Os alcaldes das mareas comezan recibir o trato que defenestrou o bipartito

Analizamos a estratexia do PPdeG e dos grandes medios na súa nova ofensiva contra os gobernos das mareas. A batalla polo liderado do PSdeG preséntase como unha das claves.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 04/11/2016 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

Se un rebusca entre os comunicados do PPdeG deste ano, a penas hai referencias aos alcaldes das mareas, máis aló dalgún ataque puntual. Por exemplo, alá por maio, Miguel Tellado despachábase a gusto contra o “desgoberno” e a suposta fasta de xestión e estabilidade. Daquela o voceiro do PPdeG criticaba aos que dicían que as maiorías eran malas porque “agora demostrouse que os gobernos en minoría son moito peores”, obviando por exemplo, que o PPdeG goberna en minoría en Ourense.

Pero incluso naquel arrebato contra os os “gobernos ególotras”, a cuestión dos concellos da Coruña, Santiago e Ferrol era secundaria. Tellado sacouna ao fío da vitoria de Xaquín Fernández Leiceaga, máis proclive aos pactos coas confluencias, fronte a Méndez Romeu, contrario a entenderse coas mareas, no PSdeG.

Moito cambiou a cousa dende entón. Desestabilizar e, en último instante, cargarse aos gobernos das mareas é o obxectivo primordial dos conservadores galegos tras a súa vitoria nas autonómicas e con Mariano Rajoy xa de volta na Moncloa. E non lle faltan aliados mediáticos para conseguilo.

La Voz de Galicia (principal altofalante na prensa escrita do PPdeG e o máis favorecido polas millonarias subvencións a dedo que reparte a Xunta) marcaba o camiño da ofensiva conservadora o 28 de outubro. O xornal de Santiago Rey publicaba daquela un compilatorio das “promesas incumplidas y otras imposibles de cumplir” das mareas. Nesa información non hai novidades informativas, calquera lector cun mínimo de experiencia pode ver unha reportaxe predeseñada pola dirección para presentar as mareas como sinónimo de mala xestión. 

Certo é que La Voz leva moitos meses -case dende o comezo da lexislatura- arreándolle duro ao alcalde Xulio Ferreriro, que pechou a billa de cartos que fluía antes dende o Pazo de María Pita cara Santiago Rey. Como leva meses El Correo Gallego atacando a Martiño Noriega (chamándolle “alcalde 2.0” en portada en reiteradas ocasións)  polo mesmo motivo. Con todo, a virulencia e a falta de motivo concreto da nova ofensiva crítica da Voz recorda a outra ofensiva editorial de La Voz, a que desatou contra o bipartito da Xunta en 2009.

De feito, na citada reportaxe incluso se resucita entre liñas o mito dos audis de Touriño, ao aludir a petición de Luís Villares -líder do grupo de En Marea no Parlamento de Galicia- dun coche, malia que Villares non é alcalde nin pediu un Audi. Máis aló disto, único que La Voz atopou dos alcaldes en relación aos coches oficiais é que o de Ferrol renunciou a el e que agora o usa a Policia Local.

A ofensiva oficializouse este mércores, cando os líderes do PP en Santiago, A Coruña e Ferrol compareceron xuntos ante os medios. Incluso enarboraron unha etiqueta, “os trivagos”, un bautismo que lembra ao do “bigoberno” co que o PP marcara con éxito ao tándem Touriño-Quintana.

E por se alguén lle quedaba algunha dúbida, onte Alberto Nuñez Feijóo adicou gran parte da súa alocución dos xoves ante a prensa a arremeter contra a suposta indolencia dos alcaldes de Ferrol, Santiago e A Coruña. O presidente da Xunta aludiu unha e e outra vez a presunta parálise que viven estas urbes. Argumento que precisamente é o máis usado dende La Voz contra o Executivo da Coruña.

Por que se lanza o PPdeG xusto agora a meterlle o dente aos gobernos das mareas? A resposta podémola atopar nos silencios de Feijóo. O líder conservador arreoulle onte aos gobernos de A Coruña, Ferrol e Santiago; mesmo recoñeceu que en Ourense -onde gobernan eles en minoría- a situación non é ideal, como tampouco ou é en Lugo, mesmo lle caeu unha pulla a Lores, alcalde do BNG en Pontevedra que goberna a un só edil da maioría absoluta.

O único alcalde urbano que zafou da ira de Feijóo foi Abel Caballero. O edil de Vigo lidera unha cómoda maioría, é certo; pero tamén é certo que Caballero lidera o bando do PSdeG partidario de romper coas mareas.

Feijóo sabe que , tras o fiasco das autonómicas, no PSdeG abrirase de novo a batalla polo liderado. No PPdeG devecen por unha vitoria do bando de Caballero que, en última instancia, contribúa a romper o apoio tácito do PSdeG as mareas en Santiago e A Coruña.

O último obxectivo sería botalas do goberno na presente lexislatura. De feito, cómpre lembrar que o PPdeG xa lle propuxo ao PSOE de Santiago gobernaren xuntos ao pouco de seren derrotados nos comicios locais, violando así a típica argumentación de Feijóo de que debe gobernar a lista máis votada.  Unha argumentación clásica do discurso do PPdeG que, por certo, levan meses sen utilizar, se cadra na espera de poder formar unha “gran coalición” na Coruña, Santiago ou Ferrol.

Líderes do PP na Coruña, Ferrol e Santiago
Líderes do PP na Coruña, Ferrol e Santiago | Fonte: Lucía Canal

En definitiva, Noriega, Suárez e Ferreiro empezan a recibir o trato dos grandes medios -cautivos das subvencións da Xunta- que no seu día enterrou as carreiras poíticas de Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Daquela o leimotiv foi o suposto derroche do gobero, hoxe é a suposta parálise, pero a estratexia, no fondo, é a mesma.


 

Os tres alcaldes das mareas galegas; Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez con algúns dos seus asesores no aeroporto de Madrid
Os tres alcaldes das mareas galegas; Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez con algúns dos seus asesores no aeroporto de Madrid | Fonte: FB Miguel R. Penas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

9 Lope

Pecades do mesmo que criticades. Por que censurades aquí os comentarios críticos con José Manuel Baltar ou con Rafael Cuiña?

8 Pobriños

E logo xa lles montaron As Cidades Rebeldes Non Se Venden??? Pero se máis calamidá non poden ser eles mesmos

7 Tonto as duas

Din o articulista: "La Voz de Galicia (principal altofalante na prensa escrita do PPdeG e o máis favorecido polas millonarias subvencións a dedo que reparte a Xunta)" E logo a publicidade do Concello de Santiago de Compostela que sae na Voz de Galicia quen a paga?

6 Bertol

A análise está incompleta, porque nada disto pode cualificarse de sorpresa. Fixeron algo a esquerda galega para evitar isto e que Santiago Rey poida baixarlle as cirolas cando lle pete? Pouco, o BNG creou Sermos e as mareas Praza, pero son tan pechados q só os leen os convencidos. En GC si que corre algo o aire.

5 todos a unha....

O sistema é moi sinxelo. Cando gobernas todo o podes todo e cando todo tipo de institucións públicas e privadas están ao teu servizo con so chamalas....velaí Galicia. Por certo a oposición dentro duns anos voltarán con iso de.... "Agora si que imos artellar un partido de ampla base social para loitar por Galicia... de abaixo cara arriba, tralará tralará tralará...." Galicia es lo que es y no lo va a cambiar nada en 100 años. Abur