Cal é a mellor opción da conexión ferroviaria entre Lugo e a Meseta?

Un informe presentado este xoves en Monforte aposta por modernizar e construír tres variantes da liña actual para reducir ata as 3 horas e media o traxecto entre Lugo e Madrid.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 14/10/2016 | Actualizada ás 12:16

Comparte esta noticia

Modernización das vías para reducir o traxecto entre Lugo e Madrid nunha hora. En total, 650 millóns de euros, moito menos da metade do que custaría unha liña de alta velocidade e case no mesmo tempo. Esa é a proposta dun informe encargado polo Eixo Atlántico para a conexión ferroviaria destra provincia coa meseta.

Estación de trens de Monforte
Estación de trens de Monforte | Fonte: www.jrcasan.com

"O Informe sobre o ferrocarril na provincia de Lugo", do catedrático da Universidade da Coruña Miguel Rodríguez Bugarín, presentouse este xoves en Monforte coa presenza do secretario xeral do Eixo Atlántico, o presidente da deputación e os rexedores de Lugo e Monforte. Unha das súas principais conclusións é que acortaría nunha hora, ata as 3 horas e media, o actual trazado Lugo-Madrid e o situaría "en tempos de viaxe similares a Vigo ou A Coruña".

Para iso, aposta na liña Lugo-Ourense pola construción de tres novas variantes ferroviarias en lugares onde na actualidade a velocidade é moi lenta debido á orografía do terreo ou ao seu paso por núcleos urbanos. Precisamente, estes puntos están localizados en Rubián, entre Monforte e Canaval e nos Peares.

A variante de Canaval é unha das máis polémicas e leva desde os anos oitenta enriba da mesa. Suporía, afastar as vías do centro urbano de Monforte e serían eliminados todos os pasos a nivel que actualmente existen na localidade. Ese novo trazado traería aparellado, tamén, a construcción dunha nova vía entre a estación e o porto seco.

650 millóns

"É moi difícil xustificar investimentos como as que se calcularon para construír unha liña de alta velocidade cando a poboación potencialmente afectada é relativamente baixa e, en consecuencia, a avaliación socioeconómica da actuación non proporciona valores que xustifiquen levala a cabo", recolle o estudo para descartar, precisamente, a alta velocidade que é moi custosa.

O estudo tamén destaca que a solución proposta favorecería "a prestación de servizos de media distancia máis competitivos que os que se prestan actualmente". O custo económico desta inversión sería de 650 millóns que se repartirían en cinco anualidades, pouco máis de 120 millóns por ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Quico

Como os alcaldes do sur de Lugo, Valdeorras e o Bierzo non movan o cú, vanse quedar sen tren. A mellor conexión e a máis barata, e potenciar a ruta histórica: Monforte, Quiroga, A Rúa, O Barco, Ponferrada, etc.

1 Xeógrafo Enfurecido

Por qué sempre nos centramos nas conexións ferroviarias coa Meseta? Na Galiza non hai servizos de proximidades nas dúas principais áreas urbanas, Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol. Na actualidade ten máis facilidades un habitante de Vigo ir A Coruña que un de Ferrol! Entendo perfectamente a situación de descriminación de Lugo en canto a temas ferroviarios, mais por qué non empezamos coas conexións interiores e consigo a vertebración territorial galega?