A contenda pola nova democracia continúa despois das autonómicas (II)

Por Xoan Hermida | Pontevedra | 20/10/2016

Comparte esta noticia

O parámetro sobre o propio ou o papel de En Marea e das outras forzas políticas

Resultados electorais
Resultados electorais
 
Unha vez observado que os niveis de participación/abstención ou de voto nulo e branco non distan con respecto a outras eleccións autonómicas deberiamos centrarnos nos resultados das forzas políticas e os seus avances ou retrocesos con respecto fundamentalmente as anteriores autonómicas, pero sen perder de vista serie completa dos últimos 20 anos e tendo en conta que o 2012 xa tiveron o efecto de quebra de estrutura partidaria que no resto do estado adiouse ata as pasadas eleccións xerais.
 
O Partido Popular, o gran triunfador das eleccións do 25S, segue a manter niveis de voto de arredor do 50% nunha eleccións autonómicas aínda que sen chegar aos niveis de porcentaxe acadados por Fraga a finais da década dos noventa e de inicios de século. O feito de que en poucos meses o PP teña este resultado (47,65%) ten que ver sen dubida pola mellor imaxe que Feijoo ten sobre Rajoy entre os seus electores. Máis aló, que un partido de ámbito estatal consiga os seus maiores niveis de votación nunhas autonómicas na serie continuada de dúas décadas, sen que as outras forzas sexan capaces de entrar no seu espazo electoral  apunta a que electoralmente o PP comportase como o verdadeiro partido ‘nacional’ articulador e vertebrador do país.
 
O PSdG-PSOE, o gran derrotado da xornada electoral, co 17,88% volve como a finais da década dos noventa a ocupar a terceira posición pero neste caso dous puntos por debaixo do resultado do 97, marcado pola profunda crise  post-felipista e seguramente cun dos peores candidatos presentado por unha forza parlamentaria á presidencia da Xunta de Galicia en todo o período autonomista.
 
Se observamos a serie continuada das autonómicas a evolución do voto do PSdG vai parello á situación do PSOE a nivel de estado, recuperándose na época do goberno de Zapatero, pero a dimensión da derrota en porcentaxes de votos e escanos non pode entenderse sen a implosión que días despois ten ocorrido no PSOE. Si ben a crise de finais dos 90 tiña que ver cun proceso de recomposición tras o goberno de anos no estado e pola sucesión do liderado estatal, a actual é unha crise estrutural que coincide coa crise de esgotamento do modelo socialdemócrata europea.
 
O BNG é sen dubida o partido cunha tendencia máis clara e constante, caracterizada por un descenso lento pero imparable na serie histórica das dúas últimas décadas con unha perda de aproximadamente dous puntos por elección (se exceptuamos no momento de irrupción dun novo interface na estrutura de partidos con AGE que entonces foi de seis puntos) que o fixo evoluir desde ser un partido de grande transversalidade ata o punto de terse achegado a converterse nun  proxecto nacional (25,11% no 1997) a un partido de ‘espazo-ideolóxico’ que se move nas porcentaxes que en calquera pais ten a vella esquerda (8,36% no 2016). (Ver gráfica 1)
 
A sensación de ‘éxito’ é soamente un ‘efecto-espellismo’ froito da circunstancia que as autonómicas celebráranse posteriormente a unhas xerais onde o BNG xa deixou de competir e dunhas enquisas que xa teñen dificultade para concretar un resultado nuns niveis tan baixos.
 
O fracaso do BNG percíbese con claridade na provincia de Pontevedra onde perde o escano con respecto ás anteriores autonómicas.
 
Si ben a caída global é de preto de 1,75 puntos (do 10,11% ao 8,36%) na provincia de Pontevedra  a caída duplicase ata 2,88 puntos (do 11,87% ao 8,99%).
 
Se observamos a evolución nas 5 cidades máis grandes da provincia esta tendencia mesmo medra: Cangas menos 4,31 puntos (do 15,27% ao 10,96%), Vilagarcía menos 2,22 puntos (do 9,76% ao 7,54%), Redondela menos 3,17 puntos (do 11,17% ao 8%). Especial atención a Vigo onde a presenza do  BNG empeza a ser residual cunha baixada de 3,28 puntos (do 9,69% ao 6,41%) e no caso de Pontevedra, gobernada polo BNG, onde cae 3,72 puntos (do 18,65% ao 14,93%).
 
É  moi difícil acertar si o BNG acabara sendo unha forza extraparlamentaria na cámara do Hórreo ou non, dependera da capacidade dos seus dirixentes por asentarse no novo e reducido espazo, o que si esta claro que estará ausente das institucións españolas e europeas e que aquí non pasara de xogar un papel menor. 
 
En Marea concorría por vez primeira a unha eleccións autonómicas e o facía estreando ferramenta (partido instrumental), tras uns meses de debate convulso e tendo o seu candidato, Luís Villares, que substituír a un líder histórico da talla inmensa de Xosé Manuel Beiras. 
 
O resultado (19,06%) é nese senso magnifico. Supera en cinco puntos (5,15% antes de contabilizar o voto exterior) o seu antecesor: AGE.
 
O seu candidato, Luís Villares, convertese no líder da oposición, cun sorpasso claro sobre o PSdG-PSOE que queda relegada a terceira forza, na súa primeira cita electoral, soamente superado por Xosé Manuel Beiras na súa cuarta cita coas urnas.
 
Si ben é certo que o fai perdendo preto de 140.000 votos desde decembro pero como xa esta argumentado na primeira parte deste artigo de seguro que esa perda ten que ver con electores que se ilusionaron co discurso do cambio e agora se quedaron na casa diante do bloqueo político no que estamos (non busquemos arredor, PSOE e BNG perden votos e escanos). Non é fácil convencer a xente de que queres botar a Feijoo e non das botado a Rajoy. É moi difícil de entender polo electorado galego do cambio que ‘o señor dos hilillos’ siga, tras nove meses e sen maioría, na Moncloa. 
 
Moitas son as interrogantes formuladas sobre En Marea a raíz dos resultados electorais. As máis importantes derivadas da tardía incorporación de Podemos ao proceso de confluencia, as súas reticencias sobre o partido instrumental e sobre todo algunhas voces periféricas pero con certa influencia sobre os resultados que tería Podemos no caso de concorrer en solitario.
 
Partindo desta última cuestión. Hoxe temos elementos de xuízo para valorar o resultado de En Marea con relación a isto. As eleccións vascas e galegas pechan o ciclo de eleccións autonómicas desenvoltas ao longo de 2015/2016. Salvo o caso de Catalunya (onde Podemos se presentou na confluencia CSQP pero sen a implicación de En Común) soamente en Galicia, Podemos apostou por unha formula de confluencia. O resultado para as forzas do cambio non pode ser mellor xa que en porcentaxes de voto En Marea obtén comparativamente o segundo mellor resultado despois do de Aragón e isto tendo en conta que no caso aragonés celebráronse as eleccións autonómicas no momento de auxe da formación morada. (Ver gráfica 2)
 
Outra cuestión é si Podemos vai máis aló da retórica plurinacional e asume que o proxecto político e o partido non teñen que coincidir na súa formulación e que delegar a representación do cambio en forzas irmáns como En Marea, En Comù ou Compromis supón un plus para o proceso constituínte (que terá por forza que abordar a plurinacionalidade do estado). O debate ten a súa importancia para saber si os membros de Podemos permanecen no proxecto de En Marea ou si pola contra En Marea sigue o seu camiño propio (sen Podemos) como proxecto nacional e a súa vez en alianza estable con Podemos como forza vertebradora do cambio no estado.
 
Nese camiño de construción de partido nacional as forzas de AGE e as Mareas Municipalistas deberían ter moito intereses en avanzar.
 
En Marea debería abordar con decisión a folla de ruta aprobada pola asemblea constituínte, asumir o papel de líder da oposición e respaldar sen fisuras ao magnífico líder político que se revelou Luís Villares, rematando así a instalación do ‘software’ de Mareas en Común no ‘hardware’ de En Marea.
 
A nula presenza das mareas na composición do grupo parlamentar pode ser nese senso un hándicap polo que os membros de partidos, subpartidos e correntes de partidos, que conviven no novo espazo deberían facer un esforzo xeneroso de ‘desarme’ unilateral evitándonos ter que soportar de novo un espectáculo como o de AGE.
 
En Marea necesita asentar o espazo en base a unha acción decidida de compromiso claro coa xente e proxectando a clara decisión de construír un proxecto político único e unha acción programática alternativa.

Gráfico 2. Evolución das forzas políticas
Gráfico 2. Evolución das forzas políticas
Gráfico 3. Comparativa de porcentaxes
Gráfico 3. Comparativa de porcentaxes
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoan Hermida Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea pola USC, Master en 'filosofia, cuestións actuais' e doutorando en Ciencias Politicas e Xestión Pública pola USC. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. Foi coordinador nacional de Espazo Ecosocialista de febreiro de 2012 a xuño 2015. Na actualidade participa da Marea Pontevedra.