Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 24/11/2016 | Actualizada ás 10:00
Imaxes como as xeradas durante a campaña electoral do 2009 a través das novas relativas ao Audi A8 que empregaba o por aquel entón presidente, Emilio Pérez Touriño, aos gastos realizados polo bipartito na sede administrativa de San Caetano ou á fotografía do vicepresidente, Anxo Quintana, no barco do empresario Jacinto Rey resultaron determinantes na vitoria electoral de Alberto Núñez Feijóo.
Foron “noticias icona” sobre as que insistiron certos medios de comunicación, nomeadamente La Voz de Galicia e o ABC, e que segundo o investigador Javier Presas, “tiveron a influencia suficiente como para fixar parte da axenda da campaña” e que perduraron no tempo, converténdose en “temas recorrentes da narración política galega”.
“As noticias icona funcionan como recordos imperecedoiros, que seguen aparecendo nas páxinas dos xornais semanas, meses ou anos despois da súa primeira publicación, conferindo un poder permanente á representación simbólica do escándalo político”, sostén este investigador na súa tese de doutoramento, que analizou a influencia dos medios de comunicación e as consecuencias dos escándalos políticos nas campañas electorais.
De feito, Presas centrouse nas eleccións autonómicas do ano 2009, nas que o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, logrou a súa primeira maioría absoluta, e estudou o papel xogado pola prensa á hora de “configurar imaxes de gran contido simbólico” vinculadas ao escándalo político.
Na súa tese 'Corrupción y escándalo político en las campañas electorales. La noticia icono en las elecciones gallegas de 2009 y 2012', dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Mercedes Román, Presas analizou as novas publicadas polas principais cabeceiras autonómicas e polos dous xornais estatais que contaban entón con edición galega, El País e ABC, durante os 15 días de campaña.
Feijóo e os maiores e a Feira do Libro da Habana
Fíxoo poñendo o foco no “poder dos escándalos” suscitados a raíz da aparición de cinco novas icona, entre as que tamén figuran o desprazamento dun grupo de maiores a un mitin de Quintana en Oia e os gastos realizados pola Consellería de Cultura na Feira do Libro da Habana. A súa relevancia, sinala, “pódese medir de maneira rigorosa en termos da súa frecuencia de aparición”, xa que en todos os días da campaña de 2009 atópanse referencias a estas noticias, "con picos que roldan o medio cento de mencións”.
“O estudo buscaba demostrar as posibilidades dos medios de comunicación de crear imaxes cargadas de gran contido simbólico, capaces de perdurar no tempo”, sinala o autor dunha investigación que non trataba de analizar a súa influencia no resultado electoral, “algo dificilmente cuantificable”, senón afondar nesa capacidade dos medios de “crear percepcións colectivas”.
“A través dos medios, o escándalo político e a súa representación simbólica fanse moito máis visibles, xerando unha serie de repercusións sociais para o implicado”, sinala Presas, que incide na importancia do marco interpretativo á hora de determinar o “poder simbólico” que obterán esas novas. De aí que destaque, nun comunicado do Duvi, que o “poder dos escándalos” suscitados a raíz de determinadas novas icona non vén motivado tanto polas fotografías e informacións publicadas, como polo “marco de crise económica no que se deron”, que contribuíu a que esta serie de novas se convertesen en “poderosas imaxes condensadas”, a través da súa vinculación “con conceptos máis amplos”, en noticias nas que figuraban con frecuencia “palabras como austeridade, luxo ou malgasto”.
O caso do ABC
O centrouse no caso do ABC, que xunto con La Voz de Galicia, foron os impulsores durante esa campaña desas imaxes icona. No caso do xornal madrileño, Presas destaca que foi “ o principal catalizador das news icon” daquela campaña, levando mesmo á portada a foto de Quintana e Rey. Nese senso, Presas destaca que en 13 dos 15 días da campaña, en seis ocasións en portada, este xornal inclúe “algún tipo de representación simbólica” vinculada á idea do “malgasto do Goberno galego”.
Pero, máis aló da súa presenza nesta cabeceira, estas noticias icona tiveron tamén “a capacidade de determinar a axenda” daquela campaña, de tal xeito que en 283 das 2424 noticias analizadas por Presas para a súa tese figuraban referencias ás cinco novas que centraron o seu estudo. Cuestións que mesmo tiveron a capacidade de permanecer vivas na seguinte campaña, como engade Presas, que na súa análise das novas publicadas nas xornadas previas ás elección de 2012, na que Nuñez Feijóo reeditou a súa maioría absoluta, atopou un total de 55 noticias vinculadas a esas cinco imaxes simbólicas xurdidas nos anteriores comicios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.