Un dos nosos

A Joe Pesci déronlle, en 1990, o Oscar ao mellor actor secundario pola súa actuación, facendo o papel de Tommy DeVigo, en “Un dos nosos” (“Goodfellas”, “Mafiosos” ), a película dirixida por Martin Scorcesse ganou tamén 5 premios BATFA, un León de Plata en Venecia á mellor película e o premio do Círculo de Críticos de Nova Iorke.

Por Emilio Martinez | Vigo | 04/11/2016

Comparte esta noticia

Hai unha escena da película que semanas atrás veume á cabeza, foi vendo unhas imaxes dos Congreso dos Deputados. A escena rememorada é esa na que un xove Michael Imperioli (archifamoso logo polo seu papel como Crhistopher Moltisanti en “Os Soprano”), interpretando a un mozo dos recados, responde ás chanzas de Joe Pesci/Tommy DeVigo mandándoo a facer puñetas. Os compañeiros do mafioso pícano dicíndolle que si vai pasar daquela afrenta, que si vai consentir que un calquera lle falte ao respecto… Tommy mosqueado saca o seu revolver e pégalle catro tiros a bocaxarro. Os compañeiros aféanlle  o asasinato  (“Pasástete, home, que era unha brincadeira…”) e impóñenlle un castigo: “Agora colle a pa e vas cavar ti só o foxo para meter o corpo”. Para min esa escena, eses poucos minutos, resumen á perfección o significado de ser un dos nosos. Os nosos, os que son como nos, aqueles a quenes temos que protexer,  aqueles a quen todo temos que perdoar, porque o que agardamos é que eles fagan o mesmo por nos. Sen preguntar, sen razoar.

Foi Diego Cañamero, os seus berros e a súa camisola coa cara de Andrés Bodalo o que me recordou a escena. Tamén, todo hai que decilo, a actitude doutros deputados:  de Podemos, de Bildu ou de ERC,  so un pouco menos esperpénticos nas formas.

Calquera que acumule trienios de militancia en organizacións da esquerda política, ou da esquerda sindical, terase atopado con algún Andrés Bodalo. Seguramente con mais dun. Normalmente persoas con ideas tan claras como simples, vivindo un mundo no que as cousas son brancas ou negras, sen espazo para matices; un mundo de bos e malos… no que as cousas arranxase  con valentía, botándolle c…, con actos revolucionarios, sen tanta discusión. Os primeiros en todas as manis, os primeiros en todos os piquetes, os primeiros coa silicona, os primeiros en volcar ou pegarlle lume a un contenedor…  Persoas que, en moitos casos, a súa falta de vida a agochan detrás de consignas, persoas que se agarran as directrices do partido, da organización, do sindicato, como se a vida lle fora nela, porque sen elas estarían perdidos na propia vida…  Son persoas ás que demasiadas veces lle falta o amigo, a amiga, que lle diga que a vida por aí non vai ben…  A covardía no persoal non é allea ás organización que se din revolucionarias.

Para Diego Cañamero Andrés Bodalo é un dos seus. Todo se lle perdoa. Non importa que acumule sancións administrativas, non importa que a sentenza por agredir a un concelleiro doutro partido sexa firma, non importa que xa houbera condeas por agresións anteriores… é un dos que forman parte da “familia”, co que hai que facer piña. Para Izquierda Unida, esa organización para a que non existen presos políticos en Cuba ou Venezuela, Andrés Bodalo é incluso un “preso político”.

Para Izquierda Unida é tamén un dos seus Alfonso Fernández Ortega, Alfon, condeado a catro anos de cadea por tenencia de explosivos. Sentenza confirmada polo Tribunal Supremo, recurso de amparo desestimado polo Tribunal Constitucional. Un xove ao que tal vez Alberto Garzón deba poñer de exemplo para a mocidade: sempre que esquezamos o procesamento, en 2009, por un roubo con violencia e agresión. Cousa de “chiquillos”, tal vez. Alfon, todo hai que dicilo, foi absolto recentemente doutro delito polo que fora condeado. A Audiencia Provincial de Madrid anulou a condena a un ano de cadea por resistencia á autoridade e lesións, xa que consideran os maxistrados que aínda que quedou acreditado que o suxeito dirixeuse aos policías con frases como “Vouche agardar cando saias de Comisaria, e vouche seguir á tua casa, que non sabes con quen estás falando, vouche matar”, as frases encádranse dentro dunha falta de desobediencia, que logo da reforma do Código Penal, non da lugar a accións penais.  Agora é unha falta administrativa, segundo o previsto na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadán, que prevé sancións de entre 601 a 30.000 euros.

Tal vez para Pablo Iglesias son tamén dos seus as ducias de persoas que impediron un acto no que ían participar Felipe González e José Luis Cebrián na facultade de Dereito da Universidade Autónoma de Madrid. Costa entender que unha organización que pretende dirixir un país xustifique impedir falar a unhas persoas, a calquera persoa, por moito que se rexeite o que teñan estas que dicir, como un acto avalado polo dereito á liberdade de expresión. Tal vez o único Dereito do que se lembra o exprofesor da Complutense sexa o inspirado por xurista nacionalsocialista Carl Schmitt?.

Tal vez paga a pena recordar como no ano 2005, tamén na  Autónoma de Madrid, grupos da extremadereita tentaron boicotear o acto de entrega do doutorado “honoris causa” que a universidade lle concederá a Santiago Carrillo, o histórico líder do Partido Comunista de España, que daquela xa rondaba os 90 anos. A Carrillo tamén lle intentaron boicotear outro acto, esta vez na Universidade de Sevilla, ainda non pasado un ano. E voltou a suceder en 2009, na presentación dun libro en Barcelona… En todos os casos, segundo o pensamento liña Pablo Iglesias, hordas fascistas exercendo o dereito á liberdade de expresión?. Cantas oportunidades de estar calado perden algúns días os líderes das forzas do cambio. As dan contado?.

Nin Andrés Bodalo, nin Alfonso Fernández, nin ordas de energúmenos encarapuchados son dos meus. Non creo que sexan neles nos que teñan que buscar as súas referencias as forzas políticas que  quere ser transformadoras. Non creo que sexa neles nos que teñamos que malgastar forzas nin solidariedade. O que fixeron, polo que foron condenados, é a súa responsabilidade, deles e dos que dende o seu entorno político e ás veces familiar, ríronlle actos que no canto de accións revolucionarias non eran outra cousa que meros actos de vandalismo

Eu teño outros nos que inspirarme, e son ben doados de atopar: chégame con ir ao porto de Ribeira unha mañá ou unha tarde, chégame con fixarme nos andamios das obras, chégame con mirar pola fiestra do tren cando vou a Santiago ou Coruña, chégame con pasear polas rúas de Vigo, ir ao Mercado do Progreso, ou ir ao centro de saúde. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.