Transportistas culpan do prezo do diésel os almacenistas e replican á Xunta que abrir gasolineiras non o baixará

A Federación Empresarial de Transportes de Mercadorías por Estrada de Galicia (Fetram) e a Federación Galega de Transportes (Fegatrans) culparon os almacenistas de que o prezo do diésel en Galicia sexa máis caro que noutras comunidades e replicaron á Xunta que as súas consideracións sobre que abrir máis gasolineiras baixará o seu custo son erróneas.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2016 | Actualizada ás 20:32 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Federación Empresarial de Transportes de Mercadorías por Estrada de Galicia (Fetram) e a Federación Galega de Transportes (Fegatrans) culparon os almacenistas de que o prezo do diésel en Galicia sexa máis caro que noutras comunidades e replicaron á Xunta que as súas consideracións sobre que abrir máis gasolineiras baixará o seu custo son erróneas.

A través dun comunicado, afirmaron que a Xunta e a Comisión Nacional de Mercados e Competencia (CNMC) están equivocadas ao achacar os prezos do combustible na comunidade á "falta de competencia", razón pola que ambas as dúas institucións propuxeron fomentar a apertura de gasolineiras.

En opinión das federacións, o sector almacenista é o que marca o prezo dos hidrocarburos na comunidade, que conta cunha refinaría que "exerce un dominio absoluto do mercado" e "condiciona" así o importe.

En paralelo, centrados nas gasolineiras de autoservicio, os transportistas advertiron dos "riscos" para os consumidores á hora de manipular as mangueiras, dos "impedimentos" que implican para as persoas con minusvalidez, da "imposibilidade" de levar a cabo inspeccións non rutineiras e da "vulneración de dereitos dos usuarios".

Ademais, formularon á Xunta que, se o obxectivo é reducir o prezo do gasóleo, suprima o imposto autonómico sobre os hidrocarburos, que se sitúa no "máximo legal", o que, na súa opinión, é "negativo" para o sector do transporte e para a "competitividade" da economía galega.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta