Como será o futuro forestal en 2017?

Os ecoloxistas denuncian que o novo Goberno de Feijóo "dá carta branca" para encher Galicia de cultivos enerxéticos. Ademais do eucalipto, potenciará especies como o Liquidambar, a Pawlonia, a acacia ou o bambú que poderán ser aproveitadas en masas continuas monoespecíficas de até 100 hectáreas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/12/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A "lei de acompañamento" dos orzamentos de 2017  (Lei de medidas fiscais e administrativas) deroga o marco normativo aprobado polo bipartito en 2008, o  Decreto 149/2008 que regula a biomasa. Unha situación que, segundo Adega, "dá carta branca" para que certas empresas como Ence, enchan Galicia de cultivos enerxéticos.

Mapa sobre a presión forestal que xerarán as novas medidas do goberno de Feijóo
Mapa sobre a presión forestal que xerarán as novas medidas do goberno de Feijóo | Fonte: Adega

As razóns polas que o Decreto 149/2008 que agora se vai derrogar, establecía un tope de potencia para as plantas de biomasa forestal, tanto unitaria (10MW) como no conxunto de Galicia (80MW) estaban relacionadas coa dispoñibilidade de materia prima para queimar e coa sustentabilidade do proceso. Tratábase, segundo Adega, de axeitar a potencia unitaria ao combustíbel dispoñíbel nunha determinada área xeográfica (50 km de radio arredor de cada instalación) e non ao revés, para actuar como complemento doutros aproveitamentos forestais e non provocar un "efecto chamada".

Por iso, esta organización ecoloxista denuncia que, a partir de 2017, non haberá xa límite de potencia (agora son 10MW por planta, con un máximo de 80MW en total) para as instalación de biomasa en Galicia. "xusto o que quería Ence (Energía y Celulosa) para acadar o obxectivo de estender o seu modelo de xeración enerxético baseado nas grandes térmicas, pola vía dos cultivos enerxéticos (plantar-queimar-plantar) e que traerá unha nova vaga re-eucaliptizadora", suliña.

Así, destaca que, a partires de 2017,  "nada impedirá a ENCE ou á patronal enerxética" promover plantas de 50, 100, 200 MW que precisarán inxentes e continuas cantidades de biomasa para queimar. "E de onde vai sair tanta cantidade de madeira? Pois dos cultivos enerxéticos que como o Eucaliptus nitens, as filiais e os testaferros forestais de ENCE veñen plantando a eito dende hai anos por todo o país, mesmo en territorios (zonas altas, interiores e frías) aos que non podía chegar a variedade E. globulus", suliña.

Especies invasoras

Neste sentido, destaca que non só o eucaliptus nitens vai formar parte desta nova vaga de monocultivos enerxéticos, senón tamén especies como o Liquidambar, a Pawlonia ou mesmo a invasora Acacia, que xunto co bambú poderán ser aproveitadas en masas continuas monoespecíficas de até 100 hectáreas e ciclos de corta de 4-6 anos.

Mapa sobre a potencia dos cultivos enerxéticos
Mapa sobre a potencia dos cultivos enerxéticos | Fonte: Adega

A presión destes novos cultivos enerxéticos sobre os ecosistemas galegos "vai ser brutal", di Adega, se as 8 plantas de biomasa de 10MW de potencia unitaria previstas na Orde que vai ser derrogada, demandan xa un subministro anual de case un millón de toneladas (o que supón entre 15.000 e 20.000 hectáreas anuais de cortas) emultiplicarán por 10 a potencia máxima instalada (até os 800MW totais). "Isto requeriría queimar todos os anos unha superficie equivalente á metade da provincia de Pontevedra", critica.

"A necesidade continua de máis plantíos, con unhas cantas especies de crecemento rápido xestionadas polo oligopolio pasteiro-enerxético, suporá o empobrecemento da 

biodiversidade, a perda dos servizos ecosistémicos do monte e unha nova desfeita paisaxística. Os cultivos enerxéticos debido ás súas características e ciclos curtos, provocarán un empobrecemento intensivo do solo, coa conseguinte redución da fertilidade e da súa capacidade de renovación, condicionando o seu aproveitamento futuro para outros usos", indica. 

Tamén denuncia que, dende a perspectiva socio-económica, a promoción sen limitacións da biomasa pasa por adicar a cultivos enerxéticos grandes superfícies de terras de cultivo, "perdendo máis capacidade de produción de alimentos e soberanía alimentar, favorecendo o abandono do agro e concentración da propiedade en poucas mans, e condicionando o modelo produtivo dos montes veciñais en man común".

Plantación de eucalipto
Plantación de eucalipto | Fonte: greenpeace.org
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 UN POUCO DE SENTIDIÑO

A información extraída é dun estudo do INEGA e non se utiliza obxectivamente. Neste estudo realízase un análise de diversas especies como potenciais para o seu uso como cultivo enerxético, non indica que se van realizar plantacións masivas. O plano “presión forestal que xerarán as novas medidas do goberno de Feijóo” é un mapa de distribución de zonas de presión sobre o recurso que implicaba a posta en marcha das Centrais de Biomasa propostas por Decreto 149/2008. A posta en valor de terreos abandoados e potenciar o monte como recurso, sería algo bo para os cidadáns, mellorando a economía do País e rentabilizando un recurso que podería xerar postos de traballo. É mellor ter o monte abandoado e que se queime tódolos anos… así contribuimos a “mellorar a biodiversidade e o ecosistema”Non? Parece mentira que no mundo no que vivimos o ecoloxismo únicamente sea unha ferramenta para frear o desenvolvemento e non para fomentar o uso sustentable dos recursos.

1 Eucaliptando

Pero cal é a fonte das imaxes, Adega ou Inega???