Por GC Emprende | A Coruña | 22/09/2016 | Actualizada ás 19:15
Na rúbrica estiveron presentes o presidente de Afundación e rector de IESIDE, Miguel Ángel Escotet e en representación de UIBE, a vicerrectora de Innovación, Wen Jun, o director e a vicedirectora da Facultade de Estudos Extranxeiros, Xu Yongbin e Jiang Li, a directora do departamento de español, Zheng Haoyu, e a profesora Wen Zhuojun. A incorporación desta prestixiosa universidade amplía o proxecto de expansión no ámbito internacional da Escola de Negocios Afundación de IESIDE, que o curso pasado incrementou nun 33 % o número de estudantes procedentes doutros países.
A Universidade de Economía e Comercio Internacional (UIBE), fundada en Beijing en 1951, foi pioneira no seu país ao ofertar graos e programas de mestrado en inglés. Con máis de 16.000 estudantes, entre os que se atopan 3200 estranxeiros procedentes de máis de 30 países, UIBE é unha universidade multidisciplinar que imparte máis de 50 especialidades nas áreas de comercio internacional e economía, administración comercial, finanzas, linguas estranxeiras aplicadas ao ámbito dos negocios ou dereito internacional. Este centro educativo é parte do coñecido como proxecto 211 do sistema universitario chinés, no que se inclúen unicamente 100 universidade das 1700 institucións actuais de educación superior do país asiático. Este proxecto, iniciado en 1995 polo Ministerio de Educación chinés, inclúe aqueles centros que ofrecen programas avanzados, con niveis destacados nos ámbitos científico, técnico e de recursos humanos, co obxectivo de impulsar neles a investigación e cultivar estratexias de desenvolvemento socioeconómico.
O PROXECTO DE IESIDE
IESIDE naceu en abril deste ano como unha aposa estratéxica de ABANCA en colaboración con Afundación para impulsar a súa actuación no ámbito da educación superior, avalada por máis de 29 anos de experiencia da Escuela de Negocios Afundación, e potenciar a cooperación entre a empresa e a universidade.
A primeira institución de educación superior de Galicia orientada á empresa conta con 22 profesores a tempo completo, 52 profesores asociados, 4 docentes estranxeiros visitantes e 250 profesores colaboradores. A súa oferta formativa incluirá programas académicos presenciais, online e de tipo híbrido, así como cursos corporativos dirixidos a empresas. Así mesmo, o centro ofrecerá un programa de bolsas que beneficiará, de forma progresiva, o 25 % dos seus estudantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.