Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/11/2016 | Actualizada ás 11:47
As numerosas multas de aparcamento que se están poñendo nos arredores do hosptial Álvaro Cunqueiro provocaron un tenso debate este luns no pleno municipal de Vigo. Os grupos de PSOE e PP mantiveron unha forte discusión pola tramitación destas sancións durante o debate dunha moción sobre a circulación e a seguridade vial no ámbito do centro sanitario.
O PSOE presentou para o seu debate no Pleno unha moción na que insta á Xunta de Galicia a "corrixir todas as deficiencias" na seguridade viaria no ámbito do Hospital, ao tempo que reclama a gratuidad dos aparcamentos de consultas e de urxencias como "medida inmediata".
Na presentación da moción, o edil socialista Carlos López Font denunciou o "caos diario" da circulación nos accesos do HAC e instou o goberno galego a "pedir perdón" por facer de forma unilateral a ordenación do tráfico neses viais, sen consultar co Concello de Vigo.
Pola súa banda, o voceiro de Marea, Rubén Pérez, recordou que o goberno municipal facilitou a apertura do HAC, e mesmo as conexións de servizos e a construción de accesos, en virtude do acordo entre PP e PSOE para a aprobación dos presupostos municipais de 2014. Así mesmo, sinalou que "os veciños aparcan mal" nos accesos do hospital, ocasionando problemas de tráfico, "porque o alcalde lles dixo que non se lles ía multar".
Críticas
Na mesma liña, o concelleiro do PP, Miguel Fidalgo, suliñou que "quen debería pedir perdón é o concelleiro de Seguridade e Tráfico, señor Font,", por alimentar o incumprimento das normas de tráfico e seguridade". "Hai que ser irresponsable e caradura traer agora esta moción", engadiu.
Segundo Fidalgo, o alcalde de Vigo e o seu goberno actuaron de forma "neglixente" porque "se fartaron de dicir que non se ían poñer multas", co obxectivo de "xerar un conflito institucional para logo botar a culpa á Xunta, e todo a custa de provocar un caos circulatorio". "Agora poñen multas porque lles entrou o medo", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.