Formoso avoga por convocar un congreso en lugar de "cambiar unha xestora por outra" no PSdeG

Di que así llo transmitiu ao alcalde de Vigo na reunión que mantiveron nas últimas horas

A CORUÑA | 11/11/2016 | Actualizada ás 17:32 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, avogou por convocar un congreso en lugar de "cambiar unha xestora por outra" no PSdeG, tras ser preguntado pola reunión que mantivo nas últimas horas co alcalde de Vigo, Abel Caballero, nunha cafetaría de Santiago de Compostela.

A preguntas dos xornalistas, antes de reunirse co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez; Formoso situou o encontro co rexedor olívico nas conversacións que, segundo dixo, mantén "con moitos compañeiros".

Non obstante, apuntou que no encontro falaron "da situación xeral do partido", ademais de transmitirlle a Caballero "que o cambio dunha xestora por outra non ten sentido". "Hai que recuperar o partido dende o consenso", sentenciou.

Mentres, rexeitou que falte transparencia en relación coa situación que vive nestes momentos o PSdeG. Como exemplo, citou o feito de que o encontro que mantivo co alcalde de Vigo fose nunha cafetaría. "O que non podemos é radiar os cafés entre compañeiros", sentenciou.

DAR "VOZ" Á MILITANCIA

Preguntado explicitamente pola continuidade de Pilar Cancela á fronte da xestora do PSdeG, insistiu na opinión de que o partido "necesita un revulsivo e a convocatoria dun congreso". Na mesma liña, considerou necesario dar "voz á militancia".

Por iso, rexeitou unha nova xestora aínda que non se pronunciou sobre a posibilidade de que, de nomearse outra, á fronte desta estivese a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. "Prefiro non falar de nomes", engadiu. Con todo, ante a pregunta de se estaría disposto a asumir este cargo el, descartouse "completamente".

REUNIÓN CO ALCALDE DE FERROL

Así, centrou o seu labor á fronte do organismo provincial e a Alcaldía das Pontes. Non obstante, remarcou que centrará os seus esforzos en "loitar pola socialdemocracia". "No que creo", recalcou o presidente da Deputación da Coruña que fixo estas declaracións antes de reunirse co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.

Coincidindo con este encontro, no que se abordaron cuestións como a posible inversión do organismo provincial no viveiro de empresas do municipio ou o funcionamento do Consorcio de Bombeiros, descartou intentar axudar a limar diferenzas entre o executivo municipal de Ferrol e os socialistas. "É un tema interno", afirmou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta