Radiografía dos medios nativos dixitais galegos

Os investigadores Cruz Negreira e Xosé López, da USC, trazan o primeiro mapa dos medios nativos dixitais de Galicia nun capítulo do libro 'Media and Metamedia Management' (Springer, 2017). Nel, salientan o auxe destas plataformas informativas, nas que dominan os medios de prensa xeralista e en galego, e entre os que GC é o único que explora un modelo de negocio híbrido de publicidade e subscrición a contidos exclusivos.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 04/12/2016 | Actualizada ás 09:56

Comparte esta noticia

Nas últimas dúas décadas, o ecosistema mediático galego experimentou unha mudanza notable coa aparición de medios nativos dixitais alternativos aos tradicionais. Co ánimo de dar a coñecer o primeiro mapa dos nativos dixitais en Galicia, o catedrático de Xornalismo Xosé López e a doutoranda Cruz Negreira, da Universidade de Santiago de Compostela, publican o seu estudo nun capítulo do libro Media and Metamedia Management (Springer, 2017), unha magna obra editada polos profesores das universidades galegas Francisco Campos Freire, Xosé Rúas Araújo, Valentín Alejandro Martínez Fernández e o propio Xosé López García, que contén principalmente os traballos presentados hai un ano en Pontevedra no marco do 'I Simposio Internacional sobre Gestión de la Comunicación: de los Medios a los Metamedios', organizado por XESCOM, Red Internacional de Investigación de Gestión de la Comunicación. 

Olalla Rodil, de Sermos; Raúl Ríos, de Novas da Galiza; Aurelio Lópes, de Irmandade TV; Xurxo Salgado, de Galicia Confidencial e Ubaldo Cerqueiro, de Que Pasa na Costa, nunha mesa redonda sobre os medios en galego.
Olalla Rodil, de Sermos; Raúl Ríos, de Novas da Galiza; Aurelio Lópes, de Irmandade TV; Xurxo Salgado, de Galicia Confidencial e Ubaldo Cerqueiro, de Que Pasa na Costa, nunha mesa redonda sobre os medios en galego.

Os autores identificaron 164 medios en Galicia, dos cales o 38 por cento son nativos dixitais e destes o 92% son de prensa.

No seu capítulo, titulado 'Web-Native Media in Galicia. Trends and Characteristics of a Booming Model', Negreira e López expoñen os resultados da súa investigación, na que deron cun total de 164 medios galegos, dos cales 62 (38%) son nativos dixitales. Entre os cibermedios que se publican e distribúen exclusivamente en Internet, unha amplísima maioría, o 92%, son medios de prensa, fronte a tan só o 6% de audiovisuais e o 2% de radiofónicos.

A maior parte destes medios concéntrase nas provincias da Coruña e Pontevedra, concretamente un 53% e un 29%, respectivamente. Atrás quedan Lugo e Ourense, cun 12% e un 4% dos cibermedios, respectivamente. 

Respecto ao grao de proximidade dos nativos dixitais, un 48% abarca toda Galicia, un 7% cobre o nivel provincial, un 20% o comarcal e un 25% o municipal. 

Profesionais dos medios que forman parte da Asociación de Medios en Galego.
Profesionais dos medios que forman parte da Asociación de Medios en Galego.

Os autores tamén comprobaron que o grao de especialización temática é "baixo", xa que arredor dun terzo son medios especializados, dedicados principalmente á cultura, universidade, ciencia e tecnoloxía, deportes, ecoloxía, política e agricultura. En todo caso, sinalan que "a proporción respecto aos medios xeralistas mantense constante".

Os medios nativos de información xeral son os que presentan unha maior frecuencia na actualización de contidos, mentres que entre os epecializados practicamente a metade se actualiza mensualmente e o resto móvese entre a renovación diaria e semanal. 

GC, UN CASO SINGULAR

Respecto ao modelo de negocio, todos os medios —agás Galicia Confidencial (GC)— aplican o modelo gratuíto, "demostrando que nos nativos dixitais a principal fonte de financiamento tamén é a publicidade, unida ao libre acceso aos contidos", esclarecen os autores, que salientan o caso de GC, "o único medio que presenta restricións neste aspecto" ao "aplicar un modelo mixto polo cal limita a lectura das súas reportaxes de investigación, só dispoñibles para os subscritores de GC Plus".

Negreira e López observan no público galego unha "maior predisposición a realizar doazóns ou pagar por algún tipo de información".

Nesta liña, os autores explican que o pago polo acceso aos contidos é aínda "minoritario" en Galicia, se ben perciben "unha maior responsabilidade dos lectores para manter a independencia e a actividade dos medios, cunha maior predisposición a realizar doazóns ou pagar por algún tipo de información". 

Negreira e López destacan tamén outros casos polas súas singularidades. Así, sinalan a revista satírica O Botafumeiro (obotafumeiro.com) pola súa exploración de "alternativas de financiamento complementarias á publicidade" como son as doazóns ou o merchandising; tamén Librópatas (libropatas.com), que combina a publicidade cunha tenda en liña de produtos de merchandising e reportaxes en profundidade en formato ebook á venda; ou o caso de Praza Pública (praza.gal), que mestura publicidade e doazóns económicas.

Entre os modelos de emprendemento salientan tamén o caso de Disque, empresa que promove Disquecool (disquecool.com) e Librópatas (libropatas.com), e que amplía os seus servizos con actividades de comunicación online e offline prestadas a clientes.

A metade dos medios nativos dixitais aposta exclusivamente pola lingua galega, "cubrindo un oco esquecido e silenciado polos grandes medios xeralistas de referencia" .

O que non tivo moito éxito foi o chamado xornalismo cidadá, do que só identificaron tres casos (5% do total), entre os que os autores destacan o caso Véspera de Nada (vesperadenada.org), impulsado pola Asociación Véspera de Nada para crear pontes entre colectivos que traballan pola eliminación do petróleo como fonte enerxética.

Respecto á presenza dos nativos dixitais nas redes sociais, Negreira e López constataron que practicamente todos teñen presenza nestes espazos de comunicación —agás cinco—, sendo Facebook e Twitter as redes preferidas.

MAIOR USO DA LINGUA GALEGA

O uso da lingua galega como único idioma de publicación imponse entre os nativos dixitais, xa que arredor da metade destes aposta exclusivamente pola lingua propia de Galcia, fronte a un terzo que se comunica só en castelán. O resto combina ambos os dous idiomas, algúns deles mesturando galego e castelán na mesa edición e outros valéndose de sistemas de tradución automática.

Así, os autores conclúen que é na elección do idioma onde se atopa unha "maior diversidade fronte aos cibermedios con matriz tradicional". Neste sentido, "os nativos dixitais conseguen cubrir un oco esquecido e silenciado polos grandes medios xeralistas de referencia".

20 ANOS DE MEDIOS NATIVOS EN GALICIA

Este ano cumpriuse o 20 aniversario da aparición do primeiro medio nativo dixital en Galicia: Vieiros (vieiros.com). Como explican os autores do estudo, este naceu como "buscador de información e recursos", pero "pronto empezou a xerar os seus propios contidos informativos e a publicaros diariamente, acadando en 2001 máis de trinta corresponsais dentro e fóra de Galicia". Logo de Vieiros chegarían outros nativos como Galicia Diario (galiciadiario.com), Xornal Galicia (xornalgalicia.com), Galiciaé (galiciae.com) ou Galicia Confidencial, que naceu en 2003 como blog de información política e que, grazas ao éxito acadado como medio alternativo e referente entre unha ampla comunidade de lectores, foi mutando até converterse nun xornal que hoxe é o líder entre os medios nativos dixitais en galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Algúns medios locais precisan da axuda e todos para despegar... http://www.noticiasvigo.es/ Sería bo establecer sinerxias que permitiran a tódolos medios dixitais galegos medrar e facerse ALTERNATIVOS a esa outra "incomunicación" pagada por Xunta, Deputacións e Concellos...

1 Gamela

Aqueles marabillosos anos... 2011 nos que todo estaba por facer marcaron un punto de inflexión na comunicación dixital en Galicia, ogallá non perdamos o rumbo e sigamos mantendo medios de comunicación libres en Galicia. Noraboa e Vivamos como galegos !!! http://gamela00.blogspot.com.es/201...