A resaca do "affaire" Soria

Aos que pensabamos que a política realmente existente xa non era quen de proporcionar sorpresas relevantes, o “affaire” Soria demostrou que aínda é posíbel vivir novidades chamativas.Certamente, non me atopaba entre os que acreditan nunha súpeta conversión “paulina “ de Rajoy por mor do seu recente acordo con Albert Rivera.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/09/2016

Comparte esta noticia

Xa sabía que para o presidente en funcións a loita contra a corrupción e pola rexeneración do sistema democrático só constitúe unha apelación retórica que debe figurar, obrigatoriamente, no discurso politicamente correcto dos tempos actuais.Pero ante o sucedido nestes días, caben dúas hipóteses explicativas:ou Rajoy e os seus asesores habitan nunha burbulla que os desconecta dos estados de opinión existentes en amplos sectores do corpo social a respecto do comportamento maioritario da elite política ou estamos en presenza dunha provocación deliberada para destruír as poucas pontes que poden posibilitar un acordo do PP con aqueles partidos (C’s, PSOE,CC,PNV) que poden facer viábel a investidura do actual presidente en funcións e, xa que logo, abrir ás portas a unhas novas eleccións en Decembro que reforcen a posición parlamentaria do partido de Rajoy.

Na Moncloa pensaron que a proposta de Soria –feita con premeditación e nocturnidade- non ía supor un custe electoral relevante nos comicios galegos.Pola reacción de Feijoo –morna, a pesar de todo- non semella que houbera sintonía completa entre o “staff” de Mariano e o de Montepío.A decisión revela, en calquera caso, a sensación de impunidade que segue instalada no núcleo duro dos dirixentes estatais do PP.Calculan que a corrupción xa lles pasou a meirande parte da potencial factura electoral e que só teñen problemas de axustes de contas entre os distintos clanes que habitan nas estancias do poder.

Nunca saberemos que tería acontecido o 25 de Setembro con Soria colocado na directiva do Banco Mundial.A obrigada rectificación e os insultantes argumentos utilizados na súa xustificación non deberían evitar a esixíbel penalización dunha parte do electorado “popular” mediante a abstención ou mesmo a transferencia do apoio ás candidaturas de C’s.Se, finalmente, non é así, teremos que certificar a complicidade dos votantes de Feijoo con estas prácticas impresentábeis e constatar a fondura da doenza moral que afecta a un segmento moi significativo do corpo social da nosa nación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.