O CC Rías Baixas, líder

O redondelán Samuel Blanco, novo camisola amarela da Volta a Galicia trala disputa da etapa raíña pola comarca de Sarria. Ademáis, o equipo de Marcos Serrano lidera a clasificación por equipos. Este sábado, cuarta etapa con saída e final en Verín.

Por gcdeportes | Sarria | 16/09/2016 | Actualizada ás 23:56

Comparte esta noticia

Xornada histórica para o Club Ciclista Rías Baixas, que por primeira vez en catro anos como equipo Elite e Sub-23 ten a un dos seus ciclistas liderando a clasificación xeral da Volta a Galicia. O redondelán Samuel Blanco, actual campión de Galicia sub-23, vestiuse de amarelo trala disputa da etapa raíña pola comarca lucense de Sarria. Ademáis, o Rías Baixas que dirixe Marcos Serrano comanda a clasificación por equipos.

O podio da Volta a Galicia trala disputa da 3ª etapa en Sarria.
O podio da Volta a Galicia trala disputa da 3ª etapa en Sarria. | Fonte: @F_Gal_Ciclismo

O ciclista galego situouse como líder tras ser un dos nove corredores que chegaron en cabeza á liña de meta. O máis rápido dese grupo foi Diego Sevilla (Polartec-Fundación Contador), que se anotou o triunfo parcial nunha xornada na que o portador do maillot amarelo Marcos Jurado (Supermercados Froiz) non aguantou o ritmo dos primeiros no Alto de Paradela, última ascensión puntuábel do día.

Os 150 quilómetros pola provincia de Lugo, con inicio e final en Sarria, presentaban catro portos de montaña e un trazado ideal para emboscadas. O portugués Luis Mendonça (Spol-Concello do Porriño) e o asturiano Sergio Pérez (Kuota-Construcciones Paulino) foron os grandes protagonistas da primeira metade da etapa. Fuxiron do pelotón no quilómetro 16 e acadaron unha vantaxe de tres minutos que lles permitiu pasar ao fronte da carreira polas metas volantes de Samos e Láncara, e polos altos de San Xoán, Vilaesteva e Baralla.

Por detrás, o Club Ciclista Rías Baixas tentou mover a carreira e liderou un quinteto intermedio con Cristian Mota, Jesús Nanclares e Ángel de Julián, que estiveron acompañados por David Francisco (Kuota) e Jesús Montero (Bicicletas Rodríguez). Este grupo foi neutralizado no quilómetro 100 e pouco máis tarde o pelotón tamén absorbeu a Mendonça e Pérez. Antes da subida da Paradela houbo varios movementos, pero a carreira decidiuse nas ramplas deste porto de segunda categoría.

O Kuota lanzou por diante a Miguel Burmann e a Elias Tello. Os dous representantes da formación asturiana alcanzaron a cima, ubicada a 14 kilómetros para o final, con 20 segundos de marxe sobre Samuel Blanco, Daniel Domínguez (Supermercados Froiz), José Díaz (Bicicletas Rodríguez), Pedro Gregori (Aluminios Cortizo), Gaspar Gonçalves (Liberty Seguros), Diego Sevilla e Diego Noriega (Polartec-Fundación Contador).

O redondelán Samuel Blanco, coa camisola amarela no podio de Sarria.
O redondelán Samuel Blanco, coa camisola amarela no podio de Sarria. | Fonte: @CCRiasBaixas

Os sete perseguidores atraparon a Burmann e Tello no descenso da Paradela e a vitoria decidiuse nas rúas de Sarria. Sevilla levantou os brazos por diante de Tello e Domínguez. O ciclista do Polartec madrileño quedárase a xornada anterior preto do triunfo ao ser terceiro en Noia. O segundo grupo cruzou a liña de meta a 50 segundos e nel entrou Jurado, que deste xeito cedeu a camisola de líder.

O redondelán Samuel Blanco manda agora na xeral con 20 segundos de vantaxe sobre Sevilla e 37 respecto a Pedro Gregori. O corredor do CC Rías Baixas tamén é o mellor Sub-23 e o primeiro galego. Ademais, o seu equipo encabeza a táboa por escuadras. No resto de clasificacións, Sergio Pérez é o novo líder da montaña e Luis Mendonça das Metas Volantes.

Este sábado a provincia de Ourense toma o relevo na Volta a Galicia con 131 quilómetros que arrincarán e rematarán en Verín. O Alto de Vilardevós, de 2ª categoría, coroarase a dezaseis quilómetros de meta. Antes, os sobrevivintes nesta rolda tamén terán que superar as subidas puntuabeis de Alberguería (km.32 de 2ª) e de Cualedro (km.70 de 3ª), mentres que as dúas metas volantes atópanse en Laza (km.19) e Oímbra (km. 96).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta