Obra, a primeira na prórroga

O equipo compostelán vence 78-82 ao Manresa e suma o primeiro triunfo na cuarta xornada. McConnell forzou a prórroga cunha canastra a dous segundos do final e debutou Deividas Dulkys. Whittington, con 19 puntos, e Rosco Allen, con 18, os máximos anotadores.

Por gcdeportes | Compostela | 16/10/2016 | Actualizada ás 22:21

Comparte esta noticia

Ficha técnica
ICL Manresa 78:
Cvetkovic (18), Suggs (12), Pere Tomas (7), Auda (9), Andric (7) -cinco inicial- Aranitovic (8), Cakarun (12), Trapani (2), Belemene (0), Lluís Costa (3) e Sakho (0).
Obradoiro 82: Mickey McConnell (12), Matulionis (5), Bendzius (5), Whittington (19), Pustovyi (6) -cinco inicial- Rosco Allen (18), Dulkys (7), Santi Yusta (2), Pepe Pozas (2), Pechacek (6) e Fran Cárdenas (0).
Parciais: 11-16, 21-21 (32-37),19-12, 18-20 (69-69), 9-13 (78-82).
Árbitros: Martín Bertrán, S. Manuel e Caballero. Expulsaron por cinco faltas persoais a Osvaldas Matulionis (minuto 40).
Incidencias: partido da 4ª xornada da Liga ACB no pavillón Nou Congost de Manresa. No Obradoiro debutou o aleiro lituano Deividas Dulkys.

Na prórroga, con sufrimento e moitos altibaixos no xogo (ata 21 perdas de balón), pero Obradoiro acadou por fin a primeira vitoria. Foi na pista do Manresa, un rival directo, por 78-82, grazas aos tiros libres e unha tripla de Rosco Allen no tempo extra, tras rematar os corenta minutos 69-69. Shane Whittington, con 19 puntos, e Rosco Allen, con 18, foron os máximos anotadores nos composteláns.

Moncho Fernández e Matulionis, na banda do Nou Congost.
Moncho Fernández e Matulionis, na banda do Nou Congost. | Fonte: ACBPhoto

Case seis minutos tardou en chegar a segunda canastra no partido do Obradoiro, que tardou en entrar en xogo. Nos primeiros cinco minutos, 6-2 para o Manresa. Nada máis entrar, o debutante Dulkys anotou unha tripla para poñer ao Obra por diante (6-7), e sete puntos consecutivos de Rosco Allen abriron oco para os composteláns (8-16). Suggs, dende 6,75, puxo o 11-16 ao remate do primeiro cuarto.

As triplas de Manresa déronlle a volta ao partido. Aranitovic, Suggs e tres de Cvetkovic e os cataláns puxéronse 32-28. Pero os composteláns pecharon o cuarto cun parcial de 0-9, cunha xogada de 2+2 de Pustovyi, unha tripla de Matulionis e dous tiros libres de Rosco Allen. Ao descanso, 32-37.

Pero un 8-2 no regreso de vestiarios igualou de novo o partido (40-39). Obradoiro estaba espeso en ataque, pero con traballo defensivo mantíñase por riba no partido (45-49). Dúas triplas, de Aranitovic e Lluís Costa, deron vantaxe a Manresa no final do terceiro asalto: 51-49.

Cun 0-6 dos composteláns arrincou o último cuarto (51-55). Andric anotou seis puntos consecutivos para os locais, e o Obra respostou con triplas de Whittington e Bendzius, os primeiros puntos do lituano. As moitas perdas penalizaban o xogo obradoirista, pero aínda así púxose por diante con outra tripla de Whittington (66-67). Tres tiros libres locais (69-67) e nove segundos por xogar. McConnell asumiu a responsabilidade e forzou a prórroga.

Os xogadores obradoiristas celebran a primeira vitoria da tempada.
Os xogadores obradoiristas celebran a primeira vitoria da tempada. | Fonte: ACBPhoto

No tempo extra, Obradoiro, agora ben dirixido por McConnell, xogou con máis cabeza e foi sumando grazas aos tiros libres de Dulkys, Bendzius, Pechacek e McConnell. Rosco Allen case sentenciou cunha tripla (76-80) e McConnell puxo o 78-82 final. Obxectivo conseguido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta