A maioría dos deputados galegos do PSOE formula que a abstención se concrete con só os 11 votos necesarios

A "abstención técnica" é a solución preferida polos deputados galegos do PSOE, pois con esta fórmula -coa que só se absterían 11 parlamentarios- cumpriríase a resolución adoptada polo Comité Federal de permitir a reedición dun goberno encabezado por Mariano Rajoy e, ao mesmo tempo, evitaríase a imaxe da abstención en bloque ou da ruptura da disciplina de voto en filas socialistas.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2016 | Actualizada ás 20:26 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A "abstención técnica" é a solución preferida polos deputados galegos do PSOE, pois con esta fórmula -coa que só se absterían 11 parlamentarios- cumpriríase a resolución adoptada polo Comité Federal de permitir a reedición dun goberno encabezado por Mariano Rajoy e, ao mesmo tempo, evitaríase a imaxe da abstención en bloque ou da ruptura da disciplina de voto en filas socialistas.

"Sería, para o meu gusto, a solución máis conveniente", xulgou o pontevedrés Guillermo Meijón, quen opinou - en declaracións a Europa Press- que tamén sería "un xesto positivo" para contribuír á "unidade" do PSOE. Con todo, aseverou que, de non aceptar esta proposta a xestora encabezada polo asturiano Javier Fernández, el acatará a decisión do máximo órgano do seu partido entre congresos.

Pola súa banda, a ourensana Rocío de Frutos apoiou esta vía pero deixou claro que ela votará "non" en calquera caso. "Por conciencia, porque non o esperaba e porque o PP non buscou os apoios para gobernar", enumerou os seus motivos. E, sen "querelo" chamar "romper a disciplina de voto", declinou confirmar se dimitirá unha vez consumado o seu desacato á resolución aprobada polo Comité Federal.

En paralelo, a compostelana Pilar Cancela, quen ademais dirixe a xestora do partido en Galicia, sumouse á petición de "buscar fórmulas" que eviten "fracturar máis" o PSOE. Así mesmo, declarouse partidaria de non trasladar ao grupo parlamentario a división existente na organización e de que a dirección provisional non continúe, coas súas decisións, "afastándose" de sentir da militancia.

O coruñés Ricardo García Mira é o cuarto dos seis deputados galegos do PSOE que avala esta abstención mínima, dende o convencemento de que toca "camiñar cara a un punto de encontro" das distintas correntes do partido. Contrario á abstención, non aclarou cál sería o seu posicionamento no debate de investidura en caso de que a xestora non acepte esta vía.

SEGUNDO O APROBADO

No lado oposto, a viguesa Dores Galovart rexeitou a abstención técnica -que xa solicitaron por carta oito 'baróns' do PSOE en distintas comunidades- e subliñou que ela votará "segundo a resolución" do Comité Federal. Así, aínda que asegurou a Europa Press que "tódalas opcións" lle parecen "respectables", ela aposta pola abstención neste momento político.

Finalmente, a lucense Margarida Pérez Herráiz tamén indicou que "o que hai que facer" é asumir o mandato do Comité Federal e optar pola abstención no debate de investidura.

Ademais, explicou que non se imaxina na tesitura de saltarse a disciplina de voto: "Se as miñas diferenzas cunha posición do partido fosen inasumibles, non votaría diferente, iríame", razoou, consciente de que os cidadáns non lle deron o seu voto a ela senón á organización política da que forma parte, e á que corresponde a toma de decisións.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta