Á espera de poder dicir: "Xa o PP o fixo antes"

Situados nas antípodas do separatismo, é perfectamente coherente que Ciudadanos non queira formar goberno, nin dar o seu apoio, con aqueles que cren –ou pretende crer– que nun Estado de Dereito a Constitución pode ser obviada e o separatismo unilateral relativizado.

Por Xoán Vázquez | New Yersey | 13/09/2016

Comparte esta noticia
E situados nas  antípodas do nacionalismo periférico, para Ciudadanos só hai unha nación: a española.  Sería incidir nunha  hipocrisía abafante suxerir que Ciudadanos ten menos argumentos históricos ou base xurídico-legal para defender a súa idea de nación ca CDC ou EH Bildu a deles. Non obstante, non son poucos, nin poucas as veces, que as gorxas da nova “superioridade moral”, ou sexa, as mesmas que nos arrastran á decadencia, usan a súa insufrible megafonía para gritar aquelo de “fachas!, fachas!!, e máis fachas”, coma se nunha democracia todos tivesemos que ir ao rego ben guiadiños e obedientemente camiñar en ringleira. Porque, claro, nesta época de okupas e parlamentarios bicos engadellados a idea de rachar ten máis base moral cá de preservar e ata os progresistas de toda a vida (servidor) somos uns fachas. Dos partidos de ámbito estatal ningún fala coa clarividencia de Ciudadanos, indiferentes á mamarrachada de “fachas!, fachas!!, e máis fachas”, seguen alleos, por completo, a esas ambigüidades e hipocrisías que tanto fecundo atoparon no PP e no PSOE. Tamén excluímos do fecundo da hipocrisía a Podemos; e excluímolos porque nestes o que pesa é un oportunista  desaforado claramente anunciado. En Podemos tanto vale a defensa da integridade territorial do Estado coma o separatismo; adherirse á Constitución como esnaquizala;  o dereito a propiedade privada como o okupismo; erguerse tódolos días e saír a buscar vida como ser un parasito chupa porros tirado defecando nunha esquina; ou sexa, preséntasenos coma un auténtico vertedoiro aberto a todo canto alí se nos ocorra envorcar. E claro, algúns aínda nos acordamos da nobre función dos vertedoiros. 
 
A ambigüidade só serve unha función: darlle abeiro á conveniencia. E no caso dos partidos políticos, nin tan poucas veces, nin tan sequera é á conveniencia do partido, antepondo os intereses persoais aos propios do partido, estando xa os deste claramente antepostos aos do Estado. Ou sexa, atopámonos perante oligopolios políticos controlados por oligarquías con claros matices mafiosos: vexase o caso Soria, o de Magdalena Álvarez, o 3% do Pujol, o desprezo institucional do Mas e acólitos, e a noxenta dinastía baltariana. Aínda que deso dos matices mafiosos oligárquicos tampouco se zafan os partidos de ámbito autonómico, eles profundamente endogámicos. Todos culpables. Mais aínda sendo culpables todos, ningún foi capaz de elevar esta nova hipocrisía Millennium ao status de código moral coas devastadoras eficacias deste PSOE das últimas colleitas. Para este PSOE pos-González todo, absolutamente todo, é relativo.  O código moral deste novo pero rancio PSOE pódese sintetizar no seguinte: renuncia José Manuel Soria (que nunca debeu ser proposto) pero non a imputada Magdalena Álvarez (que xa tiña que levar algún tempo no cárcere). Porque Álvarez, imputada ou non, está unxida polos óleos da pureza moral do novo progresismo pos-González. E metemos no cárcere a Bárcenas (que ben o ganou) pero non a Chavez, Pujol ou Artur Mas: corruptos, mafiosos, traidores. Ao Chavez, unxido polos mesmos óleos cá Álvarez, está clarísimo e plenamente xustificado que é intocable. E o Pujol e mailo Mas, pois iso, xa todos sabemos que o nacionalismo periférico é unha exaltación moral de entrega e sacrificio patrio mentres o nacionalismo estatal é facha residual, ominoso e opresor.  
 
