Rui Cerqueira gaña con 'Nós, arquipélago' o II Premio Literario Nortear

O relato 'Nós, arquipélago', de Rui Cerqueira Coelho, foi elixido como gañador do II Premio Literario Nortear para a Xuventude Escritora de Galicia e de Portugal.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2016 | Actualizada ás 17:53 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O relato 'Nós, arquipélago', de Rui Cerqueira Coelho, foi elixido como gañador do II Premio Literario Nortear para a Xuventude Escritora de Galicia e de Portugal.

Así o confirmou este mércores a Consellería de Cultura, que precisou que a obra do escritor luso foi elixida por unanimidade entre 30 traballos de autores con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos.

Neste sentido, o xurado do premio, convocado pola consellería, a Agrupación Europea de Cooperación Galicia-Norte de Portugal e a Dirección Rexional de Cultural do Norte de Portugal; destacou o "estilo impecable e potente" dunha narración "sólida" que "harmoniza emocións, vínculos familiares, percepcións sensoriais e evolución psicolóxica cunha gran profundidade".

A maiores, puxo de relevancia o manexo da temporalidade, dende unha percepción interior, na que "o pasado e a prospección de futuro como baleiro e como misterio difícil de asumir únense para definir interiormente a un ser que toma conciencia da súa existencia e da súa limitación como pulso vital".

Na primeira edición do premio a gañadora foi a galega Lara Dopazo Ruibal, pola obra 'Clementina', que acaba de ver a luz nunha publicación editada por 'Edita-Me' que inclúe tamén o relato que recibiu a mención de honra, 'Coraçao cheio de nada', de Joao María Cardoso.

Dotado con 2.000 euros, o premio ten como principais obxectivos distinguir anualmente as obras literarias orixinais de ambas as dúas beiras do Miño, incentivar a produción literaria entre a xuventude galega e portuguesa e favorecer a circulación e distribución de obras literarias entre Galicia e Portugal.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta