Luís Villares: “É un orgullo inmenso compartir espazo cun referente ético, político e ideolóxico como Beiras”

O candidato de En Marea destaca que, a pesar do proceso convulso que pasou esta formación, agora está todo “engraxado” e, por iso, está convencido de vai vencer a Feijóo. Suliña nesta entrevista que non é un “político profesional” e que se meteu en política, precisamente, para poder cambiar “leis inxustas”. Anuncia cambios na política de axuda aos medios se chega á Xunta, “non se poden condicionar aos favores editoriais ou que un teña mellor ou peor trato”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 22/09/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Que fai un maxistrado do TSXG nun lugar coma este?
Pois botar unha man e participar nun proxecto colectivo como é En Marea polo meu compromiso coa xustiza social e a decidida loita contra a corrupción. Había inxustizas que vivía desde o meu posto de traballo porque hai leis inxustas e un xuíz ten que apandar con elas. E para solucionar iso hai que ir á política.

Luis Villares na súa presentación como candidato ás primarias de En Marea
Luis Villares na súa presentación como candidato ás primarias de En Marea | Fonte: EP

Como encaras esta última parte da campaña?
Pois con moita ilusión porque a xente responde moi ben e Feijóo está moi nervioso. O tema da corrupción desencaixouno completamente. Por iso nós explicamos quen é o PPdeG e quen somos nós. Dúas formas de facer política antagónica. A ética contra a miseria.

Hai xa cansanzo acumulado ou é levadeira a campaña?
Que va. Hai moita enerxía. Hai moito Villares de aquí ata final de campaña. Un Villares, ademais, moi enérxico.

Para unha persoa novata coma ti nisto da política, que é o máis difícil desta campaña?
Ao principio custoume moito o de adaptarme. Non falar coma xuíz, senón facer mensaxes accesibles a todo o mundo. E logo o primeiro mitin e o primeiro debate televiso. O non ser político profesional é o que ten.

Víaseche un pouco nervioso ao comezo nese debate?
Si, porque era a falta de práctica. Tiña moi claras as miñas ideas e a crítica a Feijóo. Pero o formato era o que era e era moi mellorable. E todos puideron ver como desataron as regras do debate.

Xosé Manuel Beiras arroupa a Luis Villares na súa presentación como candidato de En Marea
Xosé Manuel Beiras arroupa a Luis Villares na súa presentación como candidato de En Marea | Fonte: EP

E cres que chegou a mensaxe?
Penso que si porque En Marea é coherente coa mensaxe que ten trasladada á cidadanía, de dignidade e xustiza social. E isto temos que levalo tamén á Xunta. Non gobernar contra as maiorías socias.

E hai boa sintonía entre todos os candidatos?
Si. Por suposto. E hai un equipo que xoga moi cohesionado. Temos un gran partido e cun gran futuro de goberno.

Dígoo porque vides dun proceso un pouco convulso. Están xa pechadas as feridas?
Vimos dun proceso de confluencia que é un proceso de encontro que sempre é positivo. Acordamos os principios políticos arredor dun proxecto nacional para Galicia comprometido coa democracia e a xustiza social. E ese é o empaste que nos fai estar a todos unidos e ofrecer unha alternativa unida. A xente demanda isto e nós dámoslle a ferramenta.

Falas dun proxecto nacional para Galicia pero veñan os líderes de Podemos de Madrid, como se interpreta?
A Marea é unha sintaxe de correntes nacionalistas, republicanistas e plurinacionais. Todos temos o punto común de recoñecernos como nación para realizar uns valores e uns proxectos comúns. Polo tanto, convivir para impulsar a xustiza social. E niso estamos todos. Polo tanto todo o mundo está remando para conseguir para este obxectivo para o noso país.

Incluído tamén Pablo Iglesias?
Incluído todo o mundo que forma parte do espazo de confluencia. Pablo Iglesisias acompañoume a Vigo e A Coruña porque son forzas que comparten un desexo de xustiza social e de cambio e temos moitos motivos para traballar xuntos.

E supoño que tamén Xosé Manuel Beiras. Que tal ti con el que xa deches varios mítines xuntos?
É un orgullo inmenso compartir espazo con quen é un referente ético, político e ideolóxico. El foi o primeiro que nos falou da confluencia e de reorganizar o espazo político en Galicia. Se hoxe temos En Marea é grazas a el. El viu unha cousa e é que se a sociedade galega estaba unida, reclamando uns dereitos sociais, nacionais e colectivos, como non iamos construír unha ferramenta política?. Por iso compartir espazos co Beiras é un inmenso pracer.

Deuche algún consello?
Deume moitos consellos pero un moi valioso. Díxome: “Luis, se vas liderar a confluencia tes que ter presente unha cousa, que confluír, é renunciar. Agora non es ti só, senón que reprentas a un conxunto amplo desta confluencia”. Por iso houbo que renunciar para ter este gran proxecto de xustiza social.

E cales son os obxectivos da túa campaña?
Pois representar o antagonismo con Feijóo.

E cres que o estás conseguindo?
Absolutamente. O PP tivo unha estratexia de invisibilización da Marea ata que lle fixo augas e agora entrou a saco porque sabe que lle imos gañar as eleccións. Por iso queremos trasladar que somos a ética e a dignidade fronte a un PP que representa recortes e corrupción. E a xente terá que escoller entre estas dúas alternativas.

