Os dez chíos máis famosos da campaña electoral

GC publica as dez publicacións referidas aos candidatos á Presidencia da Xunta que máis se viralizaron en Twitter. Feijóo encabeza esta lista, na que se meten por vía directa a cabeza de cartel de Ciudadanos, Cristina Losada, e o seu líder estatal, Albert Rivera, ademais de Luís Villares, pero polo pulo dado pola conta de Podemos dende Madrid ao candidato de En Marea.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/09/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Xa sabemos que Alberto Núñez Feijóo é o favorito nas enquisas e o máis mencionado en Twitter entre os candidatos á Presidencia da Xunta. Del é tamén o chío máis popular e espallado nesta rede social, no que levamos de campaña electoral. O líder do PPdeG pode presumir de ter publicado —el, ou o seu community manager no seu nome— o tweet que máis impacto tivo entre todos os que se teñen publicado en relación ás contas dos aspirantes a gobernar Galicia nos próximos catro anos. GC recompilou os chíos máis famosos publicados durante a campaña electoral —entre os días 9 e 18 de setembro—, referidos ás contas dos principais candidatos, e seleccionamos e ordeamos os dez que acadaron máis sona por rechíos e 'gustame' (os datos totais que destacamos son os acumulados até o día 18 e poderían ter variado xa ou cambiar nos próximos días). 

Alberto Núñez Feijóo (PPdeG), Xoaquín F. Leiceaga (PSdeG), Luís Villares (En Marea) e Ana Pontón (BNG), no inicio da campaña das eleccións galegas 2016.
Alberto Núñez Feijóo (PPdeG), Xoaquín F. Leiceaga (PSdeG), Luís Villares (En Marea) e Ana Pontón (BNG), no inicio da campaña das eleccións galegas 2016.

Feijóo e o PPdeG logran meter dous chíos entre os máis viralizados en Twitter; tamén Albert Rivera e a súa candidata en Galicia, Cristina Losada, publicaron dúas das mensaxes máis rechouchiadas. As seis restantes desta lista céntranse principalmente en recordarlle ao líder dos populares o seu pasado máis negro pola súa amizade co narcotraficante Marcial Dorado, ademais da corrupción que afecta ao PP e as súas políticas de recortes. O único candidato da esquerda que se cola nesta lista é o cabeza de cartel de En Marea, Luís Villares, pero non pola vía directa, senón grazas a unha referencia da conta de Podemos, dende Madrid. Nin Ana Pontón (BNG) nin Leiceaga (PSdeG) logran por eles mesmos ou os seus partidos, nin por mención doutros, o impacto dos seguintes chíos, os máis famosos da campaña electoral, nos que Feijóo é o gran protagonista.

1. O PÉSAME DE FEIJÓO ÁS FAMILIAS DAS VÍTIMAS DO ACCIDENTE DE TREN NO PORRIÑO

Con 467 rechíos e 367 'gústame', esta mensaxe publicada o 9 de setembro no perfil de Alberto Núñez Feijóo e dirixida ás vítimas do accidente de tren no Porriño é, até o de agora, a que máis impacto acadou en Twitter.

2. MENSAXE DE ANONYMOUS A FEIJÓO

O 14 de setembro, a conta @Anonymous_UE_ —un dos moitos usuarios vinculados ao movemento hacker coñecido como Anonymous— publicou este chío retranqueiro, que acadou 350 chíos e 267 'gústame'.

3. PODEMOS DÁLLE PULO DENDE MADRID A LUÍS VILLARES

A conta oficial de Podemos publicou este chío o 14 de setembro para darlle pulo á campaña de Luís Villares e En Marea, centrada na corrupción no PP. Con el acadaron 333 rechíos e 393 'gústame'.

4. A SORNA POLÍTICA DE ANTÓN LOSADA

O politólogo galego Antón Losada publicou un dos chíos máis viralizados nesta campaña. Coa súa característica sorna, recordou as amizades perigosas de Alberto Núñez Feijóo coa famosa foto deste nunha embarcación co narcotraficante Marcial Dorado. Con esta publicación, Losada conseguiu 274 chíos e 155 'gústame'.

5. O MASIVO MITIN DE FEIJÓO E RAJOY EN PONTEVEDRA

A conta oficial do PPdeG tamén conseguiu un gran impacto coa publicación deste chío, o 10 de setembro, no que fachendaban do masivo mitin dos populares na praza de touros de Pontevedra. A mensaxe coa fotografía atraeu 255 chíos e 245 'gústame'.

6. A DOR E O PÉSAME DA CANDIDATA DE CIUDADANOS

Con esta mensaxe publicada o 9 de setembro e dirixida ás familias das vítimas do tráxico accidente ferroviario ocorrido no Porriño, Cristina Losada acadou 251 rechíos e 121 'gústame'.

7. ALBERT RIVERA PRESUME DE EQUIPO

O líder estatal de Ciudadanos publicou o 11 de setembro este chío, no que presume da compaña en Vigo da súa canidadata á Presidencia da Xunta, Cristina Losada, e da deputada no Congreso, Marta Rivera. A publicación conseguiu 243 rechíos e 292 'gústame'.

8. OUTRA VEZ MARCIAL DORADO

O sindalista José M. Amoedo (UXT) recordaba a Feijóo, con este chío, a súa amizade co narcotraficante Marcial Dorado. A mensaxe, publicada o 16 de setembro, logrou 236 rechíos e 101 'gústame'.

9. POBRES E PARADOS

De novo o sindalista José M. Amoedo situou un chío entre os máis populares. Publicada o 11 de setembro, esta mensaxe, na que criticaba as políticas sociais de Feijóo, acadou 233 rechíos e 76 'gústame'.

10. "AS FOTOS QUE MOLESTAN A FEIJÓO EN CAMPAÑA"

O 13 de setembro, @carolacaracola5  publicou este chío con dúas fotografías, unha de Feijóo con Manuel Baltar, acusado de presunto suborno sexual, e outra co narcotraficante Marcial Dorado. A publicación acadou 215 rechíos e 61 'gústame'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta