GC Aberto

"Viños de galicia" no programa do pp?!

É de crer que o ppdeg leve no seu programa a creación da denominación "viños de galicia"?

Por susodever | GC ABERTO | 20/09/2016

Comparte esta noticia

Entro na web do PPdeG na procura do programa electoral. Concretamente buscaba que nos propuñan para o sector do viño, -si, o que adegueiros e viticultores fixemos que fose tan importante na comarca!-. Miro, remiro, reviso, volvo e revolvo e nada. Pero onde está a lizagón de “programa”?

Presentación do salón internacional do viño “Fevino 2015”
Presentación do salón internacional do viño “Fevino 2015”

Xa me ía, cando toco co rato (ou punteiro) e muda de cor unha ligazón FEIJOO.GAL (que, escrito así, non contradí a norma ortográfica, pois a pronuncia é grave, non si?). Entro. Ah, o PPdeG (non o PPG) era o propio Núñez. Ou viceversa? Para que logo digan que non esconden o PP! E indirectamente o candidato.

Vaiamos ao asunto. Dentro das propostas económicas, aparece unha na que lemos (entre outras cousa) “medio rural” e entramos. Logo das estatísticas estremecedoras, chegamos a PRINCIPAIS PROPOSTAS. Comentemos a segunda: cómpre un exercicio soberbio de cinismo para escribiren: “Reforzaremos e impulsaremos o servizo das oficinas agrarias comarcais...cando levan ano tras ano lexislatura tras lexislatura baleirando de contido estes servizos e convertendo aos funcionarios en meros cubridores de formularios.

Respiramos fondo ao lermos a terceira, para doernos dos esforzados “artesáns da alimentación”, para os que non se sabe qué teñen preparado.

E entramos na terceira. Ben simple: a intención é crear a denonimación “Viños de Galicia”, claro que disfrazándoa de “marca paraugas”. Pero é que chove para as denominacións? Se crean esa denominación, o que lle estarán poñendo é unha lousa de “non orixe” ás cinco denomacións do viño. En realidade están facendo caso aos “lobos” do sector (e algún gurú), que cada pouco sacan esa oferta (e agora o PP recolle) para igualárennos a todos polo raseiro inferior. Pero, se non saben a onde nos leva, miren o que sucedeu noutras autonomías. Infórmense. Vaian a Catalunya ou a Canarias. Consecuencias: deslocalización da elboración (e non creo que sexa en favor do interior do país) e traslados de uva incontrolados. É curioso que moitas veces quen defende o pago ou o terrón tamén ande con estas demandas. Paradoxo que dá que pensar.

Se do que se trata é de dar amparo a zonas de viñedo que non están protexidas, hai dúas solucións: a) Intégrenas nas que xa existen, que non está tanto viñedo fóra. Propóñanllo ao sector para ver que lles di. Seguramente se sorprenderán. b) Búsquenlle unha denomación única da categoría de “viños da terra”, como se fixo noutras comunidades (véxase Vinos de la Tierra de Castilla). Pero non desfagan o que con rigor e control nos permitiu chegar a onde estamos.

Deixei para o final o paradoxo -outra vez- que supón que a primeira e principal proposta das medidas para o rural sexa unha futura lei de agricultura “nun proceso participativo no que se recollan as achegas do sector”. (De loucos: primeiro acaban coa agricultura e logo farán unha lei.. para enterrala?).

O sector do viño (todas as denominacións cos seus consellos á cabeza e pesidentes) leva anos dicíndolle á administración que non queren unha denominación “Viños de Galicia”. Se escoitan ao sector, borren esa proposta do seu programa.

Suso Verao Pérez é viticultor en Barantes (Sober), na ribeira de Lobeiras, na Ribeira Sacra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta