Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/12/2016 | Actualizada ás 08:00
Máis de 87.300 lumes en 13 anos, o 39% de todos os acontecidos no conxunto de Estado e máis de 1,5 millóns de hectáreas queimadas, o 24% de todo o ardido en España. Ese é o triste balance dos incendios que asolaron Galicia desde o 2001 ao 2014. En total, queimáronse 15.000 quilómetros cadrados nun país que non chega aos 30.000.
Un estudo da Fundación Ciudadana Civio describe gráficamente esa traxedia, a dun país “en chamas”. As estatísticas describen unha situación terrible; miles de lumes cada ano ata contabilizar un cuarto dos 223.818 que houbo en España nos últimos trece anos. E os 23.847 incendios dunha ou máis hectáreas contabilizados supoñen o 96,5 % da superficie queimada na comunidade.
Os datos aínda son máis dramáticos se falamos de concellos. Dos cen onde máis incendios houbo entre 2001 e 2014, 72 están en Galicia, e, nalgúns deles, repítense os grandes lumes ano tras ano, como en certas zonas do sur de Ourense e Pontevedra.
E se Galicia ten o maior número de concellos afectados, tamén o ten de provincias. As catro están entre as dez onde máis superficie forestal se calcinou nese período. E, por riba delas, Ourense, que encabeza a clasificación de provincias por maior número de hectáreas queimadas (162.291) e a de provincias por maior número de sinistros (31.240). Pontevedra tivo 84.801 hectáreas queimadas, A Corua, 80.078 e Lugo, 40.647.
Por que arden os montes?
E quen queima os montes?. Esa é a gran pregunta que que se fan xuíces, políticos, forzas do orde e os efectivos de loita contra o lume. E as respostas nunca son coincidentes. Para Civio, as causas dos incendios son múltiples, entre outras, o despoboamento do medio rural e o consecuente descoido dos bosques, o envellecemento da poboación que provoca maiores neglixencias ou o uso do lume como elemento de xestión do monte para rozar e rexenerar pastos ou a acción dos pirómanos. Menos forza ten a idea da existencia de mafias que queiman os montes por intereses urbanísticos ou forestais.
Con esas conclusións tamén coincide o fiscal de medio ambiente de Galicia, Álvaro García, para quen o elemento determinante dos incendios é a climatoloxía. Por iso, anima ás universidades a estudar “factores como os períodos de altas temperaturas, a sequedadr e cantidade do combustible vexetal morto ou a forza dos ventos”.
Tampouco o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, cre que os lumes se cometen por imprudencias, xeralmente ao facer as queimas. “Non hai relación con madeiras nin urbanismo. Todas as probas indúcennos a pensar que non hai tramas organizadas nin grupos de presión ao redor do lume en Galicia”, dicía hai uns meses durante a presentación da memoria sobre os delitos incendiarios.
Sen embargo, e a pesares das distintas causas que esgrimen uns e outros, o certo é que a maior parte dos lumes son intencionados, máis dun 80%. De feito, Galicia encabeza o ranquing español de lumes intencionados, só se aproxima Cantabria, co 79,7%. A seguinte na lista, La Rioja, xa está nun 50,9% e a última, Aragón co 12,4%.
O perfil do incendiario
E a pesar desa intencionalidade, as detencións non disuaden aos pirómanos, a pesar de que ano tras ano aumentan. O ano pasado incoáronse 762 delitos ambientais nos xulgados galegos, e 451 (o 60% do total) correspondéronse con lumes forestais.
A Fiscalía manexa un perfil do incendiario. É un home, que ten máis de 40 anos e que sempre actúa só. O fiscal de Medio Ambiente sinalou que nese retrato do incendiario tipo galego aparecen persoas con problemas de sociabilidade, asociados ás veces a determinadas patoloxías ou a consumos de alcol ou doutras sustancias. E o que si coincide case sempre é que son persoas que teñen problemas coas súas familias ou coa súa contorna máis próxima.
Con todo, a Fiscalía ten claro que os incendios forestais en Galicia non teñen solución se non se acometen políticas de longo prazo para transformar no seu conxunto a ordenación do territorio rural. “Pero non hai ningún proxecto a día de hoxe, a política forestal está baseada unicamente na extinción”, apunta Álvaro García tal e como recolle Civio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.