Temas: PARLAMENTO

Constituído o novo Parlamento galego con promesas por Galicia, a liberdade e a República

Populares e socialistas xuran ou prometen o seu cargo, o BNG faino para “defender os dereitos nacionais” de Galicia e En Marea pola liberdade do “pobo galego”, a República ou os principios feministas. Villares di que “daría a súa vida” pola “liberdade da sociedade galega”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/10/2016 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

Moitos xuros e moitas promesas se escoitaron este venres na Cámara Galega. Foi durante a constitución da X Lexislatura na que os deputados dunha e doutra cor política deixaron xa entrever cal será a súa loita ao longo dos vindeiros catro anos.

Constitución da Mesa da Cámara galega na X Lexislatura
Constitución da Mesa da Cámara galega na X Lexislatura | Fonte: EP

Os máis tradicionais foron populares e socialistas que xuraron ou prometeron o seu cargo. O presidente da Cámara, Miguel Santalices, procedeu a xurar o seu cargo, do mesmo xeito que fixo Diego Calvo, vicepresidente primeiro; mentres que a vicepresidenta segunda, Raquel Arias, optou pola fórmula de prometer, como Concepción Burgo, do PSdeG. Eva Solla, de En Marea, foi a primeira en variar a fórmula dos membros da Mesa da Cámara,cunha promesa fundamentada nos seus "principios feministas, republicanos e revolucionarios".

Era o anticipo de fórmulas semellantes que empregaron os seus compañeiros de escano, como Carmen Santos (Podemos) que puxeron como reto "construír unha Galicia xusta para todos" ou David Rodríguez (Anova) que, parafrasearon ao veterano nacionalista Xosé Manuel Beiras, evocou a Castelao para a "defensa da liberdade e a igualdade do pobo galego".

Pero o que máis chamou a atención foi Luís Villares, o portavoz de En Marea, e o último por orde alfabética, quen comprometeu a súa palabra e, "se fose necesario", a súa vida, á "alta función" de procurar "a liberdade, a dignidade e a felicidade da sociedade galega".

"Dereitos nacionais"

Os representantes do BNG repetiron a fórmula doutras lexislaturas e prometeron o cargo, aclarando que o fan "por imperativo legal", e comprometéronse a ser "fieis" a Galicia e a "defender os dereitos nacionais e sociais dos galegos" así como "a súa liberdade". Fixérono cunha rosa vermella e o libro de Sempre en Galiza de Castelao.

Pola súa banda, o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, coincidiu co seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, ao prometer o seu escano; e membros do seu goberno, como o seu vicepresidente en funcións, Alfonso Rueda, preferiron xurar acatar a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia.

En canto aos deputados socialistas, todos eles, co seu portavoz, Xoaquín Fernández Leiceaga, á cabeza, decidiron prometer que cumprirán as leis.

Arco parlamentario

Previamente, Miguel Santalices foi reelixido xefe do Lexislativo ao recibir 41 votos a favor --o mesmo número de escanos que ten o seu partido-- e 34 en branco. Tras ocupar o seu asento, apelou a que a X Lexislatura que agora comeza sexa a do "respecto institucional" e pediu tamén que sirva para "profundar" na participación cidadá.

Tras unha sesión constitutiva que arrincou con protestas de traballadores de Isolux-Corsán e do Banco Popular no exterior do Pazo do Hórreo, o arco parlamentario ha quedou composto nesta X Lexislatura por 41 deputados do PPdeG, 14 de En Marea, 14 do PSdeG e seis do BNG, en base aos resultados das eleccións autonómicas do pasado 25 de setembro.

Temas: PARLAMENTO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

1 Pucha tapacalvas

Billares daría a sua vida pero todo dentro da constitución e do Estatuto ollo. Fuera de la ley, nada. E coidado que cando deixe a incursión na politica dicindo que non esperaba que fose tan dura ou algo asi terá que volver á xudicatura e igual non o queren no supremo se é demasiado gallego por moito que fora cos garantes da unidá de ejpaña