Asignatura pendente

O acordo acadado entre Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy para promover a Alberto Oliart como presidente da CRTVE suscita diversas reflexións. A primeira ten a ver coa dupla vara de medir que utilizan os dirixentes dos grandes partidos cando se trata de asegurar e/ou neutralizar o control dos medios públicos de comunicación. Os mesmos que predican habitualmente a bondade abstracta do rexuvenecemento das listas electorais e dos cargos orgánicos non dubidan en botar man dunha persoa que xa pasa dos 80 anos para dirixir este ente estatal...

Por Xesús Veiga | Galicia | 14/11/2009

Comparte esta noticia

Resulta kafkiano que o ERE aplicado nos últimos anos na RTVE propiciara a xubilación anticipada de moitos profesionais que tiñan unha contrastada capacidade de traballo e agora teñamos que asistir a esta mostra de despotismo non ilustrado dos máximos responsábeis do PSOE e do PP. En realidade, xa coñeciamos estas prácticas discrecionais na selección das persoas integrantes dos Consellos de Administración dos entes radiotelevisivos, tivesen a sede en Madrid ou en Santiago. A letra e o espírito das leis creadoras destes organismos sempre ficaron subordinadas á lóxica suprema dos intereses partidarios que estableceron, en cada momento, os cumios dirixentes sen que, lamentabelmente, se teñan escoitado voces críticas significativas no interior das forzas políticas respectivas.

None

Por outra banda, a renuncia de Luís Fernández abre un serio interrogante sobre a viabilidade duns medios públicos de calidade como consecuencia das novidades normativas en materia publicitaria.Se a perspectiva vai ser unha radio e unha televisión -españolas ou galegas- con menor marxe de manobra para tratar de neutralizar a permanente tentación gobernamentalizadora dos grandes aparatos partidarios, qué garantías van existir para o exercicio dunha real pluralidade informativa, non dependente dos intereses dos grupos mediáticos privados?

Se o goberno bipartito non foi quen de aprobar esta asignatura nos tres anos e medio de estancia en San Caetano, o PP non semella ter presa por facer o que non quixo acometer durante mais de quince anos.Saben que é un asunto que non está entre as preocupacións prioritarias da grande maioría do seu electorado.

Xesús Veiga Buxán é profesor na Facultade de Económicas da USC e ex deputado do BNG no Parlamento galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.