(AMP) O alcalde de Ferrol retira as competencias máis importantes a Beatriz Sestayo e aos seus concelleiros máis próximo

Jorge Suárez asegura que toma esta decisión pola "falta de comunicación" e por diferenzas "máis persoais que políticas"

Ferrol | 26/09/2016 | Actualizada ás 18:30 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), retirou as principais competencias a tres dos concelleiros do grupo municipal do PSOE, formación coa que Ferrol en común ten un pacto de goberno municipal.

Segundo Suárez, esta decisión haina tomada como consecuencia da "actitude de determinados" edís que dende o seu punto de vista trataron de actuar "dende o primeiro día como oposición ao goberno" e intentaron "minar o éxito logrado por Ferrol en común, tratando de facer un xiro dende dentro".

Así, segundo o rexedor ferrolano, o seu grupo municipal decidiu "apoiar as concelleiras Rosa Méndez e María Fernández Lemos", ambas as dúas do PSOE, e deixar tan só a "Beatriz Sestayo coa área de Muller, Bruno Díaz coa área de Turismo e Germán Costoya de Festas", o que supón na práctica retiralos as competencias de Benestar Social, Deportes e Servizos por esta mesma orde, a través dun decreto asinado este luns. Estas competencias regresan "momentaneamente ao alcalde".

Ademais, Suárez tamén adiantou a súa decisión de levar ao pleno a revogación destes integrantes do PSOE no consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao (APFSC), a Empresa Mixta de Augas de Ferrol (EMAFESA) e na Mancomunidade de Municipios da Bisbarra de Ferrol, así como da Xunta de Goberno, ademais das tenzas de Alcaldía.

DIFERENZAS PERSOAIS

O rexedor de Ferrol en común apuntou a que dende un primeiro momento no seo do bipartito "apareceron diferenzas máis persoais que políticas e que non permitían o normal desenvolvemento da acción de goberno", ademais de "que algunhas accións realizadas nos fosen coñecidas pola outra parte, mesmo solapándose".

Ademais, Suárez destacou que no ámbito persoal "nunca" tivo "ningún enfrontamento dialéctico de gravidade". "Son unha persoa de paz, pero en termos políticos a acción de goberno non estaba a funcionar", agregou.

"Non estivemos a dar unha imaxe de goberno serio e rigoroso; esta cidade non o merece e necesitamos solucións definitivas que aseguren que nestes dous anos e media imos ter a suficiente responsabilidade para tomar decisións para poder mellora a calidade de vida dos ferrolanos", dixo.

Neste sentido, trasladou ademais que a pesar de tomar esta decisión de retirada de competencias "en ningún momento" a súa intención é "que rompa o pacto".

APOIO Á EDIL DE URBANISMO

Jorge Suárez volveu trasladar tamén o seu apoio á edil de Urbanismo e Mobilidade, María Fernández Lemos (PSOE). "Esta foi a guinda deste pastel, manifestar a través dunha nota de prensa unhas acusacións moi graves contra unha concelleiro que é unha técnica cualificada e cunha experiencia contrastada, e que case creou unha escisión dentro do grupo municipal socialista", censurou.

Ao respecto, considerou que isto situou "o alcalde nunha disxuntiva onde non había termo medio" e na que, segundo Suárez, pedíaselle "ou dar respaldo á secretaria xeral do Partido Socialista en Ferrol ou ben ás persoas" que na súa opinión "mellor representan o espírito do PSOE".

O primeiro edil de Ferrol tamén asegurou que "María Fernández Lemos, Rosa Méndez e o dimitido Felipe Sas sempre mostraron unha actitude leal, comentando e dando a coñecer o alcalde de todas as actuacións que realizaban".

"Algo que non aconteceu co resto de concelleiros do PSOE", contrapuxo, poñendo como exemplo que a iniciativa 'Ferrol Emprende en Feminino', posta en marcha polas áreas das que Sestayo se encargaba. "Non sabía da súa existencia ata que a vin nos medios de comunicación", criticou.

NEGOCIACIÓN CO PSDEG

Jorge Suárez tamén asegurou que tratará de iniciar "dende xa co PSdeG unha negociación para tratar de estabilizar esta situación e afrontar os máis de dous anos e medio que quedan" con solvencia". A "quen queira traballar cóbado con cóbado" lle ha apelamos á súa "lealdade, comunicación" e "a facer un grupo unido".

"Non descartamos chegar a acordos co BNG co que falaremos nos próximo días", apostilou, sobre todo "para chegar a acordos puntuais se non queren entrar no goberno". A maiores, estimou que o Partido Popular, a forza maioritaria no Concello de Ferrol, con once concelleiros, non presentará unha moción de censura, xa que para iso "fan falta trece concelleiros e os número son os que son". "Penso que é difícil", resolveu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 o chinchimoni

Quén caerá primeiro? Cuiña ou este?