A política de descartes da UE reducirá un 50% a capacidade da pesca artesanal galega

Un estudo alerta do impacto negativo que vai ter na economía dos pequenos pescadores galegos a aplicación da norma europea.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/09/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Malia que a pesca a pequena escala segue sendo fundamental para Galicia e outras rexións europeas, a política pesqueira da UE centrouse principalmente na pesca a gran escala nas últimas décadas, levando aos responsables comunitarios e científicos a un cada vez maior descoñecemento de moitos aspectos biolóxicos, ambientais, socioeconómicos e de xestión que afectan aos pequenos pescadores. En particular, é alarmante a "escasa atención prestada pola comunidade científica aos descartes na pesca a pequena escala", a cal "pode explicarse polo feito de que se cre que os descartes se concentran principalmente na pesca a gran escala". Así o denuncian o economista e profesor Sebastián Villasante, da Universidade de Santiago de Compostela, e varios investigadores de universidades galegas, portuguesas e británicas nun artigo científico publicado na revista Ecological Economics, con Villasante como investigador principal. Neste artigo, advírtese de que a nova política de descartes da Unión Europea e a obrigatoriedade de desembarque levará irremediablemente a unha redución do 50% das capturas da pesca artesanal galega.

Barco de pesca artesanal
Barco de pesca artesanal | Fonte: Instituto de Investigacións Mariñas - CSIC.

Villasante é coñecido pola súa labor investigadora durante os últimos anos no que se refire á polémica política de descartes europea, e está recoñecido como unha eminencia europea neste eido. O estudo que liderou mostra que a taxa de descartes da pesca artesanal galega depende do tipo de especies comerciais capturadas, e fai fincapé en que "a pesca de Galicia a pequena escala non representa necesariamente toda a realidade da pesca a pequena escala da UE", onde as taxas de descarte poden ser máis altas ou máis baixas, e os custos para os pescadores pola implementación de medidas para cumprir coa obriga de desembarques "probablemente sexan diferentes noutras pesqueiras", saliéntase no estudo.

IMPACTO ECONÓMICO NEGATIVO

"Os nosos enfoques cualitativos e cuantitativos confirman que a obriga de desembarques xeraría impactos negativos sobre a economía das familias dos pescadores a pequena escala. De feito, os nosos achádegos suxIren que tamén implicarían investir más tempo a bordo para manexar os peixes que antes se descartaban, e pode poñer en risco a seguridade dos pescadores no mar debido ao uso pleno de almacenamento permisible a bordo e a conseguinte sobrecarga da embarcación, xunto coas habituais condicións adversas do mar en Galicia", advirten Villasante e os seus colaboradores.

Segundo os expertos, "a aplicación da obrigatoriedade dos desembarques terá como resultado a curto e longo prazo unha redución nos días de pesca e nas capturas para a frota de pequena escala, cun alto impacto negativo sobre a pesca sustentable" que se practica en Galicia.

"Estímase que o número previsto de días de pesca se reducirá un 50% durante os cinco anos seguintes á aplicación da política de obrigatoriedade de desembarques", alertan os investigadores, que engaden que esta obriga "tamén afectará a capacidade da frota pesqueira de colleitar os TAC asignados (Totais Admisibles de Capturas)" e, "en consecuencia, a frota de pequena escala recollerá só o 50% da capturas previstas, baseándonos no escenario actual, independentemente do volume total das cotas asignadas", describen os autores do estudo.

RECOMENDACIÓNS Á UE

Por todo isto, os expertos, con Villasante á cabeza, consideran que "os responsables das políticas pesqueiras da UE deberían ter en conta os resultados destacados neste estudo" e aplicar políticas adaptadas a cada realidade. "Dado que a taxa de descartes é moi variable —dependendo do tipo de especies—, a obrigatoriedade de desembarques débese aplicar só en determinados tipos de pesca a pequena escala", aconsellan os investigadores, que piden á UE que teña en conta "o impacto económico negativo a curto prazo" vinculado a esta nova norma, así como a "falta de mecanismos para compensar estas perdas".

Tamén piden aos responsables comunitarios que teñan en conta a opinión dos propios pescadores galegos, que "non están de acordo" con algúns aspectos da normativa europea. E advirten, por último, de que estas imposicións poderían mesmo "conducir a un aumento do incumprimento da mesma".

Sebastián Villasante presentou xa o ano pasado en Bruxelas os resultados doutro estudo titulado Small-scale fischeries and the zero discard rate, un traballo encargado polo Comité de Pesca do Parlamento Europeo sobre a posta en práctica da prohibición de descartes nas pesqueiras artesanais da UE. As principais conclusións deste informe indican que a pesar de que os descartes na pesca tradicional son mínimos, existe escasa evidencia científica que xustifique a prohibición dos mesmos na pesca artesanal por parte da Comisión Europea. O citado estudo advirte asemade de que a efectividade deste tipo de medidas en pesqueiras industriais logo de décadas de relevar datos científicos biolóxicos e socioeconómicos aínda está por confirmarse.

O estudo tamén incide en que a prohibición de descartes na pesca artesanal é imposible de levar á práctica na medida en que o espazo a bordo das embarcacións xa se atopa optimizado, polo que modificar as características estruturais dos barcos afectaría á súa propia navegabilidade, aumentaría o peso das embarcacións e o tempo dedicado polos pescadores a bordo. Todos estes efectos suporían de xeito implícito un incremento das horas de traballo e, en consecuencia, un aumento dos custes laborais e tamén dos derivados do combustible.

Agora, a súa nova achega incide nos efectos prexudiciais que a política de descartes vai ter nos próximos anos sobre a frota galega e a economía de centos de familias galegas que dependen da pesca artesanal.

--------------------------------------------------------

Villasantea S., G.J. Pierce, C. Pita, C. Pazos, J.G. Rodrigues, M. Antelo, J.M. Da Rocha, J.G. Cutrín, L.C. Hastie, P. Veigak, U.R. Sumailal, M.Coll. (2016). Fishers' perceptions about the EU discards policy and its economic impact on small-scale fisheries in Galicia (North West Spain). Ecological Economics, 130, 130-138. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Mario Antonio

Nunca a baixura galega tirou un peixe o mar. Os descartes na flota artesanal son 0. Que a queiran por en tacs ridículos na que teñan que tirar especies como a xarda abadexo ou pescada è xa cuestión política. O ùnico descarte que ten a baixura è a carnada do polbo que està na nasa de un día para outro e tírase pola borda. Creo que o que deberîa facer ese estudo sería un lobo de mar e non científicos que o saben todo pechados nos seus laboratorios

2 Gamela

Se, como dí o investigador, os descartes na pesca tradicional son mínimos, non comprendo por que non podemos ser nós os que fagamos unha pesca sustentable cun mínimo impacto? Se déramos un paso adiante no aproveitamento dos recursos deses mínimos descartes, por un lado tomaríamos conciencia de que non todo o que cae na rede é peixe (con valor) e dúas se innovamos en subproductos derivados deses descartes ben podíamos poñernos á cabeza dunha nova política pesqueira artesanal liderada por Galicia e que logo poderíamos "exportar" a outros lugares aproveitando a existencia en Vigo da Axencia Europea de Pesca (?) Non todo vai ser PROTESTAR neste mundo complexo ? Digo eu...

1 viaje@itaca

Á UE súdalle o que lles pasa a quén non ten lobbies que unten aos políticos nin consellos de dirección onde colocalos cando acaben a súa andaina.

1 teutonio

Home, pois o lobby da pesca existe e ten potencia, mesmo teñen a un rapaz de Vigo traballando nel...