Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/11/2016 | Actualizada ás 14:00
O 25 de novembro é o Día da Violencia de Xénero. Unha xornada que a Xunta pretende recordar repartindo máis de 80.000 euros entre os grandes medios de comunicación.
Esta contratación forma parte do “Acordo marco dos servizos de elaboración, produción e plan de medios de campañas institucionais da Xunta de Galicia en datas relevantes para a Comunidade Autónoma, dos anos 2015 e 2016”.
Este acordo, de 1,75 millóns de euros, ten por finalidade a elaboración e execución de campañas de publicidade e de comunicación nos anos 2015 e 2016 coa elaboración dun plan de medios, que inclúa as distintas campañas, e a elaboración, produción e execución desas campañas. Este convenio marco tamén recolle que, “tendo en conta o período de duración do contrato e despendendo das necesidades de difusión e comunicación, está prevista a realización de distintas campañas de publicidade e comunicación”.
Ademais, e suxeito tamén a esta planificación, Medios repartirá outros 80.000 euros para informar o vindeiro 3 de decembro do día das persoas con discapacidade. Hai uns días, tamén aprobaba outro paquete de axudas para promocionar, pola mesma cantidade, o día internacional dos animais que tivo lugar a comezos de outubro.
Diversas campañas
A través deste acordo marco publicitaranse “campañas principais” --17 de maio, Día das Letras Galegas e 25 de xullo, Día de Galicia-- e outras campañas “menores sobre datas sinaladas e de alcance institucional a definir pola administración”, que é no que se incluiría o concurso que a Secretaría Xeral de Medios acaba de licitar estes días.
Este departamento tamén precisa no prego de condicións que estas campañas “teñen carácter estimativo e non vinculante” e, polo tanto, non existe a obriga de contratación dun número determinado de campañas, nin está establecido o importe de cada unha delas.
Dez millóns
En total dende principios de ano, o Goberno Galego leva repartido, segundo o cómputo de GC –e sen ter en conta convenios privados ou non publicados--, máis de dez millóns de euros en accións de propaganda en determinados medios de comunicación. Un diñeiro que se reparte, principalmente, entre os grandes medios galegos.
Curiosamente, a última gran repartición de diñeiro público tivo lugar a un mes escaso das eleccións galegas, cando a Xunta destinou 550.000 euros en sendas campañas da Amtega e de Turismo de Galicia. Sen embargo, a Xunta seguiu repartindo cartos aos medios cun goberno en funcións, logo dos comicios. En total, máis dun millón de euros. O último reparto, 341.000 euros para animar a ter fillos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.