Así son as novas especies invasoras que ameazan as rías galegas

As augas de Galicia recibiron nos últimos anos novas especies de crustáceos, moluscos e de diferentes filos zoolóxicos de invertebrados nunca antes observados aquí. Os expertos apuntan a un proceso de "tropicalización" polo quentamento dos océanos. As dúas últimas identificadas e descritas polo Grupo de Estudo do Medio Mariño son o lagostino e o cangrexo azul, este último, especialmente agresivo e cuxa expansión tería consecuencias ecolóxicas e económicas "inimaxinables", alertan os científicos do GEMM, que lamentan a pasividade das autoridades.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 01/12/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A fauna mariña das rías galegas está mudando nos últimos anos. A presenza de especies exóticas e invasoras nunca vistas antes nas nosas augas está sendo descrita para a ciencia polos investigadores. Dende crustáceos e moluscos inéditos, até especies de diferentes filos zoolóxicos de invertebrados insólitos nas rías de Galicia, son xa habituais os achádegos que están sorprendendo á comunidade científica. Dous dos últimos máis salientables son o lagostino e, sobre todo, o cangrexo azul, este último especialmente agresivo e perigoso para a fauna mariña autóctona. O achado destas dúas especies é descrito polo Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), con base en Ribeira, nun artigo titulado 'First records of two decapod crustaceans, the caramote prawn Penaeus kerathurus and the blue crab Callinectes sapidus from Galician waters (NE Atlantic)', publicado na revista Cahiers de Biologie Marine, da Station Biologique de Roscoff, da Bretaña francesa. O estudo foi elaborado en colaboración co Instituto de Ciencias Marinas de Andalucía (CSIC) e a Confraría de Pescadores San José de Cangas do Morrazo.

Cangrexo azul capturado na ría de Vigo en 2015
Cangrexo azul capturado na ría de Vigo en 2015 | Fonte: GEMM.

O traballo describe o achado por primeira vez en Galicia de dous crustáceos: un lagostino, do que non había referencias anteriores nas nosas augas e que foi pescado na ría de Arousa a finais de 2014, e un cangrexo azul, de procedencia americana, considerado moi perigoso pola súa voracidade e agresividade, capturado na ría de Vigo hai un ano. A hipótese coa que traballan os científicos é que a chegada destas novas especies ás rías galegas pode deberse a un "proceso de tropicalización debido ao quentamento do océano". De feito, e como se salienta no artigo publicado en Cahiers de Biologie Marine, "a temperatura do mar aumentou en Galicia en 0,24ºC por década desde 1974". 

Para afondar máis nestes eventos que se están a suceder nas rías galegas, falamos con Juan E. Trigo, do GEMM.

ESPECIES EXÓTICAS E INVASORAS

"No caso do lagostino, Galicia atópase dentro da súa área de distribución natural, que abarca desde Gran Bretaña ata Angola, pero as citas que hai do mesmo desde Lisboa cara ao norte son moi escasas e mesmo hai algunha que non se considera válida. Nunca antes se atopou nas nosas augas, así que é un dato máis que axuda a coñecer en profundidade a súa área de distribución real", explícanos Trigo. 

Lagostino atopado na ría de Arousa en 2014
Lagostino atopado na ría de Arousa en 2014 | Fonte: GEMM.

Respecto do cangrexo azul, este caso é "máis problemático", xa que "ten un potencial moi grande de converterse en especie invasora".

Neste punto, Trigo considera necesario aclarar os conceptos de especie exótica e especie invasora: "Basicamente, especie exótica é aquela que foi introducida nun lugar diferente da súa área de distribución natural, normalmente por mor de actividades desenvolvidas polo ser humano, que se asentou con éxito, pero que se adapta ao lugar ao que chegou e convive pacíficamente coas especies nativas. Pola contra, especie invasora é aquela que primeiramente chega como exótica, pero que a continuación se expande desprazando as especies autóctonas dos seus hábitats orixinais causando moitas veces a súa extinción e que termina causando danos económicos graves ao ter que eliminala ou polo menos, tentar controlala".

Así, no que respecta ao lagostino (Penaeus kerathurus), trátase dunha especie que "aínda que se atopou por primeira vez en Galicia, sábese que hai citas máis ao norte e máis ao sur", aclara Trigo. "Neste caso, simplemente achéganse novos datos sobre ela e amplíase o seu rango de distribución coñecido", puntualiza. Non hai, polo tanto, motivo para acender as alarmas, pero si no caso do cangrexo azul, unha especie agresiva que "demostrou ser moi prexudicial noutros lugares de Europa" e para a que "Galicia é un auténtico filón a explotar", avisa o cientifico do GEMM.

AMEAZA ECONÓMICA E ECOLÓXICA 

Pois ben, no caso do cangrexo azul estamos a falar dunha especie moi agresiva que podería danar o ecosistema das nosas rías. Orixinario das costas de América do Norte, o Callinectes sapidus introduciuse en Europa xa a principios do século XX, aínda que a primeira cita na Península Ibérica non se produciu ata 1979, en Lisboa.

"Galicia, cunhas extensións enormes de cultivos de pequenos bivalvos, é un auténtico paraíso para o cangrexo azul".

"A súa chegada a Galicia tan só era cuestión de tempo. Agora xa está estendido por case toda a costa Atlántica, Mar Báltico, Mediterráneo e Mar Negro", explica Juan E. Trigo.

A alimentación desta especie baséase normalmente en pequenos bivalvos, "polo que Galicia, cunhas extensións enormes de cultivos destes moluscos, é un auténtico paraíso para o cangrexo azul, que pode chegar a expandirse rapidamente sen ningún tipo de impedimento", advirte o experto do GEMM.

A presenza deste crustáceo decápodo nas nosas rías podería causar "danos económicos inimaxinables" ás confrarías de pescadores e á extracción natural doutros bivalvos, sendo moi difícil a súa erradicación xa que "practicamente carece de depredadores naturais" e "o único que podería contar é case en exclusiva o polbo", advirte Trigo.

Unha invasión de cangrexos azuis tamén suporía enormes danos ecolóxicos e afectaría principalmente á supervivencia do bivalvos de Galicia, pero tamén entraría en "competencia feroz con outros crustáceos autóctonos como a nécora, o boi ou a centola, que poden chegar a verse parcial ou totalmente desprazados", alerta o experto do GEMM.

PASIVIDADE DAS AUTORIDADES

Na comunidade científica e entre os propios homes e mulleres do mar existe preocupación pola ameaza que supón a presenza do cangrexo azul nas rías galegas, pero tamen desasosego e malestar pola pasividade das autoridades competentes nesta materia.

"A actuación das autoridades a nivel nacional, autonómico, comarcal ou local é absolutamente nula".

"Pola experiencia que temos sobre outras especies exóticas que apareceron en Galicia e que posteriormente se converteron en invasoras, a actuación das autoridades a nivel nacional, autonómico, comarcal ou local é absolutamente nula", denuncia Trigo, quen prosegue: "Os prexudicados, que son directamente os mariscadores, son os que sofren os danos e os que teñen que poñer en primeira instancia os medios económicos e físicos necesarios para tentar contelas".

Para Trigo, é necesario que as administración públicas se impliquen canto antes na prevención antes de que sexa demasiado tarde: "Por desgraza, cando unha especie se converte en invasora é xa moi tarde para loitar contra ela, porque será xa imposible de erradicar e o único que se poderá facer é gastar máis e máis diñeiro en diferentes campañas para tentar, tan só, mitigar os seus efectos", advirte.

OUTRAS ESPECIES EXÓTICAS E INVASORAS

O lagostino e o cangrexo azul non son as únicas especies non típicas das rías que foron observadas en augas galegas e noutras latitudes nos últimos tempos. Os científicos do GEMM teñen xa unha longa experiencia no seguimento de especies exóticas e invasoras. Así, por exemplo, detectaron xa por primeira vez na Península Ibérica en 2014 a presenza dun pequeno crustáceo, o coñecido en inglés como Skeleton shrimp e con nome científico Caprella mutica. "Procedente de Xapón, crese que se foi estendendo amodo a través dos cascos dos barcos tanto deportivos como mercantes", lembra Trigo.

O problema que presenta esta especie, segundo o experto do GEMM, "son as súas densidades". "Aínda que os machos, que son máis grandes non chegan a medir máis de 4 centímetros de lonxitude, chegáronse a contabilizar máis de 300.000 exemplares por metro cadrado en diferentes lugares de Europa. Con estas densidades, son capaces de taponar tanto tubaxes como redes de gaiolas de especies acuícolas ou afectar os cultivos de bivalvos como mexillóns", describe.

O GEMM identificou nas rías até cinco especies invasoras de moluscos, outras tres con tendencia a prosperar como invasoras e máis de 40 especies de filos zoolóxicos de invertebrados doutras latitudes.

Ademais de crustáceos, o GEMM ten identificado até cinco especies invasoras de moluscos nas Rías Baixas. Estas son:

- Crepidula fornicata: Gasterópodo norteamericano parecido a unha lapa, importado coa cría de ostra procedente de Francia e de Italia. A día de hoxe está presente xa en toda Galicia e supón unha grave ameaza para moitos bivalvos como as vieiras, zamburiñas e volandeiras. Pégase sobre elas impedindo que poidan desprazarse e ademais compiten con elas polo alimento.  Tamén afecta os mexillóns, sobre os que se fixa e aos que impide alimentarse en condicións.

- Crepipatella dilatata: Gasterópodo suramericano que se supón que chegou co mexillón chileno que se trae vivo a Galicia para o seu procesado como conserva. En poucos anos, invadiu xa as catro Rías Baixas e á parte de estar a desprazar especies autóctonas, tamén está a causar danos económicos ao obstruir tubaxes e tomas de auga de cetarias e outras empresas similares. Nestes momentos é unha das máis preocupantes.

- Hexaplex trunculus: Gasterópodo orixinario do Mediterráneo. Chegou a Galicia a través de cría de ostra importada de Italia. Atópase en abundancia entre a Península do Grove e Vilagarcía. É un voraz depredador de bivalvos e os bancos marisqueiros de todo o sur da Ría de Arousa víronse xa moi prexudicados por esta especie. As confrarías de pescadores xa tiveron que realizar batidas para eliminar tanto os moluscos como as postas  de ovos que realizan.

- Bolinus brandaris: Gasterópodo tamén procedente do Mediterráneo. Ocorre exactamente o mesmo con esta especie que coa anterior. Ambas son voraces depredadoras de bivalvos.

- Limnoperna securis: Bivalvo de orixe australiana que apareceu en Galicia coa importación de cría de ostra procedente de Italia. A día de hoxe xa está nas Rías de Pontevedra e Vigo e probablemente na de Arousa. O problema que presenta esta especie é as densidades que chega a alcanzar, rexistrándose na Ría de Vigo ata case 70.000 exemplares por metro cadrado. O efecto que produce é un tapizado dos fondos sobre os que se fixa, impedindo que calquera outra forma de vida autóctona poida adherirse aos substratos invadidos. Ademais, tamén tapona saídas de tubaxes e tomas de auga.

No GEMM están ademais a realizar o seguimento doutras tres especies tamén de moluscos que de momento son exóticas, pero teñen tendencia a prosperar como invasoras. Estas son:

- Natica stercusmuscarum: Gasterópodo de orixe mediterránea depredador de bivalvos. Atácaos facendo unha perforación circular na cuncha ata que chega ao animal, que termina devorando. Foi introducido coa cría de ostra procedente de Italia.

- Fusinus rostratus: Do mesmo xeito que a especie anterior, este tamén é un gasterópodo procedente do Mediterráneo, introducido a través da cría de ostra. Depredador de bivalvos, é menos preocupante que outras especies debido ao seu pequeno tamaño.

- Rapana venosa: A especie máis preocupante de todas as que ata agora se introduciron en Galicia. Procede de Xapón e foi importada, tamén, coa cría de ostra. O problema que presenta esta especie é o seu gran tamaño (ata 14 centímetros de longo) e a súa voracidade sen límites. En poucos anos expandiuse por todo o Mar Vermello, o Mediterráneo, o Mar Negro e o Atlántico —tanto na costa europea como na americana— e atopouse en diferentes puntos de América do Norte e do Sur. Ata agora capturáronse só unha media ducia de exemplares nos últimos anos na Ría de Arousa, pero ao ser unha especie tipicamente infralitoral é moi difícil saber o alcance real da súa propagación nos fondos da ría. É depredador de bivalvos, aos que envolve por completo asfixiándoos. Despois devóraos.

Nos últimos anos contabilizáronse tamén máis de 40 especies de diferentes filos zoolóxicos de invertebrados (esponxas, briozoos, ascidias...) que apareceron na Ría de Arousa, procedentes doutras latitudes e que non se sabe moi ben que efecto producirán nun medio ou longo prazo sobre a fauna autóctona galega.

O TRABALLO DO GEMM

Unha das actividades na que o GEMM está a poñer o seu foco de atención é precisamente na localización destas especies exóticas e no seu seguimento e evolución, pero carecen de axuda algunha por parte de administracións e institucións para un traballo que é vital para conservación das rías galegas. Como explica Juan E. Trigo, "queda moitísimo por facer e os medios dos que dispoñemos son tan só as cotas que anualmente os socios achegan ao grupo e o equipamento que cada un se financia do seu propio peto (traxes de submarinismo, chalecos, equipos fotográficos...)".

En seis anos de actividade do Grupo de Estudo do Medio Mariño, os seus membros publicaron unha gran cantidade de traballos científicos en revistas nacionais e internacionais, nos que se deron a coñecer:

- A descrición de 5 especies novas para a ciencia: 3 platelmintos e 2 moluscos gasterópodos.

- 7 novas citas para o Océano Atlántico: 4 moluscos (3 gasterópodos, 1 bivalvo) e 3 platelmintos.

- 2 novas citas para Europa: 2 crustáceos.

- 5 primeiras citas para a Península Ibérica: 3 moluscos gasterópodos, 1 platelminto e 1 crustáceo.

- 1 segunda cita para a Península Ibérica: 1 molusco gasterópodo.

- 44 novas citas para Galicia: 24 moluscos (5 bivalvos, 19 gasterópodos), 8 crustáceos, 7 platelmintos, 2 peixes, 1 cnidario, 1 nemertino e 1 porífero.

A misión do GEMM é dar a coñecer á opinión pública a enorme diversidade de fauna e flora que habita nas augas de Galicia e contribuír á súa conservación.

Exemplares de Caprella mutica da Ría de Arousa
Exemplares de Caprella mutica da Ría de Arousa | Fonte: GEMM.
Especies invasoras de moluscos nas rías galegas: 1. Crepidula fornicata sobre vieiras; 2. Exemplares de Hexaplex trunculus realizando unha posta masiva e aspecto desta; 3. Crepipatella dilatata sobre rochas; 4. Bolinus brandaris; 5. Limnoperna securis
Especies invasoras de moluscos nas rías galegas: 1. Crepidula fornicata sobre vieiras; 2. Exemplares de Hexaplex trunculus realizando unha posta masiva e aspecto desta; 3. Crepipatella dilatata sobre rochas; 4. Bolinus brandaris; 5. Limnoperna securis | Fonte: Composición feita por GC con imaxes do GEMM.
Especies de moluscos exóticos con tendencia a prosperar como invasores nas rías galegas: 1. Natica stercusmuscarum; 2. Fusinus rostratus; 3. Rapana venosa
Especies de moluscos exóticos con tendencia a prosperar como invasores nas rías galegas: 1. Natica stercusmuscarum; 2. Fusinus rostratus; 3. Rapana venosa | Fonte: Composición feita por GC con imaxes do GEMM.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 einch?

pois como a xunta actúe igual que coa vespora velutina imos fastidiados pq o unico que fai é favorecer a súa expasión. Mellor que deixe estar as cousas que lle vai millor