Temas: EMPREGO EMPRESA

Os galegos con convenio estatal gañan máis poder adquisitivo ca os de ámbito autonómico

O aumento salarial acordado nas negociacións colectivas asinadas e revisadas no país este ano, até o 30 de xuño, foi do 0,91%. Porén, nos convenios de ámbito estatal con aplicación en Galicia foi do 1,12%.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/10/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O incremento salarial pactado nos convenios colectivos asinados e revisados en Galicia, até o 30 de xuño deste ano foi do 0,91%. Respecto da inflación, este incremento é superior ao IPC galego do mes de xuño que foi negativo, do -0,9%, e ao estatal, que foi do -0,8%. Do total, só o 12,96% dos convenios asinados e o 30% dos revisados recollen cláusulas de revisión salarial. E respecto do número de persoas traballadoras ás que afectan estas cláusulas, as porcentaxes son do 24,97% nos convenios asinados e do 23% nos revisados.

Evolución do incremento salarial pactado e o IPC. Convenios asinados e revisados. Galicia. 2007 – Xuño 2016
Evolución do incremento salarial pactado e o IPC. Convenios asinados e revisados. Galicia. 2007 – Xuño 2016 | Fonte: Revista Galega de Dereito Social.

O dato xeral contrasta co incremento salarial pactado nos convenios colectivos de ámbito estatal con aplicación en Galicia asinados ou revisados ata o momento, que foi do 1,12%, recollendo cláusulas de revisión salarial o 43,90% dos asinados e o 50% dos revisados. Estes convenios de ambito estatal foron 53 e afectan a 33.463 persoas. Deles, 18 son de sector e 35 de empresa. 

Polo tanto, e respecto aos datos do IPC galego, os traballadores suxeitos a convenios colectivos autonómicos ou provinciais en Galicia gañaron, de media, un 1,81% de poder adquisitivo, mentres que no caso dos que se rexen por convenios de ámbito estatal foi dun 2,02%. 

Son datos publicados no último número da Revista Galega de Dereito Social —editada polo Consello Galego de Relacións Laborais— no que se salienta que no que vai de ano se asinaron en Galicia, até o 30 de xuño, un total de 64 convenios (54 asinados e 10 revisados), que afectan a 23.967 traballadores. Deles 7 son de sector (5 asinados e 2 revisados) e afectan a 12.263 persoas traballadores, e 57 son de empresa (49 asinados e 8 revisados) e afectan a 11.704 empregados.

De todos estes, recollen “pacto de ultraactividade” —é dicir, a prórroga do seu contido normativo máis aló da súa vixencia ou período de duración pactado no mesmo— o 100% dos convenios de sector asinados e o 65,31% dos de empresa.

Ademais, asináronse por primeira vez 13 convenios (todos de empresa) que afectan a 273 persoas traballadoras. E rexistráronse no que vai de ano 41 inaplicacións de convenio que afectan a 972 traballadores. 

A xornada pactada nos convenios asinados e revisados ata o momento que a regulan de xeito anual situouse en 1.741,56 horas. Porén, na negociación colectiva estatal con efectos en Galicia foi de 1.770,32 horas

A 30 de xuño de 2016 existían en Galicia un total de 929 convenios colectivos, xa sexan vixentes ou prorrogados tacitamente, que afectan a 412.439 persoas traballadoras. Neste total inclúense tamén os pactos de eficacia limitada e acordos reguladores de persoal funcionario dos que se ten coñecemento. Do total de traballadores baixo negociación colectiva en Galicia, 33.463 están subscritos a convenios de ámbito estatal.

Temas: EMPREGO EMPRESA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 liberal malvado

Salarios artificialmente altos implica paro, non se queixen do paro

2 Marianico el corto

Semella que o estado colonial burgués, trata ben os seus. Burócratas, funcionetas e diferentes corpos represivos de Expañistan (un dos stados con mais madeiros por 1000 habitantes) están ben mantidos. As pensións 2 miseros euros de soba, si que é o mesmo para todo deus.

1 Galegus

Para que luego digan de lo que se consigue con el autogobierno y sus mamandurrias