GC Aberto

Cinco candidatos e un elefante

A expresión inglesa elephant in the room adoita empregarse para referirse a situacións evidentes e ineludibles, mais tremendamente incómodas, das que ninguén se atreve a falar. Unha desas situacións na sociedade de hoxe en día, un dos problemas de maiores consecuencias pero de menor presenza no debate público e político é o fin do crecemento e os límites que o ocasionan, entre eles o máis perentorio, se cadra, o Peak Oil (a chegada ao teito máximo de extracción do combustible fósil no que se basea o noso modo de vida).

Por Manuel Casal Lodeiro | Compostela | 23/09/2016

Comparte esta noticia

Ante a escasamente sorprendente ausencia deste tabú na campaña para as eleccións galegas do 25 de setembro, quixen cuestionar os principais cabezas de lista para se enfrontaren publicamente a ese incómodo asunto. Con ese fin lanceilles varias preguntas moi centradas en aspectos concretos de cadanseus discursos e programas que coidei nos podían servir de enganche para tirar do fío e coñecermos un pouco mellor o que pensan dese innomeable paquidermo. A continuación ofrezo a miña análise das súas respostas a xeito de resumo comentado, mais convidando a todas as persoas interesadas a coñeceren a versión íntegra e literal das preguntas e respostas no documento adxunto.

Distribución do Peak Oil no mundo
Distribución do Peak Oil no mundo | Fonte: decolonialatlas.wordpress.com

Agardo que este artigo axude a que no debate político galego se vaia rachando o mesto silencio público sobre esta cuestión, como xa comezan facer noutros lugares (Reino Unido, sen irmos máis lonxe), se non queremos que ese elefante que non queremos ollar, acabe por esmagar todas as propostas que uns e outros ofrecen para o país.

PSdeG-PSOE

O primeiro en responder as miñas preguntas foi o candidato do PSOE. Fernández Leiceaga, malia achegar unhas respostas detalladas (mesmo achega algunha referencia bibliográfica), non me rematou de aclarar a miña dúbida sobre cal é a pregunta para a que ten o seu partido “unha resposta nova”. Así e todo, si que nos deixou un recoñecemento expreso de que o mundo “está a chegar aos límites de crecemento tras decenios de crecemento exponencial”, aínda que insiste en que é posible o “crecemento sustentable”. Non se aparta do discurso convencional cando afirma que existe unha “saída á crise” e que precisamente é aí onde eles ofrecen esa “resposta nova”, baseada en “recuperar o peso da acción pública na construción das condicións estruturais precisas para responder á crise”, aínda que recoñece que o papel do “público” é “importante” mais non “decisivo”. Así e todo, chama a atención que tampouco fuxe o profesor de economía dunha terminoloxía que ben podería alguén asociar ao concepto do Decrecemento, cando fala en positivo do “recorte da demanda”, mesmo empregando a anatémica palabra “recorte”. Recoñece o obxectivo dunha “economía descarbonizada” como problemático de conxugar coa conservación do emprego e cun mantemento da competitividade, que el vencella cun termo totémico en todas as candidaturas: a “innovación”. Na súa opinión esa descarbonización é unha “oportunidade” para novas iniciativas empresariais. A súa cuantificación de obxectivos, mesmo sen marcar prazos, é absoluta: “ciclos de produción sustentables de cero emisións, cero residuos, cero externalidades”. A súa fórmula parece ser innovación + eficiencia + optimización produtiva + acción pública = competitividade + sustentabilidade, no que non parece afastarse das propostas comúns na socialdemocracia actual (social-liberalismo, din outros), como tampouco o fai na súa aposta por manter o “Estado de Benestar”.

Baixando ao concreto, realiza unha repetida defensa do “altísimo potencial xeotérmico” de Galiza (menciona mesmo un plan estratéxico específico), aínda que non o cuantifica en relación ao consumo enerxético fósil que vai ir perdendo o país. Tamén salienta a idea das “electrolineiras” para os coches eléctricos, o “district heating” (limitado para parques empresariais) e afirma que as fontes de enerxía renovable diminúen a “dependencia do exterior”, aínda que non explica qué fontes renovables galegas poden diminuír concretamente a dependencia do petróleo, gas e carbón importado, que supoñen ¾ partes do noso consumo actual e que son as que están en proceso de esgotamento. Sobre o marco fiscal para favorecer a descarbonización menciona unicamente as famosas trabas ao autoconsumo do ministro Soria. Para rematar, defende a catalogación do gas natural no programa do PSdeG como unha “alternativa ao petróleo” como unha cuestión de “fases” polas que necesariamente cómpre pasarmos, na súa opinión.

entrevistas
entrevistas

BNG

A candidata do BNG, Ana Pontón, respondeu máis parcamente e deixando varias das cuestións sen resposta, algo se cadra menos comprensible na única formación que leva o “Peak Oil” de maneira expresa no programa como algo que Galiza debe abordar. Malia vencellar a “sustentabilidade económica e social” coas consecuencias do uso da enerxía fósil, sorprende que o obxectivo que ela salienta con insistencia (e non só nesta entrevista) o cualifique como un “sistema cada vez menos contaminante” (tamén fala de “enerxías limpas”), e non máis resiliente ou máis sustentable ou simplemente viable. É dicir, interpreto que para ela o problema principal parece ser que o petróleo contamina, non que vaiamos quedar sen el sendo tan dependentes. Cuestionada expresamente polo asunto da dependencia alimentar do país (só producimos o 50% do que comemos, segundo datos de Carreira & Carral en O pequeno é grande) á candidata do Bloque parécelle esa situación “un disparate” xa que somos “potencia” en produción de diversos tipos de alimentos. Porén, ante a miña mención do Periodo Especial cubano como analoxía do noso posible futuro, evita explicitar a cuestión da vulnerabilidade nacional que representa o feito de que dependamos do petróleo para traer até Galiza a metade do que comemos. O obxectivo da formación nacionalista, sinala, é “aproveitar todo o noso potencial e poñer o país a producir”, caracterizando esa produción como sustentable, saudable, creadora de emprego e riqueza e decidida democraticamente a nivel local (mención implícita á soberanía alimentar). 

Ás incoherencias que tratei de salientarlle entre o meritorio recoñecemento do Peak Oil no programa da súa formación, por unha banda, e a continuidade coa aposta polo crecemento, por outra, a licenciada en Ciencas Políticas responde con rotundidade: “É perfectamente posible combinar crecemento económico e sustentabilidade”. E como é que propón o BNG conseguilo nun planeta finito, con rendementos enerxéticos decrecentes e cunha dependencia mundial do 86% da enerxía non renovable? Cos mesmos argumentos que atopamos habitualmente nesa esquerda que confía maioritariamente no poder da tecnoloxía: enerxía renovable + eficiencia tecnolóxica. O seu discurso rexeita que isto entre en contradición coa finitude dos recursos ou coa necesidade dun uso “racional e honesto” dos mesmos. A extensión da captación de enerxías renovables e a mellora continua da eficiencia —danos a entender o seu discurso— non teñen límites, nin son contrarrestados polo Paradoxo de Jevons (ou efecto rebote, que leva a maiores consumos totais cando se mellora a eficiencia enerxética). 

Finalmente, tras lle eu sinalar outra incoherencia na aposta do BNG por sectores altamente dependentes das fósiles como automoción, aeronáutica ou industria agrícola, di non compartir o meu “criterio” e defende a seriedade e solvencia do seu “proxecto de país”, poñendo Pontevedra como modelo internacional de sustentabilidade. Sostén que é “perfectamente compatible incrementar o valor engadido da nosa produción para xerar máis riqueza e emprego con ir na dirección das enerxías renovables e da redución de consumos”. Repite o termo “perfectamente” amosando unha firme seguridade na continuidade do business-as-usual nun contexto de devalo enerxético fósil, que semella superior —por exemplo— á dun Leiceaga ou á dun Villares que recoñen expresamente na entrevista os “problemas” que implica tentar conxugar todos os obxectivos sociais e económicos durante a transición a unha sociedade “descarbonizada”. A candidata nacionalista entra a retrucar a miña crítica unicamente na cuestión da agroindustria, que ela defende que pode ser local e crear emprego e riqueza “sen prexudicar o medioambiente”. Se Galiza se ten que alimentar a si mesma dun xeito sustentable —dinnos Carreira e Carral no estudo citado— o que cómpre é apostar principalmente pola pequena agricultura familiar, máis ca pola industrial. Por contra, semella que o BNG ten unha aposta preferente pola industria. “Podemos conciliar desenvolvemento e benestar ambiental”, afirma a súa candidata. Pontón, malia defender o crecemento, tamén aposta por “minimizar consumos”, sen atopar ningunha contradición nisto.

PP

Por parte do partido no goberno, e en ausencia das respostas do seu principal candidato, a conselleira Beatriz Mato foi a encargada de contestar as miñas preguntas. Comeza evitando responder a cuestión de se tras o Peak Oil (que non recoñece expresa nin implicitamente) vai existir tránsito rodado que xustifique a ampliación das estradas e autovías que defende o seu partido, aínda que matiza esa “ampliación” presente no programa do seu partido como unha simple “mellora” (menciona expresamente a cuestión da seguridade) das estradas existentes e “non tanto” construír novas estradas. Afirma que “incluso no longo prazo, un modelo territorial como o galego seguirá necesitando dos desprazamentos por estrada”. E como pode ser a mobilidade por estrada tras a queda do petróleo, para o PP galego? Afirman estar traballando para reducir a “dependencia do petróleo”, e apunta a que a substitución será “seguramente a través do maior aproveitamento da electricidade”, en liña co apuntado polo candidato do PSOE (coches eléctricos), sen atopar ela tampouco ningún problema á substitución da enorme mobilidade rodada privada actual baseada na gasolina/gasóleo por outra equiparable baseada na electricidade ¿renovable? (pode non ser casual que evite incluír ese adxectivo na súa resposta; contará o PP galego con poñer en marcha novas centrais de carbón ou de gas? Ou, se cadra, coa electricidade de orixe nuclear?).

Continuando coa cuestión das infraestruturas rodoviarias, a enxeñeira industrial asegura que “a ampliación da rede ven acompañada dunha serie de medidas que permitan cumprir os compromisos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro”, aínda que non ofrece cuantificacións acerca de como se poden reducir estes gases aumentando o tránsito. Defende tamén a aposta do seu goberno polo transporte público “máis útil e accesible” o cal concreta en medidas como a ampliación da rede metropolitana nas sete cidades, a gratuidade dos buses para a xente nova e os sistemas de “pagamento intelixente”. Ela tamén fai bandeira da eficiencia, indicando que “os propios vehículos tenden a ser cada vez menos contaminantes”, sen entrar na cuestión de se o uso (e polo tanto emisión) global está a diminuír ou a aumentar. Tamén propón novas “sendas” para desprazamentos non motorizados e a peonalización.

A respeito do “autoconsumo eléctrico”, polo que apostan fortemente no seu programa, recoñece que é “unha realidade imparable” e que xa o están a apoiar: “A Xunta xa ten tomado medidas en favor desta alternativa como facilitar a legalización das instalacións de baixa tensión sen vertido á rede ou apoiar economicamente instalacións de xeración distribuída e o autoconsumo”. En canto á situación lexislativa no Estado defende a “estabilidade” e “ordenación” que supón, na súa avaliación, o Real Decreto que o regula e apunta como probabilidade a que “unha vez controlado o déficit de tarifa e consolidada a estabilidade económico financeira do Sistema Eléctrico” se dea “un cambio regulamentario no sector do autoconsumo no que as peaxes de respaldo serán simbólicas e o balance neto o principio reitor”.

CxG

O candidato de Compromiso x Galicia, Xoán Bascuas , demostra nas súas respostas que, malia a súa formación non levar a mención expresa do Peak Oil no programa, o recoñecen e o teñen en mente, aínda que o sitúen como algo nun futuro aínda indeterminado: “compre de maneira urxente abordar a crise do petróleo”... “seguimos con atención a información sobre a data do Peak oil e os demais combustibles fósiles. Data que polo de agora é moi incerta”, afirma. De feito, dá claramente a impresión de confiar en que aínda hai tempo para realizar unha profunda transición antes de que “chegue o Peak Oil”, pasando se cadra por alto a necesidade de comezar a preparar unha sociedade como mínimo 20 anos antes (Informe Hirsch, 2005) e o feito de a propia Axencia Internacional da Enerxía recoñecer que pasamos o Peak Oil do cru convencional ¡hai 10 anos! e de que o Peak de todos os líquidos que se adoitan equiparar nas estatísticas co petróleo fálase que puido ser no 2015 (vid. o último Oil Market Report, da mesma AIE, ou o Monthly Energy Review de agosto deste ano da Axencia Estadounidense da Enerxía). “A nosa economía non se verá afectada no momento que chegue o 'Peak oil' porque xa teremos outras fontes de enerxía”, afirma demostrando ampla confianza nas posibilidades da política enerxética que propoñen, e á que queren destinar “100 millóns de euros en 4 anos” (pouco máis do 1% do orzamento total actual da Xunta). Xustifica a súa confianza en que “moitos autores son optimistas acerca da capacidade da innovación tecnolóxica para retardar esa data ata un futuro moi lonxevo, mesmo hai teorías de que a explotación dos hidratos de metano das plataformas oceánicas poderían reverter o cénit dos combustibles fósiles séculos”, aínda que recoñece que iso podería ser “economicamente inviable”. Tamén pasa por alto que calquera posible retraso no comezo do devalar enerxético fósil (como o que se ten producido nestes últimos anos grazas a unha explotación dos pseudopetróleos non convencionais de baixo retorno enerxético e de moi curto percorrido) ten a contrapartida de facer máis abrupta a caída posterior. Noutra das súas respostas recoñece: “Non existen solucións técnicas rápidas”, do cal se deriva que se é certo que estamos xa no Peak Oil, “as consecuencias poden ser graves”.

Malia esa fe nas posibilidades da tecnoloxía —que comparte con todos os demais candidatos— o profesor da Escola de Traballo Social amosa nas súas respostas ter reflectido sobre as consecuencias do devalo petroleiro: “Case todos os aspectos da nosa vida están ligados dunha ou doutra maneira ao petróleo e o gas natural”... “a enerxía non é solo un recurso estratéxico senón tamén a pedra angular sobre a cal se formou o mundo que hoxe en día coñecemos (…) se entramos no Peak Oil a nosa economía se vería gravemente afectada ao non ter posto en marcha outro tipo de políticas enerxéticas (…) A política enerxética dos próximos anos é a clave do futuro do país, do mundo e da supervivencia da humanidade”, chega a afirmar. Así, resulta notable o nidio vencello que recoñece entre a “viabilidade das enerxías alternativas e o mantemento e progreso do Estado do Benestar”, e que se percebe no programa de CxG. A combinación de ambos elementos sintetízaa Bascuas nun concepto que outros candidatos non mencionan pero que ben pode identificar algunhas das súas propostas: o “keynesianismo verde”. Tamén denota a primacía do “aforro” dentro dunha política de transición enerxética, fronte a outros candidatos que se limitan a facer fincapé na mellora da eficiencia enerxética, a cal —Jevons mediante— non asegura por si mesma un aforro neto global, asemade de estar sometida a unha curva de rendementos decrecentes xa moi avanzada en case todas as tecnoloxías vencelladas ao consumo enerxético. 

Destácase como o único dos candidatos que fai fincapé na necesidade de “educar” e “informar” a cidadanía como paso necesario para a transición enerxética: “a primeira solución real é a racionalización do consumo dos combustibles fósiles tanto de maneira individual como colectiva grazas a concienciación cidadá”. Tamén resulta interesante a súa identificación da “crise do petróleo” (o Peak Oil) como unha “oportunidade” para o país. Afirma o convencemento de Compromiso de que “Galicia pode ser autosuficiente se apostamos por enerxías limpas. Incluso pode ser unha grande fonte de ingresos para o pais” e menciona o famoso termo “potencia” en relación coas enerxías renovables, que el denomina en repetidas ocasións (igual cá candidata do BNG) “enerxías limpas”.

En Marea

Luis Villares é o derradeiro en responder (un día despois do prazo indicado) e é dos que se mostra máis elusivo nas súas respostas. Comeza considerando unha “sorte” que a pluralidade de En Marea implique que haxa dentro dela quen defende o Decrecemento e quen non o fai (e cualifica isto de “non excluínte”) e evita responder á pregunta explícita sobre o punto no que se achan nun posible proceso de avance ideolóxico desde as tradicionais posicións keynesianas cara a un modelo ecosocialista. Porén, nunha resposta posterior recoñece defender o “crecemento industrial”, nun modelo cualificado, iso si, (de novo o oxímoron) como “sostible a nivel humano e ambiental” ou como “crecemento económico autocentrado e ecoloxicamente sustentable”. E aínda que non inclúe a cuestión da transición enerxética dentro das “claves fundamentais para un pacto de cara á formación dun goberno” si que recoñece que as “cuestións relativas ás enerxías” están “dalgún xeito relacionadas con garantir os servizos públicos esenciais e a profundización democrática” e que nese sentido os “principios políticos” da súa formación “serán vinculantes á hora de chegar a acordos”.

Afirma que “as propostas arredor do Peak Oil, do esgotamento dos combustíbeis fósiles e do necesario e urxente inicio dun plan de transición enerxética en Galicia, foron recollidas e integradas no programa, malia que o teito do petróleo non apareza explicitamente mencionado”. Porén, revisando o programa non se acha nin unha soa mención ao petróleo, e á enerxía dedican tan só 1 das 132 páxinas que compoñen o programa. Nese sentido, el argúe que “o programa político non vai ao detalle concreto” aínda que afirma que “En Marea recolle nos seus documentos” (estará detallado fóra do programa, se cadra?) “un plan de transición enerxética necesario para afianzar o futuro do país a nivel ambiental e a nivel económico”. Chama positivamente a atención que o xurista indique que ese plan “debe ser debatido en foros amplos e democráticos, en que se conte co tecido asociativo e coa sociedade civil”. De maneira semellante ao candidato do PSdeG, recoñece que “vai ser un proceso complexo, de múltiples combates en múltiples frontes, no que non podemos facer falsas promesas”. Como outros candidatos, menciona tamén a famosa “innovación” e fai fincapé no obxectivo de das “industrias limpas” que empreguen “alternativas ás enerxías fósiles”, o cal anuncian que promoverán mediante “criterios” para “os novos proxectos empresariais” e que comprerá mudar “inercias ideolóxicas”, “lexislación” e “intereses económicos privados”.

receitas programáticas, senón para impulsar cos axentes sociais e económicos un modelo de país.E niso estamos.

 

Tiveron dalgunha maneira en conta na elaboración do seu programa o informe do parlamento británico Límites revisitado, que fora entregado nos pasados meses ao seu grupo parlamentar traducido ao galego? Cando se len cousas como “o crecemento do sistema produtivo que queremos os e as socialistas” dá a impresión de que non se deu incorporado o concepto de “límites ao crecemento” do que xa se leva décadas falando e que nos aboca a un teito ineludible no crecemento físico da economía.

 

Nós partimos na nosa análise da necesidade de avanzar no proceso de descarbonización e aí están os acordos internacionais do Cumio do Clima de París, como unha oportunidade de novas iniciativas empresariais, relacionadas coa redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, implantación de enerxías renovables ou de medidas de eficiencia enerxética. E para iso temos que impulsar non só o labor do INEGA, que xa ten o seu papel. Temos que impulsar que o propio IGAPE interiorice a filosofía do redeseño de procesos ecoeficientes, de consumos cero e utilización de ciclos de produción sustentables de cero emisións, cero residuos, cero externalidades. E para iso precisamos a acción pública, porque ese é un modelo que require apoio, non vai chegar só, e o pasado xa non volta. Eu creo que non se trata de apostar por un crecemento desaforado. Como dicía antes, o que temos é que apostar pola nosa competitividade e para iso temos que ser máis innovadores, máis eficientes enerxética e ambientalmente, e máis óptimos no noso proceso produtivo. Non podemos converternos nun país que compite crecendo sen límite e competindo salarialmente. Ese modelo rematou no intre en que China pode competir en soldos e en innovación. Nós temos un modelo, o Estado de Benestar, que temos que protexer porque é necesario para o noso modelo de convivencia democrática e social que foi posto en dúbida dende a dereita e mesmo dende certa esquerda e os movementos anticapitalistas e de reivindicación democrática como foi o 15M  ou os anti desafiuzamento, polo lado tanto da oferta como da demanda. Pero o certo é que mesmo os que marcharon da socialdemocracia teñen unha cousa clara na súa crítica: ninguén quere que desapareza o Estado do Benestar. O que queren é que funcione. 

 

Na carta que nos enviou a milleiros de votantes apúntase como obxectivo da política que propoñen, que “Galicia medre”. Debe interpretarse iso en termos do PIB? Sería asumible para o PSdeG formular un goberno alternativo ao PP que non tivese o medre do PIB como obxectivo? Noutras palabras: é o medre do PIB un medio que poida desbotarse por obsoleto (ou mesmo inconveniente) ou é un fin válido en si mesmo?

 

A metáfora da que facemos uso, a “Galicia minguante” é unha imaxe ilustrativa dunha realidade, pero non tanto fronte á antítese dunha política de crecemento económico do PIB, senón na Galicia como país con futuro. En 2050, ao ritmo demográfico que imos, Galicia podería ter un millón menos de habitantes. Paro, emigración, deslocalización, redución de políticas sociais, de innovación. Velaí o desafío. Nós queremos unha Galicia que recupere o seu peso no eido social, económico e cultural e, por suposto, no político. E logo está o problema da converxencia. Temos que ser quen de garantir o equilibrio entre os servizos que nos demanda a sociedade e unha economía que o soporte. A crise amosou que as advertencias que xa facía James O Connor en A crisis fiscal do Estado e a revolta fiscal de estados con débeda crecente era unha advertencia a ter en conta. Pero a realidade é que todo depende da sustentabilidade do desenvolvemento, é dicir, o equilibro produtivo e o crecemento sustentable entre os servizos e a economía. Nós queremos unha pesca sostible, un agro sostible, unha industria sostible para garantir a nosa axenda social. E sen a correcta solución a esa ecuación, non temos solución posible. E o que é peor, o mero recorte de gasto sen modelo alternativo como fixo o PP non o vai a acadar.

 

 

Chámame a atención unha frase no seu programa no que se poñen en comparación as enerxías renovables e as fósiles: “As fontes renovables caracterízanse por unha deterioración ambiental moito menor que as convencionais, pero a día de hoxe o custo por unidade de enerxía útil é, en termos xerais, superior que usando as convencionais (petrolíferas, carbón, gas natural...).” Parece evidente que falan de custos meramente monetarios, sen ter en conta os custos ambientais nin os de reposición dos recursos. É consciente de que se se computasen eses custos, un litro de gasolina p.ex. tería un prezo moito maior có actual e que iso favorecería, por forza, a transición ás enerxías renovables ao tempo que reduciría enormemente o consumo e as consecuencias para o clima? Non pensa que (en coherencia coa Transición Enerxética que defende actualmente o PSOE) sería conveniente aplicar algún tipo de política fiscal ou económica para favorecer que os custos monetarios reflictan os custos para a biosfera e para a propia resiliencia das sociedades industrializadas?

 

Pero esa referencia faise novamente de xeito exemplificador. Como non se deron as condicións de apoio institucional, aínda temos que desenvolver todo o potencial enerxético alternativo de Galicia. Non só o eólico, (offshore ou mareomotriz) senón a biomasa, e sen esquecer o altísimo potencial da xeotérmica en Galicia, nomeadamente na zona de Ourense e sur de Pontevedra.

 

A produción de electricidade usando a enerxía fotovoltaica, eólica ou a cadea de produción da biomasa son recentes e, en xeral, son tecnoloxías que precisan dun apoio extra para poder competir coas convencionais. Así pasa con coche eléctrico. Lembro un proxecto pioneiro co apoio no INEGA de electrolineras pero aínda con escasa autonomía. É unha tecnoloxía (neste caso concreto do coche eléctrico) que require percorrido para que a relación investimento-eficiencia sexa exitosa.

 

Como dicimos, Galicia é especialmente idónea para a explotación das fontes renovables que, ademais de diminuír a dependencia do exterior, utilizan recursos propios e permiten xerar empregos na comunidade autónoma. En eólica, Galicia ten unha capacidade e potencialidade importantes, mentres que as tecnoloxías fotovoltaicas, a microcoxeración e o aproveitamento da biomasa para producir enerxía eléctrica terían unha aplicación inmediata en granxas, hoteis ou instalacións de tamaño medio da nosa xeografía.

 

En canto ao marco fiscal de apoio que comentas, o que urxe é unha lexislación que favoreza a implantación de instalacións de autoprodución eléctrica (autoconsumo) de enerxías renovables, en particular para minieólica e fotovoltaica, e eliminar as trabas que o Ministro Soria ergueu para condenar estas prácticas e favorecer claramente a certos sectores empresariais. Unha medida moi desafortunada.

 

Tamén chama a atención que identifiquen no programa o gas natural como “unha fonte enerxética alternativa ao petróleo ”. Non lle parece que substituír un combustible fósil por outro tamén fósil, e polo tanto tamén esgotable, non é máis que postergar unha transición inevitable a unha sociedade baseada en enerxía 100% renovable? Non sería un investimento errado, nunha dirección de escaso percorrido, un camiño que habería que desandar antes ou despois?

 

Sen dúbida debemos camiñar cara un modelo enerxético que dependa cada vez menos dos combustibles fósiles, e como ben dis o gas é un deles, pero é certo que nesa transición temos fases, e dende a dependencia absoluta ata a fase óptima de consumo 100% renovable, teremos que atravesar diferentes estadías. 

 

O noso compromiso é apostar por enerxías como a xeotermia, que en moitos casos, pode suplir de xeito importante. Por iso queremos desenvolver un Plan Estratéxico de Enerxía Xeotérmica, que estude as capacidades desta fonte de enerxía na nosa comunidade e impulse as investigacións e actividades empresariais neste campo en Galicia. Este plan debe incluír o impulso á xeotermia de baixa intensidade para a subministración enerxética residencial, hostaleira e industrial, e mesmo de media e alta intensidade para a explotación eléctrica e enerxética, ou districtsheating para parques empresariais e industriais. O mesmo coa biomasa ou a enerxía eólica.

 

 

 

 

Luís Villares

 

En Marea

 

Nº 1 da candidatura por Lugo.

 

Téñolle escoitado comentar, falando do final dos combustibles fósiles, que o situaba nalgún punto lonxano do tempo, tanto que dubidaba se o vería no tempo da súa vida. Porén, nalgunhas formacións que constituíron EnMarea existen persoas informadas sobradamente da gravidade da situación actual do petróleo, e mesmo o Peak Oil está recollido nos documentos fundacionais de Anova. Semella evidente que non é algo no que haxa unha única opinión no seo da formación. Tense falado desta cuestión durante a elaboración do programa e da estratexia de comunicación da súa campaña?

 

En Marea, por sorte, está composta por un mínimo común múltiple que non é outro que a conquista do ben común. É evidente que existen múltiples visións sobre este e sobre como acadalo, todas elas respectables, ningunha delas excluínte e enriquecedoras da proposta colectiva que é o programa de En Marea. 

 

As propostas arredor do peak oil, do esgotamento dos combustíbeis fósiles e do necesario e urxente inicio dun plan de transición enerxética en Galicia, foron recollidas e integradas no programa, malia que o teito do petróleo non apareza explicitamente mencionado.

 

Aínda que AGE asumira nas pasadas eleccións todo un plan para preparar Galiza fronte ao Teito do Petróleo (elaborado pola asociación Véspera de Nada), desta volta no programa de EnMarea hai 0 mencións ao Peak Oil e 0 mencións ao petróleo, ausencias que sorprenden porque por outra banda si que falan dun “Plan Galego de Transición Enerxética”. Á cuestión enerxética dedican apenas 1 de 132 páxinas, cando en realidade a enerxía é o que vai permitir, ou non, poñer en práctica todas as medidas contidas no resto de páxinas. Resulta sorprendente, cando menos, non cre?

 

Os programas eleitorais son documentos nos que expoñer a proposta política que as distintas formacións defenderán tras as eleccións ás que se presenta. O programa político non vai ao detalle concreto, senón que estabelece liñas estratéxicas de actuación. Nese sentido, e relacionado co teito do petróleo e o esgotamento dos combustíbeis fósiles, En Marea recolle nos seus documentos un plan de transición enerxética necesario para afianzar o futuro do país a nivel ambiental e a nivel económico. Pero ademais cremos que as liñas mestras das grandes políticas públicas, entre elas o mencionado plan de transición enerxética, deben ser debatidas en foros amplos e democráticos, en que se conte co tecido asociativo, coa sociedade civil, etcétera. 

 

 

Considera que é preciso transitar dun modelo industrialista-produtivista a outro baseado no decrecemento (no consumo de enerxía e recursos, e polo tanto do PIB) democraticamente organizado e orientado a satisfacer as necesidades da poboación? Se hai que transitar, vencendo poderosas inercias na ideoloxía, no discurso e na praxe política, desde o vello keynesianismo das esquerdas (chamémolo “punto A”) a un novo modelo ecosocialista (“punto Z”), en que punto acha que se encontra o programa político que propón EnMarea?

 

Precisamos un modelo de crecemento industrial que sexa sostible a nivel humano e ambiental. Lonxe das etiquetas, consideramos que vai ser un proceso complexo, de múltiples combates en múltiples frontes, no que non podemos facer falsas promesas. Non son só temos que mudar inercias ideolóxicas, se non tamén elementos materiais e intereses privados de grandes coorporacións, intereses económicos e a propia lexislación. A aposta pola innovación tecnolóxica procura precisamente avanzar cara a industrias limpas, que non danen o medio natural e que utilicen alternativas ás enerxías fósiles. O Goberno de En Marea estabelecerá criterios nesta liña para os novos proxectos empresariais.

 

O cabeza de lista pola Coruña, Antón Sánchez, é un declarado decrecentista. Vocé ve o Decrecemento (con ese ou outro nome) como un elemento que se poida pór na mesa de negociacións co resto de forzas progresistas para formar un goberno despois do 25 de setembro cun programa común e trasversal coherente, ou máis ben como algo que en todo caso podería ser abordado sectorialmente desde unha determinada consellaría?

 

As claves fundamentais para un pacto de cara á formación dun goberno galego, así como as bases para calquera acordo parlamentario con En Marea son aquelas que teñen que ver coa protección dos dereitos e servizos públicos esenciais e coa necesaria democratización de Galicia. En cuestións relativas ás enerxías, á súa producción e transformación, que dalgún xeito tamén están relacionados con garantir os servizos públicos esenciais e a profundización democrática, os nosos principios políticos serán vinculantes á hora de chegar a acordos.

 

“O noso goberno garantirá o futuro”, pódese ler no programa. Nalgún mitin ten dito que, igual que a imaxinación dos nenos, cun goberno de EnMarea o que se poida facer no país non terá límites. Non é un discurso temerario (ou cando menos inaxeitado) precisamente no momento en que a civilización industrial está a bater precisamente cos límites físicos do planeta? Para vocé a crise actual non é demostración de que hai uns límites cos que está a bater o actual metabolismo da humanidade?

 

Esa referencia non ten que ver co desenvolvemento industrial. Galicia está paralizada. Levamos oito anos cun goberno que non acredita no noso país e que ataca ás maiorías sociais. As potencialidades negadas de Galicia son múltiples e non teñen que ver coas industrias contaminantes. Falamos, por exemplo, de industrias de transformación dos produtos do agro. Outro elemento para garantir o ben común e o noso benestar consiste en reforzar o autogoberno, en adquirir novas competencias para pensar Galicia dende aquí, en apostar por institucións democráticas e achegadas á xente do común que dinamicen un crecemento económico autocentrado e ecoloxicamente sustentable. Non dicimos que vaia a ser doado, pero debemos avanzar nesa dirección. 

 

 

 

 

Ana Pontón

 

BNG

 

Nº 1 da candidatura pol'A Coruña

 

Nos programas electorais para o 25 de setembro destaca a ausencia do problema do Peak Oil agás no do seu partido, que mesmo apunta expresamente á necesidade de elaborar un Plan específico para afrontar este problema como país. Até qué punto é un problema asumido con todas as consecuencias polo BNG e que vaian poñer con firmeza sobre a mesa dun posible goberno pluripartito? Considérao algo sacrificable en aras do consenso co resto da oposición progresista e nacionalista ao PP?

 

Como ben di, somos os únicos que recollemos esa cuestión no programa de goberno o que evidencia o compromiso coas consecuencias de uso dos combustibles fósiles en termos de sustentabilidade económica e social. De cara a desenvolver estas medidas despois do 25S, francamente non se me ocorre como forzas políticas que se declaran progresistas poderían poñer obxección algunha para camiñar na dirección dun sistema cada  vez menos contaminante. 

 

Nun breve vídeo de campaña no que Quico Cadaval lle pregunta polos pementos que deben consumir unha cantidade importante de combustibles fósiles até chegaren aos nosos pratos, vocé respóndelle centrándose na cuestión da alimentación saudable, da agricultura ecolóxica, mais obviando a cuestión de que Galiza importa a metade da comida que consome e que para eses alimentos chegaren até nós fai falta un combustible que é finito e en proceso de esgotamento (o petróleo). Non pensa que debería ser esa a preocupación central (a seguridade e soberanía enerxético-alimentares) cando falamos de comida importada, e que debería ser unha cuestión central non só nos programas dos partidos políticos senón tamén no seu discurso público? De pouco serve pensar en se un alimento é máis ou menos san, se ese alimento, simplemente, deixa de estar ao noso alcance e o país sufre o que pasou Cuba no seu Periodo Especial, non está de acordo?

 

Lonxe de obviar nada quero facer fincapé nesa cuestión que apunta porque me parece fundamental: Galiza é o segundo territorio do Estado que máis alimentos importamos. Como é  posible semellante disparate  nun país que é potencia pesqueira e agrogandeira, na produción de leite, de carne, de horta? Porque levamos anos soportando políticas de acoso e derribo dos nosos sectores produtivos por parte de Madrid e Bruxelas, que o PP e o señor Feijóo aplican submisamente deixando na estacada aos nosos produtores e produtoras, e querendo reducirnos ao mero papel de consumidores. O BNG ten como obxectivo prioritario aproveitar todo o noso potencial e poñer o país a producir apostando polo noso.  Isto significa producir aquí alimentos saudables e sustentables, significa apostar polo local para crear emprego e riqueza no país, significa apostar polo medioambiente porque elixes o que producen no teu entorno e non a miles de quilómetros, que só en transporte, como sinala, implica un enorme consumo de enerxía contaminante.

 

En canto ao vídeo ao que fai referencia, son cincuenta minutos de conversa co gran Quico Cadaval, que me permitiron trasladar as nosas propostas e reflexións sobre temas que están na preocupación de todos e todas.

 

O BNG recoñece agora expresamente que existe o Peak Oil e que é un problema importante, mais por outro lado, segue a apostar no seu programa por “estimular o crecemento económico”. Como compatibilizan ambas cuestións? Son conscientes da correlación necesaria entre crecemento económico e crecemento no consumo de enerxía? Pensan que é posible para unha economía que depende no seu 80% dos combustibles fósiles, crecer cando estes comezan a minguar dun modo irreversible? Non lle parece ese “crecemento sustentable a longo prazo” do que falan, un oxímoron evidente? Dito doutra maneira: como pensa o BNG sustentar o crecemento a longo prazo nun planeta finito, cunha enerxía e recursos materiais finitos e a cada paso máis custosos de obter?

 

É perfectamente posible combinar crecemento económico e sustentabilidade apostando  por un uso progresivo das enerxías renovables por un lado, e apostando por procesos tecnolóxicos que reduzan os consumos enerxéticos, por outro. Temos que racionalizar os hábitos tanto como sociedade e individualmente se queremos avanzar cara un planeta máis ecolóxico apostando polas enerxías non contaminantes, obvio, pero tamén desde a conciencia de que os recursos son finitos e temos que facer un uso racional e honesto dos mesmos. 

 

Seguindo coas incoherencias que detecto no programa da súa formación, aseguran que determinados sectores —que son dependentes dunha maneira case absoluta do petróleo— como “a aeronáutica, agroindustria ou automoción” teñen “grandes potencialidades de crecemento”. Non lle parece tamén inconsistente co recoñecemento do devalar da enerxía fósil?

 

Permítame que non comparta o seu criterio á hora de valorar o programa do BNG, penso con honestidade que temos un proxecto serio, solvente, de país e con experiencia demostrada para levalo a cabo, como xa estamos facendo nos concellos nos que gobernamos onde logramos mellorar a vida das persoas. Aí está a transformación de Pontevedra, exemplo de como se pode revitalizar unha cidade e ao mesmo tempo ser un modelo internacional de sustentabilidade. É perfectamente compatible incrementar o valor engadido da nosa produción para xerar máis riqueza e emprego con ir na dirección das enerxías renovables e da redución de consumos. Falamos, por exemplo, de non limitarnos a vender leite en cru, senón a elaborar produtos de calidade, de proximidade e con valor engadido, eso é a agroindustria. Supón mellorar os ingresos de miles de familias, sen prexudicar ao medioambiente. Igual con outros sectores: podemos conciliar desenvolvemento e benestar ambiental, apostando enerxía limpas e por minimizar consumos, xa se fai nos países máis avanzados.páxinas, mais que resulta moi alonxada do “no limits” que atopamos habitualmente nos programas políticos: “os prezos dos combustibles de orixe fósil, con unha enerxía barata derivada do petróleo e que fixeran no seu día posible estender as políticas de benestar, ao longo de toda a poboación, hoxe en día xa non permiten o mesmo gasto e investimento social”. É un recoñecemento de que sen abundante enerxía fósil barata non é viable manter o Estado do Benestar? Que alternativa propón CxG diante desta situación?

 

Existe unha evidencia histórica a este respecto: a crise do petróleo na década dos setenta supuxo un freo ao avance experimentado durante décadas das políticas sociais que foron construíndo o Estado do Benestar. Xa que logo, existe unha correlación entre viabilidade das enerxías alternativas e o mantemento e progreso do Estado do Benestar.

 

 

Todo o mundo insiste na idea de que a xeración de riqueza e de emprego son a mellor política social posible. E o incremento de ingresos nas arcas dos poderes públicos son un elemento imprescindible para formular políticas sociais. Polo tanto, o abaratamento dos recursos enerxéticos pasa por abaratar a produción de bens e que se poda dispoñer de máis recursos. E iso pasa necesariamente pola viabilidade de enerxías limpas e renovábeis. En definitiva, o keynesianismo verde convértese nunha práctica da política económica para facer viables as políticas de progreso e de avance social.

 

Aínda que o Peak Oil no apareza como tal, cando no seu programa falan da protección do medio ambiente, si que propoñen “adoptar medidas para acabar progresiva e urxentemente co uso de combustibles fósiles na produción enerxética, a industria, a construción e o transporte”. Os termos “progresivo” e “urxente” semellan un tanto contraditorios. En qué prazos pensa que se pode rematar con ese uso no noso país e en qué medida iso pensa que vai implicar redución do consumo enerxético xeral e en qué medida vai vir por substitución por enerxías renovables? Non pensan que iso afectará ao seu obxectivo de “crecemento económico”, que aparece repetidamente no programa de CxG?

 

Case todos os aspectos da nosa vida están ligados dunha ou doutra maneira ao petróleo e o gas natural; transporte, calefacción, industria (farmacéutica, plásticos  e miles de obxectos de emprego diario), polo que compre de maneira urxente abordar a crise do petróleo, tanto pola repercusión que ten a nivel económico como medioambiental.

 

Non existen solucións técnicas rápidas e as consecuencias poden ser graves, polo que compre comezar a tomar medidas de carácter urxente para que a economía do pais e o medio ambiente non se resintan.

 

Á hora de dar solución para o presente e futuro é necesario aportar alternativas para o desenrolo e dar paso a novas fontes de enerxía; solar, eólica, biomasa, etc.

 

Tamén deben primar as fontes de enerxía inesgotables como a enerxía solar. Chegou o momento de abrir o abano de posibilidades que se presenta para a posta en practica do uso de recursos enerxéticos limpos. Como país debemos aproveitar a oportunidade que nos ofrece a crise do petróleo para investir recursos en programas que informen, eduquen e promovan proxectos de enerxías limpas.

 

As solución para o pico do petróleo son o aforro enerxético, buscar alternativas apostando pola investigación e por outras enerxías, en especial polas renovables (eólica, maremotriz, solar, xeotérmica, biomasa, biocombustibles...).

 

Polo momento a primeira solución real é a racionalización do consumo dos combustibles fósiles tanto de maneira individual como colectiva grazas a concienciación cidadá.

 

A política enerxética dos próximos anos é a clave do futuro do pais e do mundo e da supervivencia da humanidade. Polo que o noso futuro e o de outros países estarán ligados máis cedo ou máis tarde a unha crise enerxética se non lle pomos remedio. O programa de Compromiso leva ese enfoque, traballar por unha economía sostible, na que prime o coidado ao medioambiente e o uso de enerxías renovables ou limpas.

 

 

 

Tamén falan (p. 52 do programa electoral) duna política de “autoxestión e autosuficiencia enerxética”. Até que punto pensan que Galiza pode chegar a ser autosuficiente enerxeticamente, visto que hoxe en día estamos moi lonxe de o ser, especialmente no caso dos combustibles dos que depende o 95% do transporte e outros sectores críticos tamén en gran medida? Recoñecen que iso vai implicar unha redución drástica do consumo global de enerxía no país e, xa que logo, unha redución da actividade económica medida en termos de PIB?

 

Compromiso está convencido que Galicia pode ser autosuficiente se apostamos por enerxías limpas. Incluso pode ser unha grande fonte de ingresos para o pais se traballamos “xa” por primar este tipo de enerxías fronte as fósiles, chegando a ser unha grande potencia no estado como produtores de enerxías limpas.

 

Se comezamos a traballar dende o 25 de setembro para mudar as políticas enerxéticas deste país cara ás enerxías limpas, a nosa economía non se verá afectada no momento que chegue o “Peak oil” porque xa teremos outras fontes de enerxía.

 

No noso programa contemplamos o de reducir o consumo de enerxía e promover máis as renovábeis sen destruír o territorio. Para iso elaborarase un “Plan de Investimento Verde” dirixido a impulsar as enerxías limpas e que conteña un ambicioso plan de aforro de enerxético, con incidencia inmediata na infraestrutura pública. Investiremos 100 millóns de euros neste plan nos 4 anos de lexislatura.

 

Se o país segue con políticas coma aos do Partido Popular ata o de agora, o pais entrará nunha grave crise económica porque non estaremos en condicións de afrontar a nova situación que se non ven enriba.

 

 

 

 

 

Beatriz Mato (en substitución de A. Núñez Feijoo)

 

PP

 

Nº 2 da candidatura pol'A Coruña e conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

 

As infraestruturas rodoviarias galegas (estradas, autovías, autoestradas), tanto de competencia estatal como autonómica, teñen coñecido unha notábel ampliación e mellora nas últimas décadas, e no seu programa electoral propoñen unha ambiciosa ampliación da rede existente. Esta ampla rede, é sustentábel economicamente? e vai haber tránsito que a xustifique? (Pénsese na situación das autovias radiais, ou doutras infraestruturas sobredimensionadas. Por outra banda, se ben actualmente o prezo do petróleo está relativamente baixo, é moi probábel que suba sustancialmente, xa que é un produto finito e cada vez mais caro de extraer, e reputadas voces apuntan a que estamos xa no punto coñecido como Peak Oil apartir do cal cada vez existirá menor capacidade de oferta de petróleo no mercado mundial.)

 

A ampliación da rede de estradas á que nos referimos no programa fai referencia sobre todo á mellora da calidade das estradas existentes e non tanto a novas estradas. De feito, o que realmente se desenvolveu foi a rede de vías de altas prestacións. Nos últimos anos, temos a percepción de que a rede viaria aumentou moito. É verdade, especialmente nas estradas máis útiles e que máis utilizamos, non tanto na lonxitude global como en actuacións que permitan unha mellor vertebración do territorio.

 

Polo tanto, o que estamos a facer é mellorar a seguridade viaria e equilibrando os territorios de Galicia no referente ás súas oportunidades de desenvolvemento porque, incluso no longo prazo, un modelo territorial como o galego seguirá necesitando dos desprazamentos por estrada. O que variará, e para iso estamos traballando, serán as fontes de combustible dos vehículos reducindo a súa dependencia do petróleo, seguramente a través do maior aproveitamento da electricidade. Polo tanto, estamos convencidos de que a rede de estradas seguirá a ser útil e necesaria e, sen lugar a dúbidas, debemos seguir traballando para que sexa segura.

 

No Acordo de París de 2015, a UE comprometeuse a reducir en 15 anos as suas emisións de CO2-eq polo menos un 40% con respecto ás de 1990. Dado que as emisións españolas en 2014 foron o 115% das de 1990 —en 2008 foron o 154%— tócanos reducir un 48% das nosas emisións nos próximos 15 anos. E dado que as emisións españolas debidas ao transporte son aproximadamente un 24% do total, na súa inmensa maioría debidas a automóbeis e camións, como se compatibiliza o compromiso da redución de emisións coa ampliación da rede rodoviaria?

 

A ampliación da rede rodoviaria ven acompañada dunha serie de medidas que permitan cumprir os compromisos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

 

En primeiro lugar, as infraestruturas planificaranse tendo en conta o seu impacto asociado en materia de emisións de gases de efecto invernadoiro, tanto na fase de construción como na de funcionamento. 

 

O fomento do uso do transporte público mediante un conxunto de medidas que o fagan máis útil e accesible ao cidadán pode contemplar. A mellora nas tarifas a través de accións como: o desenvolvemento e ampliación dos diferentes plans de transporte metropolitano nas 7 grandes áreas; a gratuidade do servizo de autobús interurbano á xente nova; ou a implantación de sistemas de pago intelixente, por poñer algúns exemplos. 

 

Tampouco podemos esquecer que as propias normativas estatal e europea marcan normas cada vez máis esixentes nas emisións por parte das compañías automobilísticas. É dicir, os propios vehículos tenden a ser cada vez menos contaminantes cunha menor xeración de emisións. 

 

Adicionalmente, nos próximos anos prevense novas sendas destinadas a facilitar desprazamentos mediante vehículos non motorizados, así como un incremento de zonas peonalizadas que impulsen os desprazamentos a pé..

 

No seu programa apostan fortemente pola implantación do autoconsumo eléctrico en Galicia. Agora ben, a normativa estatal vixente dificulta seriamente o dito autoconsumo. Pensan que é probábel unha modificación da normativa estatal que faga mais atractivo o autoconsumo, e mesmo que contemple o chamado “balance neto” mensual?, ou existen posibilidades de aprobar unha normativa galega que contradiga a española?

 

Galicia aposta polo autoconsumo eléctrico porque é unha realidade imparable. Por iso, a Xunta xa ten tomado medidas en favor desta alternativa como facilitar a legalización das instalacións de baixa tensión sen vertido a rede ou apoiar economicamente instalacións de xeración distribuída e o autoconsumo no marco das axudas para o fomento a enerxías renovables e a eficiencia enerxética. Cómpre sinalar que o 70% dos 11.000 MW de potencia instalada en Galicia corresponde a enerxía renovables e que, no ano 2020, pretendemos ter unha potencia instalada de 15.210 MW, sendo o 73% de tecnoloxía renovable.

 

Destacar que o programa electoral do PP inclúe o impulso dun paquete intensivo de medidas para avanzar na implantación do autoconsumo en Galicia no ámbito das nosas competencias. 

 

En relación ao Estado, unha vez controlado o déficit de tarifa e consolidada a estabilidade económico financeira do Sistema Eléctrico, o máis probable é que propicie un cambio regulamentario no sector do autoconsumo no que as peaxes de respaldo serán simbólicos e o balance neto o principio reitor. En todo caso, só cabe unha valoración positiva do Real Decreto aprobado o pasado ano porque estableceu por primeira vez un marco estable que permite o desenvolvemento ordenado do autoconsumo en España, un compromiso que o goberno de Rodríguez Zapatero non foi quen de cumprir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ___

O asunto moi relevante e estupenda iniciativa... pero o texto está completamente desordenado.