Nada máis fútil que culpar ao escorpión

No que atinxe á moral pública, non son un timorata. E máis, no glosario das miñas manías atópase un mesurado desprezo aos que corren a criticar a maneira de vivir dos demais. Nos dereitos de cadaquén a vivir a súa vida ao seu xeito poucos límites debe haber; ningún sobre manías, modos ou formas cando isto non incida nos dereitos dos demais. Pero ao que si lle teño algo de noxo, e aínda repugnancia, é aos que, desprezando os límites colectivos consensuados polos séculos, impoñen as súas obsesións disfrazadas de modernismo desinhibido invadindo os dereitos dos demais.

Por Xoán Vázquez | New Jersey | 07/11/2016

Comparte esta noticia

Nun pretérito aínda moi recente, case todo o lastre antidemocrático atopaba refuxio no PP: o tan galego caciquismo baltarián, insidioso e depredador; a endogamia, en todo o Servizo Público; o cemiterio de parasitos das empresas públicas; os latrocinios, catastróficos latrocinios, das caixas de aforros; e os amañes urbanísticos das mil ruínas medio ambientais. E así se foi erguendo o gran monumento a mediocridade: a España pos-franquismo. Alí, no albor daquel PP,  confluían todos aos que a democracia e a orden constitucional só lles sería útil de estar deitada en papel hixiénico. Pero, e como non podía ser doutra maneira, o tempo pasa e a sabenza da  natureza imponse e fai mudanza, e a xente nova de pensamento liberal que foi entrando en idade participativa foise asentando nos vehículos políticos chamados a ser canles desa maneira de pensar. E o PP de baltares minguantes foi dando paso a esta esquerda Millennium de fornicios crecentes. E o pensamento liberal -tan lexítimo el coma o progresista-, foise afirmando na nosa sociedade, para ben da nosa sociedade e da nosa democracia.

Agora que os progresistas seica a temos dificil, pois disque imos ter que elixir entre os valores da esquerda máis tradicional ou os desta nova esquerda, invento Millennium, do todo vale, é chegado o momento de enumerar o que non é e o que non representa o PSOE. E digo, o que non é, porque o que é xa está plasmado nas andainas deses feixe de décadas nas que os que non se decataron do que é e do que representa xa nunca o han saber. O PSOE non representa a vagabundaxe; non representa defecacións nos soportais; non representa alboradas de fornicio nas bancas das estacións do metro de Barcelona, sen máis pudor cas mesmas ratas  que o cohabitan, e con equivalente dignidade; non representa o okupismo da propiedade privada, cunha vehemencia, descaro e impunidade que son un verdadeiro chamado a violencia máis contundente, que se cadra xa inevitable; non representa as felacións nas discotecas de Ibiza, testemuño dos derradeiros pasos nos vieiros desta deshumanización e decadencia xa palpables.  E o PSOE non representa reducir o Parlamento do Estado a esa barullada de greñas e bicos anárquicos con rancio fedor a ruína. E non, o PSOE tampouco representa apisoar a liberdade de expresión, prohibíndolle a un ex presidente do Goberno a entrada a unha universidade -que aínda sendo tema de outrora é completamente incomprensible que a rexencia da universidade non reclamase a presenza das forzas de seguridade cidadán e lle mangaran vasoira a todo aquel lixo que lle obstaculizaba o paso ao presidente Felipe González. Quen queira saber que representa o PSOE que repase a figura de Tierno Galván. Han atopar alí integridade,  ética, educación, cultural, respecto, dignidade, entrega e sacrificio. E todo iso envolto nunha exquisita elegancia, tristemente de outrora. Si, elegancia, que aínda non é palabra prohibida. Grande nos feitos, nas formas e nos modos, D. Tierno. Hai outros que representan esoutros “valores”, disque progresistas. Progresistas… Agora calquera é progresista, abonda con afrouxar a petrina nun soportal ou nunha estación de tren e xa se lle entrega o carné de militante. E se anda cheo de piollos ata pode chegar a deputado.

Ou os valores  tradicionais do  PSOE, encarnados na figura de Tierno Galván, volven facer presenza na esquerda ou a esquerda afunde na irrelevancia. Irrelevancia merecida, e necesaria. Podemos non é esquerda, o populismo non é esquerda. O populismo é o xoio que medra ao abrigo do centeo. É ruína, é opio disfrazado de alivio. Se algo lle podemos reprobar a Sánchez é o non haberse dado de conta, desde o primeiro día, que Podemos nunca foi, non é, non pode ser, e nunca será aliado do PSOE. O PSOE é, precisamente, a primeira forza política á que Podemos necesita destruír. O máis preocupante e reprobable é que Sánchez xa o sabía, sempre o soubo, pero antepuxo a súa ambición persoal aos intereses do partido e do Estado.  Sánchez é un home culto e intelixente, logo non foron esas dúas cualidades as que lle fallaron. Sánchez sabe, ben abondo, que aínda que medre entre o centeo, o xoio é o que é e non pode ser outra cousa. E sabe tamén, sempre soubo, que chegado o momento da verdade, nada máis fútil ca culpar ao escorpión.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA