UGT e CC.OO. denuncian que 50.000 galegos en "condicións precarias" son a "cara B" do auxe do turismo

Advirten de "cada vez máis" falsos autónomos, externalización e contratos en prácticas e a tempo parcial malia desenvolver igual tarefa

Santiago de Compostela | 27/09/2016 | Actualizada ás 15:06 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os sindicatos UGT e CC.OO. denunciaron, no día internacional de turismo, que a existencia duns 50.000 traballadores galegos da hostalaría en "condicións precarias" constitúen a "cara B" do auxe do sector, "motor económico" en España e xerador de emprego e beneficios para as compañías.

Nunha rolda de prensa conxunta, Juan Zas, de Comisións, xunto a José Antonio Boullosa e Marcos Rodríguez, de UGT, exerceu como voceiro para criticar a existencia "cada vez máis" de "falsos autónomos" cos que os empresarios "aforran a Seguridade Social", contratos en prácticas e bolseiros que realizan as tarefas que deberían desenvolver outros traballadores e externalización e subcontratación "que abaratan o custo" e cos que as compañías reducen en torno a un 40% os salarios dos empregados.

A estas circunstancias engadiu unha referencia ás camareiras de pisos, persoas que en ocasións "non "chegan a xubilarse" polas enfermidades que contraen, que, segundo dixo, rara vez se consideran como profesionais. Estas profesionais pasaron de facer unhas 15 a unhas 25 cuartos diarios, carga que Zas viu "insostible".

A contratación, segundo expuxo este sindicalista, en moitas ocasións faise a tempo parcial pero para acabar traballando xornadas completas, e máis horas das previstas, entre 50 e 60, en "extras que non se pagan nin se compensan".

"Hai xente que traballa seis días, sen o descanso preceptivo de 12 horas, non se abonan os salarios os cinco primeiros días do mes e case sempre se paga en metálico e non en conta bancaria, co cal a operación non deixa rastro," censurou.

"CADA PATRONAL, Á SÚA BÓLA"

Nesta liña, advertiu de que os catro convenios do sector de hostalaría que existen na comunidade galega, un por provincia, están finalizados: dende 2015 na Coruña e Pontevedra, dende 2012 en Lugo e dende 2013 en Ourense. Polo tanto, os salarios destes traballadores, uns 50.000 en toda Galicia, están conxelados dende entón.

"Cada patronal vai á súa bóla en cada provincia e non teñen ningunha intención por achegar en común", reprobou Juan Zas, para concluír que no contexto actual "a quen non chegan os beneficios" do turismo "é aos traballadores" da hostalaría, "nunha situación cada vez máis precaria". "A realidade do sector é moi negra", concluíu.

A INSPECCIÓN DE TRABALLO, "DESBORDADA"

Zas engadiu, por outra parte, que as inspeccións de traballo están "desbordadas" ante as súas solicitudes de comprobación de horarios, entre outras cuestións.

A este respecto, asegurou que os empregados da hostalaría carecen de calendario laboral, non gozan dos dous días de libranza nin saben cando poderán irse de vacacións, e tampouco se lles retribúe polo concepto de nocturnidade. Ante as denuncias das centrais sindicais, advertiu, "non hai inspectores abondos".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta