#GalizaIsNotSpain cóase na festa da Hispanidade e volve ser o tema máis popular en España

Unha nova marea de chíos fixo desta etiqueta, que reivindica a identidade nacional galega, a principal tendencia en Twitter durante a Festa Nacional de España, repetindo o éxito obtido o pasado 1 de setembro, cando tamén chegou a ser o tema con máis eco nesta rede social. GC monitorizou o impacto desta nova campaña.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 13/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Coma un intruso nunha festa privada, a retranca galega coouse nas celebracións do Día da Hispanidade ao facer da etiqueta #GalizaIsNotSpain tendencia en Twitter en España. Todo un fito se se ten en conta, ademais, que é a segunda vez que este hashtag se coloca, en pouco máis dun mes, como o tema máis popular nesta rede social.

'Galiza is not Spain', pintada nun muro dunha rúa galega
'Galiza is not Spain', pintada nun muro dunha rúa galega | Fonte: @AldeansPartido en Twitter.

Ao longo deste 12 de outubro, Día da Festa Nacional de España, as mensaxes de exaltación da patria española e de disidentes contrarios a esta celebración dominaron a conversa en Twitter, con etiquetas como #12Oct, #DIADELAHISPANIDAD, #SinRemordimientos1492, #VivaEspaña ou #ArribaEspaña, dun lado, e #NadaQueCelebrar ou #MiPatriaEsLaGente, doutra banda. Pero ninguén agardaba que Galicia se coase con identidade propia nesta festa, e aínda menos tal e como o fixo, co hashtag #GalizaIsNotSpain (Galicia non é España, traducido do inglés).

Porén, esta data —o antigo Día da Raza Española— era máis que propicia para reactivar o #GalizaIsNotSpain despois do enorme éxito obtido o pasado 1 de setembro, cando as contas @AldeansPartido, @TradutorGalego e @arrevesadovideo puxeron en marcha a primeira campaña con esta etiqueta, tirando da retranca que acostuman usar en Twitter, para publicar chíos que "comparasen as diferentes idiosincrasias galega e española", "facer sátira política" e "xerar controversia entre o resto de usuarios", segundo exlicaron por entón a GC estes usuarios. Ningunha data mellor, pois, que a do 12 de outubro para tentar volver ser tendencia en España.

Con todo, desta vez, o certo é que o primeiro chío non foi deles, senón este, publicado ás 12.20 horas.

Sen embargo, non foi até máis de dúas horas despois cando #GalizaIsNotSpain comezou a espallarse pola rede até converterse, arredor das 19.30 horas, no tema máis popular en Twitter España, logo de manterse durante boa parte da tarde entre as principais tendencias nesta rede social, ocupando o primeiro posto até as 22.30 horas, aproximadamente, cando pasou ao segundo lugar entre os coñecidos como trending topics.

Unha vez máis, como sucedeu o 1 de setembro, @AldeansPartido, @TradutorGalego e @arrevesadovideo foron os principais responsables de facer viral esta campaña, á que se foron sumando, outra vez, centos de usuarios galegos a prol, pero tamén moitos internautas doutras partes do Estado críticos coa idea pero que, sen embargo, contribuíron tamén cos seus chíos a facer visible e tendencia en España esta reivindicación da identidade nacional galega.


Comportamento do hashtag #GalizaIsNotSpain comparado con outras tendencias en Twitter España durante o 12 de outubro de 2016 (clic na imaxe para ver máis grande) | Fonte: Trendinalia España

#GalizaIsNotSpain empezou a propagarse a partir deste chío que, usando con sorna a etiqueta #ArribaEspaña, recuperaba o artigo de GC publicado o 2 de setembro sobre a orixe da campaña:

Foron moitas e aínda existen as voces que especulan con que estas accións foron deseñadas por forzas políticas nacionalistas. Porén, nada diso houbo, segundo os seus impulsores. "Fainos graza ver que nalgún medio se fala de campaña orquestrada polo independentismo, cando só usamos Twitter pra botar unhas risas", comentaron a GC hai un mes os responsables desta iniciativa. "Nós só puxemos o cancelo nun feixe de chíos, o resto chegou só", engadían para aclarar como se orixinou unha campaña que agora volveu ocupar o primeiro posto das tendencias en Twitter España.

VISUALIZACIÓN DA REDE

GC fixo un seguimento en tempo real das publicacións coa etiqueta #GalizaIsNotSpain, contabilizando case 9.000 tweets entre as 15.45 e as 22.45 horas (tempo de máximo impacto do hashtag). A continuación amosamos uns gráficos coa estrutura da rede creada arredor de #GalizaIsNotSpain, cos nodos (celestes) interconectados por rechíos (RT, en vermello) ou mencións (MT, en verde), e unha nube de palabras clave de todas as publicacións monitorizadas.

Rede de nodos arredor do hashtag #GalizaIsNotSpain en Twitter España durante o 12 de outubro de 2016 (clic na imaxe para ver máis grande) | Fonte: © GConfidencial.

Nube de palabras máis destacadas arredor do hashtag #GalizaIsNotSpain en Twitter España durante o 12 de outubro de 2016 (clic na imaxe para ver máis grande) | Fonte: © GConfidencial.

TWEETS MÁIS POPULARES

Por último, recompilamos as dez publicacións que acadaron máis rechíos e 'favoritos' durante a xornada de onte, entre as que se atopan mensaxes a prol e en contra desta campaña e que contribuíron a que Galicia fose protagonista principal en Twitter no Día da Hispanidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

7 Xoc

Seguro que foron os nacionalistas da Marea... jojojojojo. Os de Podemos é Izquierda Unida... jojojojo

6 Chiiño

E pra que serve seren trending topic mundial? Pra que cando se vota gañe o PP. Estes das mareas si que son listos. Feijoo está farto de gañar e por iso quere irse.

5 pasrutina

Hai que ver o tuiter, como che amaña un traballiño sen matarte moito. E os tuiteros estes dos retuits e os like sonche recompensados económicamente, ou todo che é pro bono? Por saber...

4 Sesese

Xa estamos conque si a avoa fuma . Un pouco mais de seriedade please

3 Nimbo

Canta xente ociosa hai en Galicia...