Derbi Irmandiño para o Burela

O Pescados Rubén, que chegou a gañar 5-1, acada a primeira vitoria na Liga tras vencer 6-5 ao Santiago Futsal nun derbi trepidante. Reacción insuficiente dos composteláns, con catro goles nos últimos dez minutos.

Por gcdeportes | Burela | 22/10/2016 | Actualizada ás 09:09

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Pescados Rubén Burela 6:
Álex, Iago Míguez, Matamoros, Jorge Bellvert, Antoñito -cinco inicial- Chano, Isi, Iago Rodríguez, Petry, Cuco e Hélder.
Santiago Futsal 5: Chema Mella, Dani Montes, Palmas, Alemao, Álex Diz –cinco inicial- Pablo Tallón, Catela, Armando, Santi, Pablo Mel e Antonio Diz.
Goles: 1-0: Antoñito (minuto 11). 2-0: Petry (15’). 2-1: Álex Diz (17’). 3-1: Matamoros (18’). 4-1: Iago Míguez (21’); 5-1: Iago Rodríguez (27’). 5-2: Catela (30’). 5-3: Catela (32’). 5-4: Armando (38’). 6-4: Iago Rodríguez (39’). 6-5: Armando (40’).
Árbitros: Cid Bragado e Martínez Torres (colexio galego). Amarelas a Isi (minuto 23) no Burela e a Alemao (18’), Santi (22’), Álex Diz (38’), Chema Mella (38’) e Catela no Santiago Futsal.
Incidencias: partido da 3ª xornada da LNFS no pavillón Vista Alegre ante 800 espectadores.

Disparo de Petry, autordo 2-0 para os laranxas.
Disparo de Petry, autordo 2-0 para os laranxas. | Fonte: @burelafs

Trepidante Derbi Irmandiño en Vista Alegre, con ata once goles e un final de infarto. Burela dominou boa parte do partido e chegou a estar 5-1, pero unha espectacular reacción do Santiago Futsal con xogo de cinco apertou o marcador e os mariñaos sufriron no tramo final para acabar gañando 6-5 e acadar a primeira vitoria na Liga. Para os de Santi Valladares foi a primeira derrota tralos dous triunfos iniciais.

Saiu mellor Santiago Futsal e puido adiantarse nun disparo de Palmas que despexou Álex no minuto 3. Pero os burelaos fóronse facendo co balón e a posesión e Petry tivo a primeira ocasión, no minuto 6, que salvou Mella co pé. Estaba máis asentado Burela e Jorge Bellvert avisou cun disparo ao pau tras un rápido saque de banda. No ecuador do primeiro tempo, Antoñito adiantou aos locais tras rematar no primeiro pau un córner.

Sen tempo para a reacción visitante, e cos de Daniel Ibañes dominando o tempo do partido, Petry recuperou unha pelota, foise da defensa e fixo o 2-0. O ritmo era frenético, con ocasións de Pablo Tallón para os visitantes e Chano polos mariñaos. Foi Álex Diz quen marcou o 2-1 no minuto 16. Chema Mella salvou o terceiro de Bellvert, pero os composteláns estaban cargados de faltas e Alemao cometeu a sexta nun bloqueo en ataque: Matamoros fixo o 3-1 dende o dobre penalti no minuto 18.

Trala reanudación, Catela puido achegar ao Santiago Futsal pero errou no remate dentro da área que se foi alto, e Iago Míguez non perdonou e fixo o 4-1 cun minuto de xogo. O partido puido cambiar nunha ocasión de Antonio Diz, pero Álex detivo primeiro o man a man e Jorge Bellvert o rexeite, cos composteláns desesperados pedindo penalti por man do xogador laranxa. En troques, foi Burela quen aumentou a vantaxe co 5-1 de Iago Rodríguez nun erro de marcaxe nun saque de banda.

Antoñito e Hélder celebran un dos goles laranxas no derbi.
Antoñito e Hélder celebran un dos goles laranxas no derbi. | Fonte: @burelafs

Burela tiña xa cinco faltas e Santi Valladares apostou coma sempre por Álex Diz como porteiro xogador buscando a sexta falta laranxa e reducir diferenzas. Dúas faltas consecutivas de Burela permitiron ao Santiago Futsal poñerse 5-3 con senllos goles de Catela dende o dobre penalti. Os composteláns estaban de novo no partido con case dez minutos por diante e 5-3, pero o Burela contivo o asedio visitante, ata que Armando marcou o 5-4 no minuto 37, despois de que os laranxas desperdiciasen dúas ocasións a porta baleira.

Os últimos minutos foron de infarto: Chano errou un penalti, pero Iago Rodríguez recuperou certa tranquilidade para os de casa tras roubar un balón e facer o 6-4 coa portaría baleira a 39 segundos do final. Armando volveu marcar, e co 6-5 os composteláns tiveron un último ataque, á desesperada, sen éxito. Ao final, o Derbi Irmandinho foi para o Pescados Rubén Burela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta