aumento do investimento europeo no desenvolvemento de acción orientadas a impulsar e promover prácticas de agrícolas e forestais acaídas ao clima de cada rexión.

Este programa apoia o cambio de investigación de carácter científico para a investigación orientada á innovación en base ás interaccións e ás necesidades dos usuarios finais. Daquela, os participantes no proxecto compilarán, distribuirán e difundirán de forma axeitada os resultados da investigación, ademais das boas prácticas e ideas innovadoras neste eido que non están suficientemente desenvolvidas nin estendidas.

Esta visión pode incluír experiencias de recollida e coñecemento dos diferentes axentes, o que favorece un coñecemento interactivo, creación conxunta e súa posterior difusión, adaptando os contidos aos diferentes receptores ou protagonistas implicados (agricultores e produtores, servizos de extensión, responsables políticos, pemes...) e a cada unha das distintas rexións e países da UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pois xa que está en contacto coa Federación Agroforestal Europea ben podía recoller datos da mellor mostra de practica agrícola e forestal acaída ao clima do COUREL (soutos de castiñeiros) e contarlle aos seus colegas que en Galicia máis que traballar pola seguridade alimentaria preferimos sacar LOUSA para o chalet ??? A ver se veñen de fóra a salvar este lugar único en Galicia! (xa que os galegos non somos quen de poñelo en valor!) http://www.slideshare.net/Narei/o-c...