Cres que o cambio é posible... As enquisas din outra cousa?
Esta semana houbo unha interpretadora de enquisa que foi Rita Barberá que dixo que se daba de baixa do PP para que non lle achacaran a ela unha derrota electoral. Nós somos proxecto de futuro e iso non o recollen as enquisas. En Compostela albiscaban tres para CA e sacou dez. Por iso estamos convencidos de que seremos o motor do cambio.

E ese cambio supoño que me dirás que estará encabezado pola Marea... E senón é así, haberá cambio igual?
Somos xente seria. Temos claras cales son as prioridades que son poñerlle fin á corrupción e recortes. E por iso garantizamos a fin das políticas do PP.

Cun acordo co BNG e co PSdeG?
Se non temos maioría absoluta, por suposto. Nós falaremos con todos para derrotar ao PP.

Como ves a campaña de Feijóo?
É unha campaña covarde. Quixemos que falara cara a cara pero preferiu ocultarse. Ata oculta as siglas do seu partido porque todo o mundo sabe que está asociada a corrupción e recortes.

Pero semella que ten moita axuda, sobre todo, dalgúns medios..
Ten moita axuda pero non ten a axuda da xente. O 25S demostrarase que non a ten.

Que pasa, que sobre este tema dos medios non te queres pronunciar?
Os medios públicos están totalmente secuestrados. En TVE ofrecían un debate e obrigaron a asinar unha claúsula na que puñan que se un candidato non quería ir podían cancelalo, como aconteceu, aducindo a que non había interese informativa. Iso é un escandaloso. Na CRTVG pois outro tanto do mesmo. Hai que garantir a pluralidade política e ideolóxica nos informativos. E tamén impulsar a produción cultural da TVG que é escandaloso que sendo un medio galego non teñan nada sobre a cultura deste país.

Vexo que só falas dos medios públicos. Que vai facer En Marea se chega ao poder con respecto a política de axudas aos medios privados?
Reformular estas axudas. Iso é evidente. Non se poden condicionar aos favores editoriais ou que un teña mellor ou peor trato. Por iso ten que haber parámatros en función a difusión reais e, sobre todo, a promoción de valores culturais e sociais. Que se garantice que a liberdade de opinión e de prensa sexa efectivo e que todos os grupos sociais poidan acceder aos medios de comunicación tal e como recolle a propia Constitución. E por iso nós apostamos por unha reformulación completa das axudas aos medios privados de comunicación.

Onde te vas centrar nestes últimos días da campaña?
O martes tocou A Coruña e Vigo. Mércores foi Vigo e Rías baixas e, pola tarde, en Lugo. O xoves mitin central en Ourense e pechamos o venres en Santiago. Estaremos moito a pe de rúa.

Falas de Lugo. Ti vas candidato por esta provincia. Semella que en Marea é máis da zona urbana que do interior...
Veremos o domingo que teremos un apoio uniforme en todo o país. Agora que nos presentamos conxuntamente en todo o país e hai 120 mareas locais e non todas son urbanas pois imos ter vitorias en moitos concellos de pais.

E tes xa algunha quiniela feita?
Díxeno. Entre 25 e 30. Somos xente prudente. Non queremos acaparar para nós todo. Percibimos nos mítines que hai ilusión e gañas de cambio e o noso deber é deixalo todo nesta campaña e animar á xente para que participe porque desta ten que ir. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

5 Rubito

Eu nas pasadas eleccións votei En Marea, nestas votarei BNG, e fun a varios actos de Beiras, que por certo segueme gustando moito como lider, o que non me gusta é o señor Villares, non pode estar lendo nun debate como estivo no debate da TVG.

4 Mareas = VOTO UTIL

Ollo, que As Mareas andan moi cerca de botar a Feijoo se mobilizan ó seu electorado. Señores do BNG, non vos fiedes das enquisas da Coz, estades afundidos nun pozo e non se poden desperdiciar votos.

1 Ana Patricia no es casta

O únco voto desperdiciado é o que serve para aumentar a dependencia dos galegos con respecto aos madrileños. MAREA PSOE PP A MESMA MER DA E

2 anonimo

Pois eu penso o contrario que ti, ides afundir, o voto útil é Bng. Só hai que ver falar a Villares e a Pontón e entendese o porque...e o que esta pasando en PODEMOS vaivos dar a puntilla

3 Mareas = VOTO UTIL

Pois efectivamente, o mesmo din os da Voz

3 RíoMiño

Floxiño, o Villares, floxiño

2 Melena al viento

Etiquisimo cambiando de partido se non lle deixan presentarse por Pontevedra e largando ata que consigue recupera o escano. Un consello Villares: pídelle aos deputados de Podemos que van mandar no teu grupo -aínda non está claro se os da ex Testemuña de Jehová ou os outros errejoneiros- que lle dean algún posto de algo ou igual tamén empeza a analizar ante os medios a oposición que fagades. E igual non é unha análise amable e os medios lle dan titulares. Por certo en que planeta vives percibidno nos mitines nada? Se non vos esta indo case xente

1 Androide

Tampouco esaxeres. Cando traen os de Madrid ainda xuntan algo.

1 só en portugal se fai música

Pois agora que está todo engraxado, meu rei, a fricción e as discordancias na forma que mantiñan as pezas que forman a marea enganchadas, xa non vai impedir que empecen a esvarar pola superficie lubricada do resto, e caer todas no chan, cada unha polo seu lado