Ciudadanos é o único partido de ámbito estatal que ten as cousas claras: Para eles a integridade territorial do Estado non é discutible. Dino cunha claridade absoluta, non hai engano, non hai punto medio, e non hai complexo de inferioridade moral perante as mesiánicas voces que transcende a terreais constitucións.  Para Cuidadanos outorgar privilexios aos que máis berran e difaman non é prioridade. Xa poden tódolos catalán erguerse en unísono a berrar na súa Diada aquelo de que tódolos demais somos uns impresentables ladróns folgazáns desvergonzados que vivimos á conta do suor dos sufridos e laboriosos cataláns, que entres os que se paren a escoitar esas necidades non se ha atopar Ciudadanos. Iso, de seu, xa é unha achega útil e positiva para a futura gobernanza deste desnortado país. Aos conservadores ou liberais que cren que o dereito a decidir, aínda non sendo o camiño a seguir, si é algo sobre o que se pode discutir, Cuidadonos non ten nada que lles ofrecer. E está ben que sexa así; para iso xa está o PP.  O PP nese tema anda algo coxo, pois aínda cando non están para cuestionar a integridade territorial do Estado, si hai dúbidas de ata onde estaba disposto a ir na defensa da orde constitucional; velaí a súa (non)resposta a Artur Mas. O PP retratouse, moita leria en constitucionais e supremos tribunais e moi pouco máis. E o PSOE? O PSOE pos-González non existe. O que quedou detrás das siglas non ten as cousas claras. Anda algo baleiro de principios, hostil aos valores ancestrais, e alleo ás conviccións que noutrora o definían e honraban. Arrastrado polo secesionismo catalán, o PSOE pos-González xa prefire ser coñecido polas siglas para así agachar no escuro fondo das ambigüidades aquelo de Español. Quédalle grande e fáiselle pesado  levar no nome o de “Español”, e xa hai indicios de que tamén  lle empeza a pesar o de “Obrero”. O PSOE Millennium xa gusta máis de ser El Partido Socialista, así, a secas, da forma máis xenérica posible. Xa nin me acordo da última vez que lle oín a algún dirixente Socialista dicir: El Partido Socialista Obrero Español. Algo que na miña adolescencia e mocidade orgullosamente entoabamos en canta oportunidade se nos presentase.  
 
Ao fin Sánchez non mudaría o seu “Non” aínda de recibir a cabeza de Rajoy en bandexa. E é enganoso iso que nos di de que o PP busque apoios ou entendemento cos seus ideoloxicamente compatibles: PNV e mais CDC; pois Suxerir que CDC comparte valores de fondo co PP é unha insultante distracción perfectamente dispensable. Estas distraccións só perseguen un propósito: que sexa o PP quen estableza precedentes de negociación de investidura  con partidos abertamente secesionistas, para así cando lle chegue o día ao PSOE poder dicir “xa o PP o fixo antes”. E Patxi López dinos que non hai escenarios posibles no que o PSOE poida chegar a entenderse co PP; ou sexa, o PSOE Millennium proclama que non hai escenario posible de que poida chegar a entenderse cunha imprescindible porcentaxe da cidadanía. Sendo iso verdadeiramente grave, que o é, e non ten precedentes en ningunha democracia, que nos ten, non deixa de ser un mérito que faga as súas declaracións da maneira máis clara posible. Mellor iso ca aquilo do Sánchez que disque respecta moito aos votantes do PP pero non ao PP. En fin. Para falar, cando a intención e falar claro, os circunloquios son un estorbo. López ten os mesmos obxectivos ca Sánchez: establecer precedentes de negociacións que resulten nun acadar de apoios de partidos hostís ao Estado, mesmo, nalgúns casos, partidos que procuran a destrucción do Estado, sen mollarse. Esa é a cerna da cuestión, e ningunha outra. O problema non é a corrupción. E non é a corrupción porque se no PP hai un feixe de  Bárcenas non menos grande é o feixe de Chávez que hai no PSOE. Sendo a corrupción un problema gravísimo para, nós, os cidadáns, tan gravísimo que xa xustifica unha toma da Bastilla, non é a corrupción o que impide a Sánchez aceptar a formación de goberno por quen ganou as eleccións. Non; a razón é que Sánchez non se ve na Moncloa sen os apoios dos partidos abertamente secesionistas, inclinados CDC e mailo do compañeiro Otegi. E necesita argumentos para artillar a gran mentira, cementala na conciencia colectiva da cidadanía para darlle fértil uso cando as conveniencias o reclamen. Ese é o problema, asegurarse que o PSOE non sexa percibido coma o partido traidor capaz de abrazar o separatismo. E para iso necesitan desesperadamente poder dicir “xa o PP o fixo antes”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/