Sae á luz unha gravación inédita de Manuel María

O Portal das Palabras publica unha peza dos anos setenta na que o poeta recita versos propios e do ‘Romanceiro da Terra Chá’ de Darío Xohán Cabana.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 16/12/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Manuel María segue dando sorpresas, a pesar de todo un ano da Letras adicado a el. O Portal das Palabras acaba de publicar un documento sonoro inédito no que o poeta chairego lle dá voz a versos da súa autoría e tamén do 'Romanceiro da Terra Chá' dun novísimo Darío Xohán Cabana.

Desde a esquerda: Alfonso Rodríguez, Lutgarda González, Saleta Goy, Manuel María e Darío Xohan Cabana en 1969, nas festas de San Pedro de Monforte
Desde a esquerda: Alfonso Rodríguez, Lutgarda González, Saleta Goy, Manuel María e Darío Xohan Cabana en 1969, nas festas de San Pedro de Monforte | Fonte: portaldaspalabras.gal

O documento sonoro, rexistrado polo seu amigo Alfonso Rodríguez López, Alfonso Cumbraos, e realizado en Monforte de Lemos seguramente na primavera de 1970, acompáñase dun emotivo texto no que o académico Darío Xohán Cabana recorda catro décadas despois o día da gravación.

Aínda que estudaba en Lugo, Darío Xohán Cabana adoitaba visitar todos os meses a Manuel María e a súa dona, Saleta Goy en Monforte de Lemos. O día en que se produciu a gravación non só estivo presente, tamén participou nela. Na media hora que dura a cinta, escóitase a Manuel María recitando unha “autoescolma” dos seus propios poemas con esa súa voz que hoxe “nos chega dende o fondo da vida corenta e seis anos despois, esa voz que daquela tiña xusto corenta anos”. 

Despois o protagonista do Día das Letras Galegas de 2016 recita dous poemas de Pondal e deseguido anuncia que vai ler tamén poemas do Romanceiro da Terra Chá dun poeta de dezaoito anos. Séguelle o propio Darío Xohán Cabana recitando outras dúas composicións do seu Home e terra, que Manuel María decidira publicar na colección Val de Lemos das Edicións Xistral. No documento tamén se escoita a Manuel Emilio Blanco, amigo e compañeiro de Darío Xohán Cabana, e a Alfonso Rodríguez.

Durante 2016 o Portal das Palabras publicou distintos contidos arredor de Manuel María, algúns deles tamén inéditos e dixitalizados pola Fundación Barrié. O pasado mes de maio difundiu a gravación inédita da estrea d’As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, obra de teatro que o escritor creou como agasallo aos fillos de Alfonso Rodríguez e a súa dona Lutgarda González. A obra teatral naceu así sobre o papel en 1975. Meses despois, a piques de comezar o verán de 1976, estrearíaa no teatro de monicreques que o pai dos cativos construíra para eles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta