O alcalde de Ponteceso critica a empregados que antepoñen "ser forofos do partido contrario a dar un servizo público"

Asegura que quen o "atacan" queren "tapar o estado de bancarrota" no que estaba o Concello cando chegou

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2016 | Actualizada ás 14:42 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O alcalde de Ponteceso (A Coruña), o socialista Xosé Lois García Carballido, criticou este sábado pola mañá nunha rolda de prensa no Concello a aqueles traballadores que "lles pesa máis ser forofos do partido contrario que dar un servizo público".

E é que o Ministerio Público denunciou por un suposto delito de prevaricación e outro de coaccións ao alcalde de Ponteceso, tras a denuncia formulada polo comité de empresa. O primeiro en presentar denuncia ante a Fiscalía foi o comité de empresa do Concello por "suposto acoso e persecución contra o persoal funcionario e laboral da Casa do concello".

Na rolda de prensa celebrada na Casa do concello, tal e como explicou o rexedor en declaracións a Europa Press, estiveron presentes os sete concelleiros, quen arrouparon e avalaron o alcalde. Pero ademais, tamén acudiron a esta comparecencias varios veciños de Ponteceso. De feito, algúns deles, precisou o rexedor, mostráronse "enfadados" pola actitude de determinados traballadores que, "en vez de dar o calo e traballar", se dedican a "poñer problemas".

Ademais da rolda de prensa realizada na Casa do concello, García Carballido enviou unha declaración á prensa, na que asegurou que quen o "atacan" queren "tapar o estado de bancarrota" no que, asegurou, estaba o Concello cando chegou.

"Queren que os que nos arruinaron, os que meteron a un concello de 5.000 habitantes en cinco millóns e medio de débeda se vaian de rositas", denunciou, para logo lamentar que "mesmo aos traballadores que colaboraban e daban o mellor de si prémeselles para que traballen o menos posible".

AGRADECIDO COA MAIORÍA DOS TRABALLADORES

A pesar de todo iso, fixo fincapé en que non ten "máis que palabras de agradecemento para a maioría dos traballadores de Ponteceso". Aos que están en contra do rexedor pediulles "respecto" e recordoulles que son os veciños os que "pagan as súas nóminas todos os meses".

"Este alcalde está a dar exemplo e non cobra dende o primeiro día que desempeña o cargo. O Concello está arruinado e os empregados tamén son parte da solución", defendeu García Carballido, quen considera que todos teñen que arrimar o ombro".

A continuación, referiuse ao Concello de Ponteceso como un "enfermo que está na UVI": "Os sete concelleiros que gobernamos non estamos a partir as costas dende o primeiro día por salvarlle a vida", dixo.

Deseguido, sinalou que neste municipio dialogan e colaboran tres partidos "moi diferentes" --PSOE, BNG e API--. "Tratábase de evitar que Facenda interveña no Concello", subliñou o rexedor, quen, con clara ironía, se preguntou se os sete concelleiros son "malos e escravistas".

"EMPEÑADOS EN BAIXAR A DÉBEDA"

"A pesar de atopar 2,25 millóns de euros en facturas, moitas delas infladas descaradamente, estamos empeñados en seguir baixando a débeda gracios aos fondos da Deputación no ano próximo en 600.000 euros", relatou, xusto antes de precisar que non vai falar nada da Fiscalía porque non recibiu "ningunha comunicación".

Non obstante, pediulle que investigue de oficio por qué Ponteceso, de 2009 a 2015, "aumentou a débeda un millón de euros" por ano". "Que investigue por que os que tiñan a responsabilidade e a formación xurídica suficiente para evitar isto e denuncialo calaron", apostilou.

Por iso, o rexedor de Ponteceso solicitoulle ao Ministerio Fiscal que "investigue a corrupción": "É o maior problema de España", concluiu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta