Cen anos do primeiro número de ‘A Nosa Terra’ como voceiro das Irmandades da Fala

A primeira publicación saíu á luz o 14 de novembro de 1916.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/11/2016 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Tal día coma hoxe, hai cen anos, saía á rúa o primeiro número do voceiro das Irmandades da Fala, 'A Nosa Terra'. O xornal, que antes fora xornal anticaciquil e agrarista de Solidaridad Gallega (1907-1908) e posteriormente foi cabeceira do Partido Galeguista, foi editado primeiramente na Coruña e na súa primeira edición presentouse como o "Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d'América e Portugal".

Primeiro número de 'A Nosa Terra'.
Primeiro número de 'A Nosa Terra'.

A publicación editouse integramente en galego e foi fundamental para o espallamento do ideal galeguista non só no país, senón tamén no resto do mundo.

'A Nosa Terra' comezou publicándose con periodicidade decenal, aínda que logo foi moi variable, pasando a saír quincenalmente até a Ditadura de Primo de Rivera, na que saíu mensualmente. En xuño de 1933 regresou á periodicidade decenal.

O primeiro número saíu o 14 de decembro de 1916 na Coruña e contaba con oito páxinas. Na súa etapa coruñesa, a redacción e administración desta publicación estaba no despacho que tiña no Cantón Grande o avogado e escritor Xosé Iglesias Roura, que foi o seu primeiro director. Antón Villar Ponte foi o seguinte director até a IV Asemblea das Irmandades da Fala (1922). A partir de entón, Víctor Casas foi quen levou o peso real da dirección, aínda que nominalmente foron directores Alexandre Bóveda, Aquilino Iglesia Alvariño en 1933 ou Ramón Suárez Picallo en 1934.

O 1 de febreiro de 1932, pouco despois do nacemento do Partido Galeguista, convérteuse no seu voceiro oficial e a redacción trasladouse a Pontevedra. En xuño de 1933 deixouse de publicar durante algún tempo por dificultades financeiras.

Os recursos económicos da publicación proviñan das subscricións, da publicidade, das doazóns dos galegos de América e das Irmandades da Fala primeiro e o Partido Galeguista despois.

O 17 de xullo de 1936 saíu o derradeiro número de ANT.

Entre os seus colaboradores estiveron case todos os intelectuais galeguistas da época: Manuel Lugrís Freire, Roberto Blanco Torres, Ramón Cabanillas, Luís Amado Carballo, Ricardo Carballo Calero, Leandro Carré Alvarellos, Castelao, Evaristo Correa Calderón, Xosé Filgueira Valverde, Gonzalo López Abente, Antón Losada Diéguez, Manuel Antonio, Xaime Quintanilla, Luís Peña Novo, Luís Porteiro Garea, Aurelio Ribalta, Vicente Risco, Xoán Vicente Viqueira, Ramón Suárez Picallo, Xohán Antón Suárez Picallo.

Segundo Margarita Ledo, da Universidade de Santiago, foi a publicción que mellor representa un novo modelo de comunicación, en contraposición coa prensa dominante do momento, no que se deu o salto da prensa reprodutora á mediadora "para o desenvolvemento da conciencia cidadá". 

Descarga o primeiro número de A Nosa Terra do 14 de novembro de 1916 (pdf).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 PALLEIRO2

De quen é propiedade a cabeceira d' A nosa terra